ANTES DE COMEZAR…
Os criterios de elaboración son sobre todo persoais e, aínda que procurei ordenar un pouco os xogos segundo os meus gustos, a orde non ten maior importancia, sobre todo a medida que se baixa na clasificación. Outros criterios que tomei para elaborar esta clasificación son:
-Descartei xogos populares de mesa ou educativos, aínda que pode haber excepcións.
-Ao ser un sistema recente, resulta complicado atopar o catálogo completo. No occidental coido que xoguei todo o que saíu en formato físico, pero do xaponés só atopei unha pequena listaxe de exclusivos que descartei polo idioma.
-As imaxes enlazan con análises doutras webs para quen busque máis información.
-Os títulos en cor vermella teñen polo menos unha protagonista feminina controlable.
-O número de xogadores refírese a partidas simultáneas; non se teñen en conta as partidas por quendas.
Actualizado: 22/03/2017
¡Comezamos!
88. La saga LEGO (2013-2016) (2 xogadores)
Persoalmente non me gustan, pero non considero a súa idea e proposta tan horribles como para non merecer unha mención na lista. Paréceme que todos ofrecen o mesmo, agás LEGO City Undercover: plataformas e combates sinxelos.
87. Sonic Boom: El Ascenso de Lyric (2014) (1 xogador)
Lanzouse con serios fallos de programación que estragaban o xogo e tivo unha repercusión bastante negativa, pero hoxe existe un parche que arranxa a maioría. Tecnicamente segue sendo moi mellorable, pero, malia todo, é un xogo divertido no que debemos combinar as habilidades dos catro protagonistas para superar fases variadas con combates corpo a corpo e plataformas 2D ou 3D.
86. The Cave (2013) (1 xogador)
O regreso de Ron Gilbert ás aventuras gráficas clásicas: como era de esperar, estamos ante unha aventura con quebracabezas e humor. Combina pequenas doses de plataformas coa idea vista en Maniac Mansion de escoller tres personaxes con diversas habilidades, o que ofrece variedade de solucións ao xogador. Aínda así, non me pareceu tan divertido nin tan entretido coma outros clásicos.
85. Dr. Luigi (2013) (2 xogadores)
Malia o cambio de nome e o engadido do xogo en liña, en esencia é a mesma proposta do clásico de quebracabezas e habilidade Dr. Mario de NES.
84. NES Remix Pack (2014) (1 xogador)
Aproveitando os escenarios de grandes clásicos de NES, este xogo proponnos superar multitude de pequenos retos neles: conseguir moedas no menor tempo posible, eliminar os virus que se moven en Dr. Mario etc. É un xogo simple, pero aditivo, e gaña moito se se compite contra amigos.
83. Runbow (2015) (9 xogadores)
Bastante sinxelo e, xogado só, resulta aburrido, pero en compañía gaña bastante. Consiste en multitude de probas de plataformas nas que os xogadores compiten por chegar á meta ou por ser os últimos en morrer, en escenarios que cambian de cor cada poucos segundos, o que fai que aparezan e desaparezan plataformas ou trampas.
82. Year Walk (2015) (1 xogador)
Unha das aventuras mellor adaptadas ás funcións do gamepad e que pasou desapercibida no seu momento. É bastante complicado definila: é unha amálgama de folclore escandinavo na que debemos explorar unha contorna inquietante e interactuar con figuras estrañas mentres resolvemos quebracabezas. A versión de WiiU engade a opción dun bloc de notas e emprega o xiroscopio para explorar diversos planos (semellante ao escáner de ZombiU).
81. Pullblox World (2014) (1 xogador)
Un divertido xogo de plataformas e quebracabezas con dúas entregas anteriores para 3DS. Proponnos alcanzar puntos elevados usando como plataformas bloques que podemos mover; ao facelo, móvense todos os da mesma cor.
80. Nano Assault Neo (2012) (2 xogadores)
Matamarcianos que pertence a unha saga cunha ambientación inspirada na microbioloxía. Como a maioría dos do seu xénero, caracterízase por unha duración curta, alongada a base dunha dificultade alta. A súa xogabilidade é simple, como en calquera arcade semellante, pero co engadido de poder mercar melloras para a nave, o que lle dá un pequeno toque estratéxico.
79. The Swapper (2014) (1 xogador)
Un xogo de quebracabezas con plataformas e unha narrativa de ciencia ficción espacial. Os xogadores manexamos un dispositivo que nos permite crear clons e intercambiarnos con eles para superar multitude de desafíos.
78. Minecraft: Story Mode (2016) (1 xogador)
A única produción de Telltale para WiiU. Non é a mellor de todas as que ten, pero combina de forma moi acertada o universo Minecraft co seu estilo moderno de aventura gráfica. É loable a súa capacidade para dotalo dunha narrativa boa e interesante, da que o xogo orixinal carece por completo.
77. RUSH (2013) (1 xogador)
Un orixinal xogo de habilidade e quebracabezas no que, usando a pantalla táctil, debemos colocar casas para levar diversos cubos de cores ata a súa propia meta; a medida que avanzamos niveis, o xogo aumenta o número de cubos que debemos coordinar.
76. Teslagrad (2014) (1 xogador)
Un xogo de scroll lateral, centrado en quebracabezas e plataformas, con escasos momentos de acción. Todo xira arredor de mecánicas baseadas no electromagnetismo: conseguimos dúas cargas enerxéticas de cores distintas e a premisa principal é que as da mesma cor se repelen e os polos opostos se atraen. O seu desenvolvemento pareceume algo aburrido e lento, pero a súa proposta orixinal e a forma de narrar a historia sen diálogos convérteno nun xogo digno.
75. Axiom Verge (2016) (1 xogador)
Persoalmente non considero que Axiom Verge achegue nada novo; é máis ben un bo clon do proposto polos primeiros Metroid. É divertido, ten unha dificultade aceptable e un bo deseño de xefes finais e de escenarios. É unha boa recomendación para os amantes do xénero no seu estado máis purista.
74. Severed (2016) (1 xogador)
Os creadores de Guacamelee! preséntannos a historia dunha moza guerreira que esperta sen un brazo e debe atopar a súa familia. É unha estraña mestura entre o que sería un Metroid e unhas masmorras en primeira persoa, cunha mecánica de ataque que aproveita a pantalla táctil, onde debemos facer tallos para cortar e amputar (de aí o seu título) os nosos inimigos.
73. Master Reboot (2014) (1 xogador)
O adxectivo psicodélico é o termo máis usado para explicar esta estraña aventura que non deixa indiferente a ninguén. Para uns é un simple walking simulator; para outros, unha aventura subxectiva que combina de forma xenial pequenas doses de terror con quebracabezas e unha trama que engancha desde o comezo, xa que trata dunha empresa que sobe á «nube» as almas da xente para que sexan inmortais.
72. Need for Speed Most Wanted U (2013) (2 xogadores)
Unha das grandes achegas do catálogo ao xénero dos arcades de velocidade. Conta con variedade de carreiras por unha cidade ficticia na que o noso obxectivo final é converternos no condutor máis buscado pola policía. Para iso, ademais de conducir respectando o mínimo, temos que desprazarnos polo mapa buscando probas que superar e coches novos que desbloquean novos retos. Ademais, esta versión ten un modo de xogo cooperativo asimétrico no que o segundo xogador pode manipular o tráfico ao seu antollo.
71. The Book of Unwritten Tales 2 (2016) (1 xogador)
Unha das mellores aventuras gráficas da xeración. Narra unha historia de fantasía medieval cargada de humor e con montóns de personaxes secundarios interesantes. O seu desenvolvemento lembra as aventuras máis clásicas do xénero, nas que temos que explorar os escenarios para recoller diversos obxectos e resolver multitude de quebracabezas. Por desgraza, non aproveita a posibilidade de xogar co lapis táctil.
70. Slender The Arrival (2015) (1 xogador)
Nova entrega de terror baseada no personaxe Slender: unha aventura moi curta, pero cargada de tensión. Non é do mellor que deu o xénero e é un pouco repetitiva, pero ofrece unha experiencia rápida e directa de terror subxectivo.
69. Child of Light (2014) (1 xogador)
Ubisoft apuntouse á moda indie con esta gran achega na que nos presenta unha aventura chea de fantasía baseada na eterna loita entre a luz e a escuridade. Nela controlamos a Aurora, que tras morrer esperta no reino de Lemuria, de onde quere escapar. Coa nosa protagonista temos que explorar escenarios 2D cun desenvolvemento inspirado nos Metroid clásicos, pero no que a acción deixa paso a combates de rol por quendas.
68. Bit.Trip Presents Runner 2: Future Legend of Rhythm Alien (2013) (1 xogador)
Secuela de Bit Trip Runner, aparecido en 2010, que mantén a xogabilidade e engade novos movementos e elementos aos escenarios. Persoalmente non me gustou tanto coma o anterior, en parte polo cambio gráfico escollido, que complica a observación dos elementos do escenario.
67. Watch Dogs (2014) (1 xogador)
Non esperaba gran cousa deste sandbox; imaxinaba que sería un máis con diferente ambientación. Pero hei de recoñecer que ao xogo lle pasaron máis factura as promesas gráficas incumpridas do que realmente merece: logra combinar acción e sixilo de forma acertada, e a idea do «hackeo» como ferramenta central para analizar e resolver todas as opcións está ben implementada e resulta moi divertida. Persoalmente non me gustou a súa proposta en liña con invasións doutros xogadores, pero recoñezo que pode enganchar.
66. Freedom Planet (2015) (1 xogador)
Claramente inspirado nos Sonic de Megadrive, Freedom Planet é unha fiel representación do que foron os xogos de plataformas nos anos 90. Cunha historia divertida, debemos explorar e superar niveis moi variados.
65. Trine Enchanted Edition & Trine 2: Director’s Cut (2015-2012) (3 xogadores)
Orixinal e divertida saga que combina plataformas e acción cunha narrativa de fantasía que bebe moito da literatura artúrica, pero en clave de humor. En ambas as partes temos que alternar o control de tres personaxes, cada un coas súas habilidades, para lograr superar obstáculos, quebracabezas e combates.
64. Ninja Gaiden 3: Razor’s Edge (2012) (1 xogador)
Esta versión arranxou o sistema de combate para mellorar o visto no seu lanzamento orixinal. Amplía o contido, inclúe misións novas intercaladas con outra protagonista e mellora o sistema de combos inicial, pero, aínda así, segue sen igualar as súas primeiras entregas. Con todo, ofrece un reto complicado a calquera amante dos eu contra o barrio con control clásico.
63. Terraria (2016) (1 xogador)
Nova proposta xurdida coa moda dos xogos de supervivencia e crafteo que iniciou Minecraft. Nesta ocasión a perspectiva escollida é 2D lateral, con gráficos retro. A mecánica é a mesma que noutros xogos do xénero: recoller materiais, fabricar obxectos e lograr sobrevivir nunha contorna hostil.
62. Pac-Man y las Aventuras Fantasmales 1&2 (2014) (1 xogador)
Sen chegar a ser revolucionarias nin innovadoras, estas dúas entregas levan o universo do famoso personaxe de Namco a un divertido xogo de plataformas 3D con mecánicas xa vistas noutros xogos, como transformacións e poderes cos que seguir avanzando, pero con niveis moi coidados e variados. Teñen unha duración bastante curta e unha dificultade que os fan máis axeitados para o público infantil.
61. Scribblenauts Unlimited & Scribblenauts Unmasked (2012-2013) (4 xogadores)
A saga Scribblenauts ofrece unha liberdade á que só a nosa imaxinación pode poñer límites. Debemos resolver situacións e problemas para facer felices a outros personaxes, e para iso podemos escribir na libreta do personaxe calquera cousa ou ser vivo que se nos ocorra, e materializarase. Por iso tamén podemos provocar situacións moi divertidas, como, por exemplo, un combate entre Deus e Superman.
60. The Binding of Isaac: Rebirth (2015) (1 xogador)
Trátase dun remake que amplía o seu contido. Estamos ante un roguelike no que debemos explorar salas en masmorras que se xeran aleatoriamente e no que a alta dificultade é o ingrediente principal.
59. Don’t starve: Giant Edition (2015) (1 xogador)
Outro xogo de supervivencia, nesta ocasión ambientado nun mundo que combina fantasía e ciencia. Manexamos a Wilson, que foi raptado por un demo e abandonado á súa sorte nun lugar inhóspito. Usando a contorna e os seus sinistros habitantes, debemos aprender a sobrevivir ata lograr escapar. Diferénciase doutros xogos de supervivencia en que ten un enfoque máis roguelike, no que a contorna é máis agresiva a medida que avanzan os días.
58. Pokkén Tournament (2015) (2 xogadores)
Un xogo de loita bastante técnico baseado na franquía Pokèmon. Pode resultar difícil de dominar para xogadores menos habituais, pero moi satisfactorio para os máis veteranos. A súa proposta de loita combina un triángulo de ataques no que cada un é superior a un dos outros dous e débil fronte ao outro, e xunto a isto hai un sistema que alterna combates en 2D e en 3D.
57. DuckTales: Remastered (2013) (1 xogador)
Unha boa adaptación dun dos mellores xogos de plataformas de NES. Ten un magnífico traballo gráfico detrás, pero mantense fiel ao orixinal e conserva a súa xogabilidade. Ademais, engádense voces de gran calidade, aínda que en inglés. Por último, incorporáronse pequenos extras, como unha galería de arte ou unha piscina de moedas que imos enchendo coas riquezas que conseguimos xogando.
56. Guacamelee! Super Turbo Championship Edition (2014) (2 xogadores)
Unha aventura metroidvania de ambientación mexicana e cargada de humor, na que predominan as plataformas e a acción beat'em up. O seu maior atractivo é que xoga con dúas realidades alternativas, o mundo dos vivos e o dos mortos, que temos que saber aproveitar para poder avanzar.
55. Steamworld Collection (2016) (1 xogador)
Baixo este nome reúnense dous xogos: Steamworld Dig, que nos propón a exploración 2D dunha mina para recoller materiais e é de curta duración, e Steamworld Heist, que basea o seu concepto en combates estratéxicos por quendas, cunha ambientación de piratas espaciais e moito humor; neste caso atopamos un xogo cunha dificultade aceptable e longa duración.
54. Unepic (2014) (1 xogador)
Inspirado no clásico dos anos 80 The Maze of Galious. Estamos ante unha proposta que mestura plataformas, rol e masmorras, todo iso con bastante humor. Por desgraza, a diferenza da versión de PC, eliminouse o modo multixogador en liña, que propuña novos retos para resolver en compañía.
53. Oddworld: New ‘n’ Tasty! (2016) (1 xogador)
A saga Oddworld ten as súas orixes nos anos 90, en PSX e PC. Este xogo é o remake da primeira parte, na que, manexando a Abe, debemos salvar a súa raza escravizada nunha fábrica. O xogo converte os escenarios orixinais a un xenial 2.5D, pero mantén a xogabilidade orixinal, que combina plataformas e sixilo cun sistema de comunicación por frases predefinidas para dar ordes aos compañeiros. Porén, sofre caídas de fotogramas puntuais e inexplicables.
52. Affordable Space Adventures (2015) (3 xogadores)
Aos mandos dunha nave espacial desvencellada debemos explorar un mundo 2D sinistro, cun concepto de sixilo moi orixinal no que temos que configurar a potencia das diversas funcións da nave para reducir o ruído, a calor ou a electricidade que emitimos e pasar desapercibidos ante os diversos inimigos. Fai un bo uso do gamepad, pero o seu punto forte e máis orixinal é que permite repartir as funcións da nave con ata tres xogadores, o que fomenta a cooperación e, sobre todo, a coordinación.
51. Minecraft WiiU Edition (2015) (1 xogador)
Minecraft non precisa presentación: pioneiro na creación de mundos 3D infinitos e abertos xerados de forma aleatoria nos que os xogadores deben explorar, recoller materiais e fabricar todo tipo de ferramentas para lograr sobrevivir. Esta versión tiña un gran potencial para aproveitar as posibilidades do gamepad, pero, por desgraza, limítase a ser unha simple conversión. Aínda así, non defraudará ningún amante do xogo de crafteo por excelencia.
50. Darksiders Warmastered Edition & Darksiders II (2012-2017) (1 xogador)
Estaba dubidando entre crear dúas entradas separadas, pero creo que ambos os xogos poden unificarse nunha soa. Estamos ante dous xogos cuxo desenvolvemento bebe dos Zelda clásicos en 3D, pero con maiores doses de acción, con combates hack'n slash. Warmastered é unha remasterización da primeira parte, saída en consolas da xeración anterior.
49. Super Meat Boy (2016) (1 xogador)
Un dos meus xogos de plataformas favoritos, que saíu en moitos sistemas. A súa proposta é sinxela: superar multitude de fases de plataformas cunha alta dificultade, nas que un só fallo supón morrer. Aínda así, é áxil e rápido, xa que non hai tempos de carga e aprender os seus controis é sinxelo.
48. Fast Racing Neo (2015) (4 xogadores)
Carreiras futuristas cunha clara inspiración na saga Wipeout. Logra ofrecer todo un reto para os amantes do xénero cun sistema de turbos que, aínda que é fácil de comprender, require práctica e habilidade para exprimilo ao máximo.
47. Batman: Arkham Origins (2013) (1 xogador)
Unha entrega continuísta con respecto ás anteriores da saga Arkham, que foi unha lixeira decepción para moitos xogadores por prescindir do gamepad na xogabilidade, a diferenza de Arkham City. Con todo, é un gran xogo de Batman que quizais non sorprenda tanto coma os anteriores, pero ten unha boa historia e inimigos novos.
46. Tekken Tag Tournament 2 WiiU Edition (2012) (2 xogadores)
Malia tratarse dun spin-off, moitos considérano o mellor xogo da saga no seu lanzamento. Ofrece un plantel enorme de personaxes e, ademais, nesta entrega engádense traxes de personaxes de Nintendo. Como novidade, cómpre mencionar os escenarios con elementos destrutibles. Porén, igual que Pokkén Tournament, estamos ante un xogo bastante técnico, enfocado ao perfil de xogador habitual, que pode abafar os xogadores máis novatos.
45. Mass Effect 3: Special Edition (2012) (1 xogador)
Ao mesmo tempo que EA lanzaba este xogo, sacaba para a competencia unha recompilación da triloxía a prezo reducido, o que tivo un impacto negativo nas vendas desta versión. A entrega apenas ten diferenzas técnicas con outras versións e o uso do gamepad limítase a accesos rápidos que evitan ter que deter a acción, pero estamos ante un dos mellores RPG de acción da historia, que merece un oco neste top.
44. FIFA 13 (2012) (4 xogadores)
O único simulador de fútbol do catálogo. É semellante ás versións para outros sistemas, pero aproveita a pantalla do gamepad para facer substitucións ou cambios de táctica en directo, ou para ordenar a un xogador determinado que se desprace a unha zona e sorprenda o rival.
43. Monster Hunter 3: Ultimate (2013) (1 xogador)
Trátase dunha versión ampliada e en HD da aparecida para Wii en 2009. É un xogo sen demasiada historia, cunha xogabilidade baseada sobre todo no combate corpo a corpo. Encarnamos un cazador que acepta encargos tanto de caza como de recolección, que pouco a pouco van aumentando a súa dificultade. O xogo xira arredor do espírito da caza e da busca de presas por mapas divididos en zonas e con paisaxes variadas.
42. Injustice: Gods Among Us (2013) (2 xogadores)
Co regreso da moda dos xogos de loita en 2D aproveitouse o filón dos personaxes de DC Cómics. Ten un sistema de control máis sinxelo e homoxéneo entre os personaxes que Tekken Tag 2 ou Pokkén Tournament, pero segue supoñendo un reto para os xogadores máis esixentes, xa que todos os personaxes teñen un patrón de ataques e poderes totalmente diferente.
41. Resident Evil: Revelations (2013) (1 xogador)
A saída deste xogo fíxome mercar unha 3DS e foi unha grata sorpresa, tanto por un certo regreso ás súas orixes, buscando máis o susto que a acción directa, como por aproveitar as funcións da portátil. O xogo levouse a outros sistemas con gráficos HD, pero a versión de WiiU é a mellor escolla grazas ao sensor de movemento e á segunda pantalla do gamepad, que permiten unha adaptación fiel ao orixinal.
40. Mario Party 10 (2015) (5 xogadores)
Mario Party propón diversos xogos de taboleiro nos que os xogadores deben competir superando probas e minixogos. Esta entrega peca de ser bastante continuísta, pero os minixogos en si son divertidos e variados. Quédase un pouco curto en cantidade de taboleiros e extras, ademais de prescindir do uso do motion plus, que mellorara a xogabilidade.
39. Wii Sports Club (2013) (4 xogadores)
Nova entrega de Wii Sports que, ademais do salto ao HD, incorpora novidades interesantes, como a posibilidade de xogar en liña ou o uso do motion plus, que lles dá aos deportes certa complexidade.
38. Batman: Arkham City – Armored Edition (2012) (1 xogador)
Secuela de Arkham Asylum na que se buscou ofrecer un mundo máis aberto. Esta versión é idéntica en historia e contido ás doutros sistemas, pero coa peculiaridade de estar adaptada ao gamepad para recibir as comunicacións por radio, manexar os aparellos do personaxe, ter o mapa e diversos accesos directos desde el e non ter que deter a acción.
37. Mario&Sonic JJOO Rio 2016 (2016) (4 xogadores)
Nova entrega da saga deportiva que colleitou grandes éxitos en Wii. É un xogo divertido, especialmente para competir con amigos, e destaca por incluír como novas probas o rugby e o fútbol. Porén, supón un paso atrás na saga ao prescindir radicalmente de calquera uso das funcións do gamepad ou dos sensores de movemento dos mandos de Wii, nunha regresión á xogabilidade máis clásica do xénero.
36. Assassin’s Creed IV: Black Flag (2013) (1 xogador)
Non esperaba gran cousa desta parte despois de aburrirme coa anterior, pero a ambientación escollida, no Caribe en plena época da piratería, e a trama son moito máis divertidas. Mellorouse especialmente o sistema de combate naval, que converte cada abordaxe ou asalto a unha fortificación nunha emocionante batalla.
35. Paper Mario: Color Splash (2016) (1 xogador)
Nova entrega na que se combinan plataformas, quebracabezas e combates por quendas. As virtudes do xogo poden resumirse en bonito, tranquilo e longo, pero ten defectos, como un sistema de combate e de exploración monótono e un nivel de dificultade baixo. Aínda así, as escenas e os diálogos son moi enxeñosos e fan que pague a pena.
34. Sonic & All Stars Racing Transformed (2012) (5 xogadores)
Un xenial título que imita a proposta dos Mario Kart con personaxes de SEGA. Dito así pode parecer un simple clon, pero o certo é que ten circuítos moi elaborados e adiántase á saga de Mario ao incluír transformacións en escenarios e vehículos. En cambio, ten unha mala selección de obxectos, que non engaden tanta diversión ás carreiras como cabería esperar.
33. Kirby and the Rainbow Curse (2015) (4 xogadores)
Esta nova entrega pode considerarse unha secuela espiritual de Kirby’s Magic Paintbrush de Nintendo DS. Trátase dun novo xogo de plataformas cuxo manexo se centra exclusivamente no lapis do gamepad, co que debemos debuxar o camiño que segue o protagonista; achega variedade dentro dos moitos xogos de plataformas que ten WiiU. Cómpre destacar tamén o seu estilo artístico, que imita mundos de plastilina, e a súa música pegadiza.
32. LEGO City Undercover (2013) (1 xogador)
Por unha vez, un xogo de LEGO presenta unha trama policial orixinal que se desenvolve nun mundo aberto cheo de acción, plataformas e retos de habilidade. Fai un pequeno e orixinal uso das funcións do gamepad, que funciona como intercomunicador, escáner para detectar pistas etc. Tamén destaca por un conxunto de misións variadas que en ningún momento dan sensación de repetitivas. En cambio, padece uns tempos de carga pesados e unha dificultade nula.
31. Yoshi’s Wolly World (2015) (1 xogador)
Como en anteriores xogos de Yoshi, estamos ante un xogo de plataformas 2D cos movementos clásicos do personaxe: impulsarse no aire ou comer os inimigos para transformalos en ovos novelos para lanzar. Nisto último está a novidade desta entrega: nesta ocasión as fases e os inimigos están feitos de la, o que ten un impacto tanto no seu estilo visual como na xogabilidade, que xira arredor do mundo do gancho.
30. Mario VS Donkey Kong Tipping Stars (2015) (1 xogador)
Un xogo de quebracabezas e coordinación ao que lle senta xenial o gamepad. Inspirado na idea dos Lemmings, debemos axudar uns mini-Marios a sortear diversos obstáculos e inimigos ata alcanzar a meta. O xogo peca de pouca orixinalidade con respecto ás entregas anteriores. Inclúe un editor de niveis e a posibilidade de descargar niveis creados polo resto de xogadores, que alongan a súa duración.
29. Mario Tennis: Ultra Smash (2015) (4 xogadores)
Nova entrega do tenis arcade de Mario, que regresou á xogabilidade tradicional prescindindo, por desgraza, da posibilidade de aproveitar os sensores de movemento compatibles de Wii. Tamén trae escasos modos de xogo, pero, con todo, é divertido, sobre todo con amigos.
28. New Super Luigi U (2013) (5 xogadores)
Un redeseño da versión de Mario con novas fases e un novo sistema de control, xa que manexamos a Luigi, que ten unha velocidade e un impulso no salto diferentes. Persoalmente non me gusta tanto coma o primeiro, pero hai que recoñecer que nesta ocasión a dificultade está nun nivel correcto.
27. Super Mario 3D World (2013) (4 xogadores)
O traslado da idea do Super Mario 3D Land de 3DS a WiiU tivo bastante repercusión e, para moitos, foi unha entrega digna. O seu desenvolvemento consiste en fases lineais, como nun Mario 2D, pero cunha perspectiva case sempre isométrica. O xogo é divertido e ten moito contido, pero peca dunha dificultade case sempre nula e dun desenvolvemento que non satisfai a quen busque a profundidade e a exploración dun Mario 3D.
26. Sonic Lost World (2013) (1 xogador)
A saga do ourizo de SEGA caracterizouse por ter altos e baixos de calidade nas súas diversas entregas, pero o certo é que esta ofrece un bo xogo composto por grandes fases tanto en 3D como en 2D, a maioría coa velocidade e as acrobacias típicas do protagonista.
25. NBA 2K13 (2012) (5 xogadores)
O mellor simulador de baloncesto do seu ano non faltou no lanzamento de WiiU. Aproveitaba o gamepad para permitir dar ordes ou cambiar de táctica sen ter que deter o xogo. No demais estaba ao mesmo nivel que os seus competidores, pero non tivo boas vendas.
24. Hyrule Warriors (2014) (2 xogadores)
Os musou game son unha variante dos eu contra o barrio na que o protagonista se lanza a un campo de batalla cheo de inimigos para derrotalos cun sistema de combos sinxelos e ataques especiais espectaculares. Hyrule Warriors consiste nisto, pero tomando a ambientación, a historia e os personaxes da saga Zelda.
23. ZombiU (2012) (1 xogador)
Manexando os superviventes dun brote zombi en Londres, debemos lograr escapar. Con esta premisa presentábasenos un xogo de supervivencia en primeira persoa que demostra o potencial do xogo asimétrico de WiiU, por exemplo usando un escáner que é o propio mando e que podemos mover libremente para localizar inimigos, munición e obxectos. Tamén pode ser a mira dun rifle, teclados, mapas etc.
22. Xenoblade Chronicles X (2014) (1 xogador)
Un dos proxectos máis ambiciosos de WiiU foi este JRPG, que nos ofrece todo un planeta para explorar enfrontándonos a unha fauna salvaxe dunha variedade abafadora. Para iso dispoñemos dun sistema de combate cunha complexidade e unha amplitude de posibilidades enormes. Pero onde destaca é na posibilidade de desbloquear e mellorar o noso propio mecha para explorar accidentes xeográficos inaccesibles a pé ou derrotar bestas xigantes. Por desgraza, o xogo desaproveita toda esta posta en escena cunha trama principal moi superficial.
21. Tokyo Mirage Sessions ♯FE (2016) (1 xogador)
Atlus trouxo este RPG con masmorras inspiradas nas da saga Shin Megami Tensei, mentres que a trama, bastante superficial, bebe moito do spin-off Persona 4. A súa maior virtude é un sistema de combate que mestura a idea de buscar a que tipos de ataques son débiles os inimigos (vista nos SMT) co triángulo de armas dos Fire Emblem.
20. The Legend of Zelda: Twilight Princess HD (2016) (1 xogador)
Este remake ofrece unha mellora gráfica importante e a posibilidade de xogalo cun control clásico. Persoalmente prefiro a versión de Wii co seu control por movemento, entre outras cousas porque o xogo gañaba certa dificultade que lles daba aos combates un aire épico que se perdera na saga. Aínda así, segue sendo un dos mellores da saga pola súa ambientación e historia.
19. Starfox Zero (2016) (1 xogador)
Un xogo con bastante polémica no seu lanzamento, pero que soubo recuperar as orixes desta saga de disparos en naves espaciais. Conta con deseños de niveis con varias rutas, moitas escenas de acción, varios vehículos e xefes finais. Á vez, logrou innovar cun sistema de control asimétrico no que o gamepad amosa a acción en primeira persoa e podemos movelo libremente para disparar en calquera dirección. Pode parecer complexo, pero se se lle dá unha oportunidade domínase axiña e dálle un toque arcade único.
18. Shantae: The Pirate’s Curse & Half-Genie Hero (2014-2016) (1 xogador)
Ambas as entregas ofrecen plataformas e acción en 2D que mesturan masmorras e quebracabezas cunha historia divertida. Gozan dunha banda sonora que engancha e de múltiples finais segundo nos esforcemos ou non en completar diversas misións secundarias. O primeiro ten un estilo gráfico da era dos 16 bits que me gustou máis.
17. New Super Mario Bros U (2012) (5 xogadores)
Primeiro xogo de plataformas 2D de Mario en HD, cun apartado artístico sobresaínte. É un pouco continuísta, pero isto non é necesariamente malo tendo en conta que é unha das sagas que máis achegou ao xénero. O seu único defecto é unha dificultade demasiado baixa, que elimina a sensación de enfrontarse a un reto.
16. Bayonetta (2014) (1 xogador)
Xenial adaptación do xogo deseñado para 360, que é un referente dos hack'n slash actuais. A saga Bayonetta incorpora un sistema de combate que rompe co tradicional porque permite facer combos infinitos se coordinamos ben os diversos ataques e porque, ás veces, cómpre non premer ningún botón para continuar o combo. Isto impide premer botóns mecanicamente: se queremos facelo ben, haberá que aprender a levar un ritmo.
15. Pikmin 3 (2013) (1 xogador) (2013)
Unha aventura de estratexia e xestión en tempo real na que debemos recrutar e dirixir un pequeno exército de Pikmins: uns seres estraños con habilidades únicas segundo a súa cor. A nosa misión é resolver contratempos para alcanzar alimentos e levalos á nave antes do anoitecer. Os escenarios teñen un deseño precioso e rico en detalles, ademais dunha fauna salvaxe á que debemos aprender a enfrontarnos. En conxunto, un xogo único, especialmente pola súa proposta.
14. Shovel Knight (2014) (1 xogador) (2014)
Un xogo de plataformas e acción que sabe traer o mellor da época retro, pero sen caer nunha dificultade absurda, cunha historia divertida e unha banda sonora brutal. A súa historia principal dura pouco, pero o DLC ten unha campaña secundaria con outro personaxe que o compensa.
13. Captain Toad: Treasure Tracker (2014) (1 xogador)
Un concepto simple, pero divertido: minifases de quebracabezas de plataformas nas que temos que atopar tres xemas e alcanzar unha estrela. Un apartado artístico con moito mimo e detalles como a variedade de animacións de Toad e Toadette expresando as súas emocións. Inclúe modos de xogo desbloqueables, como contrarreloxo ou varios minixogos.
12. Deus EX: Human Revolution Director’s Cut (2013) (1 xogador)
Sen chegar á profundidade narrativa nin á liberdade de elección da primeira entrega, esta precuela propuña un bo xogo de rol futurista no que podiamos escoller como afrontar as diversas situacións: con sixilo, con acción ou, ás veces, dialogando.
11. Super Mario Maker (2015) (1 xogador)
Estamos ante un editor de niveis de xogos da saga Mario Bros co que calquera pode crear os seus niveis, pero que á vez encerra certa complexidade para os creadores máis hábiles. Ademais, permite a quen só queira xogar gozar de varios niveis oficiais creados por Nintendo e dunha comunidade inmensa de xogadores.
10. Project Zero: Maiden of Black Water (2014) (1 xogador)
Unha saga de terror na que os protagonistas deben explorar e resolver quebracabezas en lugares malditos armados cunha cámara de fotos. Esta entrega é especial porque aproveita a posibilidade de que o gamepad sexa a cámara, o que xera momentos de tensión mentres enfocamos en primeira persoa sen ver que se nos achega polas costas. Ademais, goza dun bo apartado gráfico, especialmente no deseño dos personaxes e nos efectos da choiva e da auga.
9. Rayman Legends (2013) (4 xogadores)
Nova entrega de plataformas 2D baseada no mundo de Rayman. Combinaba diversos niveis de desenvolvemento tranquilo con outros sen posibilidade de parar ou mesmo varios runner musicais. Ademais, ten un montón de contido extra, como a posibilidade de desbloquear a maioría dos niveis da entrega anterior da saga.
8. The Legend of Zelda: Wind Waker HD (2013) (1 xogador)
Wind Waker foi un dos mellores xogos de GameCube, cun estilo gráfico máis amable que neste remake gaña colorido e nitidez. Debemos axudar a Link a salvar un mundo asolagado do que só quedan pequenas illas, sen rastro de Hyrule. O xogo incorpora pequenos engadidos que melloran a experiencia do clásico, como a posibilidade de conseguir unha vela que fai a navegación máis rápida e directa.
7. Donkey Kong Country Tropical Freeze (2014) (2 xogadores)
Outro dos grandes xogos de plataformas desta xeración: nesta ocasión debiamos axudar a familia Kong a expulsar unha invasión viquinga que conxelou a súa selva. Como sempre, o xogo alterna variedade de fases de plataformas con outras de habilidade e velocidade en vagonetas ou barrís foguete. Por suposto, tampouco faltan os clásicos xefes finais.
6. Super Smash Bros U (2014) (8 xogadores)
A mellor franquía de loita de Nintendo aterrou por todo o alto con esta entrega, cun número enorme de escenarios e loitadores, estes últimos cun detalle e un coidado nas animacións que impresionan. O máis incrible é a cantidade de contido sen conexión que inclúe, como minixogos, retos, un novo modo local para 8 xogadores etc. E, por suposto, o xa clásico xogo en liña.
5. Bayonetta 2 (2014) (1 xogador)
Esta parte superou todas as expectativas, xa que se esperaba un xogo continuísta, pero Platinum logrou mellorar o control ata alcanzar unha sensación perfecta entre as pulsacións do xogador e os movementos da protagonista. Cun maior número de fases de acción rápida e de inimigos en pantalla, todo a 60 fps, Bayonetta 2 é para moitos o mellor xogo do seu ano. Entre outras novidades, cómpre citar un novo modo en liña no que competir contra outros xogadores.
4. Splatoon (2015) (2 xogadores)
Unha xoia dentro do xénero shooter que logra marcar a diferenza e traer algo novo a un xénero moi trillado. O seu modo de xogo principal non busca a competición por quen consegue máis mortes, senón que gaña o equipo que máis territorio pinte e logre manter coa súa cor. Ademais, trae unha campaña que combina disparos con plataformas e con bos xefes finais.
3. Mario Kart 8 (2014) (4 xogadores)
Mario Kart volveu ás consolas de sobremesa pola porta grande, con novos obxectos e un sistema máis equilibrado no seu reparto, ou o novo modo 200cc. Foi tamén a entrega con máis circuítos e o plantel de personaxes máis amplo no seu lanzamento, sen contar os que se engadiron cos DLC. Ademais, o xogo en liña recibiu mellores opcións, como a posibilidade de crear os nosos propios torneos.
2. The Wonderful 101 (2013) (1 xogador)
Platinum conseguiu o imposible con este hack'n slash: reinventarse e traer un xogo novidoso a un xénero moi explotado. A súa maior peculiaridade está no control, no que debemos «debuxar» símbolos para usar ataques máis poderosos. A aventura proponnos salvar o planeta dunha invasión alieníxena usando as habilidades dun grupo de heroes cun certo parecido aos Power Rangers, todo iso cun ton desenfadado.
1. The Legend of Zelda: Breath of the Wild (2017) (1 xogador)
Calquera cousa que diga sobre este xogo quedará curta. Estamos ante un dos poucos mundos abertos nos que prima a exploración e a resolución de pequenos enigmas por riba do simple combate ou do farmeo repetitivo, e no que é o xogador quen decide como desenvolve a aventura: podemos afrontar directamente a historia principal ou perdernos explorando montañas, bosques, covas etc. Moitos xa o consideran o mellor xogo da historia, pero hai que dicir que tecnicamente sofre ralentizacións e popping ás veces.
