
ANTES DE COMEZAR…
Os criterios de elaboración son sobre todo persoais e, aínda que ordenei un pouco os xogos segundo os meus gustos, a orde non ten maior importancia, sobre todo nos postos baixos da clasificación. Outros criterios que tomei para elaborar esta clasificación son:
-Só xogos comerciais de 1994 a 2002.
-Que hoxe en día se poidan xogar, aínda que sexa minimamente.
-Que estean en castelán ou en inglés, ou que o idioma non importe. Inclúense traducións feitas por fans.
-Descartei xogos populares de taboleiro ou de cartas, aínda que pode haber excepcións.
-Incluín os xogos de Jaguar CD porque son moi poucos e non paga a pena facer un top só para eles.
-Descartei xogos que, comparados co catálogo xeral da propia máquina, eran pasables, pero metelos desvirtuaría outros tops, como o de 3DO, porque daría a sensación de que a Atari Jaguar ten un catálogo moito mellor, cando a realidade é que a maioría dos xogos descartados de 3DO son mesmo mellores ca moitos dos incluídos nesta listaxe.
Actualizado: 26/12/2022
36. Protector Special Edition (2002)
Un moi bo «clon» do clásico arcade Defender. No xogo pilotamos unha nave de esquerda a dereita, á vontade do xogador, e hai que derrubar as naves invasoras que intentan secuestrar seres humanos; nesta edición especial hai novas vagas de inimigos e outras melloras.
35. Brain Dead 13 & Dragon’s Lair & Space Ace (1996-1995-1996)
Varias aventuras cinemáticas, adaptadas desde a plataforma Laserdisc, cunha mecánica baseada en tomar decisións en quente e ir aprendendo por ensaio e erro cal é o camiño correcto. Brain Dead destaca por ter unha historia orixinal con bastante humor.
34. Missile Command 3D (1995)
Remake do famoso clásico, cuxa premisa se mantén igual: hai que destruír mísiles alieníxenas antes de que choquen coa superficie terrestre. Nesta ocasión o xogo funciona cunha cámara en primeira persoa para buscar os proxectís antes de disparalos. É bastante entretido, aínda que o seu principal punto forte era que estaba concibido para usarse coas lentes de realidade virtual que finalmente se cancelaron, o que privou o xogo do que ía ser o seu maior aliciente.
33. Black ICE\White Noise (Cancelado)
Un xogo cancelado do que circulan un par de betas pola rede. Era un título cunhas aspiracións técnicas enormes para 1996, data da súa cancelación oficial: puña o xogador nunha cidade aberta en 3D, de ambientación futurista, onde podía avanzar pola trama principal ou explorala libremente para conseguir traballos e misións secundarias coas que gañar diñeiro.
32. Defender 2000 (1996)
Outro clásico reinventado. Conta con tres modos: un fiel á recreativa orixinal e outros dous novos que ofrecen novas mecánicas e estilos gráficos. «Defender Plus» presenta imaxes de maior resolución con efectos psicodélicos e «Defender 2000» opta por gráficos 2D puros con escenarios máis detallados. En ambos hai variantes na IA inimiga e nos potenciadores, pero sempre fieis ao concepto orixinal.
31. Atari Karts (1995)
Un clon descarado do Super Mario Kart de SNES, que tivo moito éxito: igual que no título de Nintendo, os corredores son personaxes de Atari en carreiras aloucadas con diversos potenciadores. Os circuítos son en 2D cun efecto pseudo-3D parecido ao do título que copia; non é nada orixinal, aínda que graficamente é vistoso e vai fluído.
30. Soccer Kid (2000)
Un orixinal xogo de plataformas e acción que se adaptou a moitos sistemas e no que debemos recuperar os anacos da Copa do Mundo espallados por varios países. Para iso manexamos a Soccer Kid, que co seu balón pode realizar diversos ataques e movementos inspirados no fútbol para superar os niveis.
29. International Sensible Soccer (1995)
Simulador de fútbol cunha xogabilidade endiañada, moi dinámico e que se goza moito. O xogo non entra polos ollos, cuns gráficos 2D básicos, pero conta cun control moi bo, aínda que, por razóns obvias, é un xogo que non cumpría as expectativas postas neste sistema.
28. Pitfall: The Mayan Adventure (1995)
Pitfall é unha saga icónica das consolas de Atari tras os seus éxitos na 2600. Esta entrega ofrece un novo xogo de plataformas e acción en 2D que luce ben, aínda que sen grandes alardes, e cunha dificultade bastante inxusta, pero claramente fóra de tempo para unha consola que debía competir coa oferta 3D da súa xeración.
27. BattleSphere (2000)
Un simulador de combate espacial futurista no que se pode escoller entre varias razas e naves coas que despois competir nun torneo a morte polo dominio da galaxia. Graficamente é do máis potente en 3D da máquina e ten funcións bastante curiosas, como un modo para dous xogadores no que un pilota e o outro usa a torreta, ou a opción de xogar en rede local ata trinta e dous xogadores se se dispón de dezaseis consolas e televisores, algo practicamente imposible na época, pero moi rechamante.
26. Fever Pitch Soccer (1995)
O mellor xogo de fútbol do catálogo: trátase dunha conversión mellorada da versión orixinal para Megadrive, con respecto á cal luce máis nítida e colorida. Ten unha gran cantidade de equipos, aínda que poucas opcións de configuración, pero o control é bastante bo.
25. Brutal Sports Football (1994)
Este título arcade ten unha premisa parecida á dos NBA Jam, pero centrado no fútbol americano: practicamente non hai normas e a violencia é o prato do día, podendo golpear, atacar, mutilar e mesmo matar os xogadores rivais, ata o punto de que se pode gañar por puntos ou eliminando todos os opoñentes. Tampouco faltan un montón de potenciadores que fomentan a acción e a agresión. Graficamente ten un 2D vistoso, pero, ao tratarse dunha conversión desde Amiga, nótase que é un xogo da cuarta xeración de consolas.
24. Syndicate (1995)
Adaptación do RTS orixinal de PC: temos un xogo no que manexamos un escuadrón co que debemos cumprir misións disparando a inimigos ou esnaquizando estruturas. Ten unha atmosfera escura que lle dá certo atractivo; por outra banda, o control obriga a aprender a usar montóns de atallos de botóns para xogalo con soltura, aínda que, fronte a outras adaptacións de consola, nesta ocasión o curioso mando con teclado numérico da Jaguar axuda a controlar mellor a acción.
23. Flashback (1995)
Coa súa atmosfera atemporal, uns gráficos fenomenais para a época e unha animación incrible, Flashback desenvolve un dos mundos máis completos do seu tempo, capaz de absorber o xogador. Trátase dunha aventura de acción con moitos elementos do Prince of Persia clásico, pero aquí predomina máis a acción con disparos.
22. Myst (1995)
Unha das mellores aventuras gráficas da historia, que tivo moitas adaptacións a outras plataformas. A de Jaguar funciona de marabilla e cun control decente no que apenas se bota de menos un rato. A súa historia e os seus quebracabezas son tan bos que é imprescindible para os amantes do xénero en calquera plataforma.
21. Theme Park (1995)
Franquía que iniciou e popularizou o divertido xénero de estratexia e xestión de parques de atraccións. O xogo combina desde a forma en que deseñamos as nosas atraccións ata aspectos máis administrativos, como contratar persoal de seguridade ou de mantemento, xestionar prezos etc. O obxectivo global consiste en lograr a felicidade dos visitantes ao tempo que obtemos beneficios. Non é tan cómodo como xogalo cun rato, pero gózase.
20. Iron Soldier (1994)
O primeiro intento decente de ofrecer ao xogador unha experiencia 3D poligonal «avanzada». Iron Soldier é un FPS que pon o xogador aos mandos dun mecha en contornas 3D semiabertas polas que pode desprazarse libremente e cuxos escenarios destacaban por seren completamente destrutibles.
19. Blue Lightning (1995)
O título orixinal saíu en 1989 para Lynx e seguía a estela de After Burner, cun xogo de disparos no que manexabamos un avión de combate simulando un efecto pseudo-3D; para aquel momento, e como experiencia portátil, era bastante avanzado. Por iso esta adaptación-secuela para Jaguar CD prometía algo moito mellor en 3D, pero finalmente o xogo segue usando gráficos 2D con escalado de sprites para simular a acción. Graficamente é moito mellor que a versión de Lynx, pero, evidentemente, ten moito menos mérito.
18. Worms (1998)
Xogo de estratexia por quendas no que escuadróns formados por vermes se enfrontan entre si buscando a morte do rival. En cada quenda o xogador ten un tempo limitado para mover os seus vermes e realizar un ataque con cada un deles. Goza dun amplo arsenal de armas e foi a primeira entrega dunha saga que triunfa ata hoxe entre os amantes da estratexia por quendas en 2D.
17. Pinball Fantasies & Ruiner Pinball (1995)
Dous bos xogos de pinball en dúas dimensións. Ofrecen táboas completamente diferentes e cada unha delas está composta por varias zonas; non achegan nada novo nun xénero que tampouco se presta moito a iso, pero son bos títulos do xénero.
16. Zool 2 (1994)
Un xogo de plataformas sólido e colorido, con fases bastante grandes que explorar para atopar todos os coleccionables; aínda que ten uns controis e unhas mecánicas boas, cae na monotonía por falta de variedade.
15. Cannon Fodder (1995)
Un divertido e popular shooter bélico que se adaptou a moitos sistemas. Debemos manexar un pequeno pelotón de soldados por un mapa desde unha perspectiva aérea e cumprir diversas misións, como eliminar todos os inimigos ou destruír edificios.
14. Skyhammer (2000)
Un xogo de disparos en primeira persoa, semellante a G-Police, no que o xogador pilota unha aeronave futurista armada; o combate consiste sobre todo en batallas aéreas e lanzamento de proxectís contra avións inimigos, drons, torretas ou tanques. Tecnicamente é do mellor en 3D que vin no catálogo: todo vai fluído a maior parte do tempo e os controis, en comparación con outros shooters en primeira persoa a bordo de naves, son moito máis intuitivos e cómodos.
13. Super Burnout (1995)
Un sorprendente título de carreiras arcade en moto que funciona realmente ben, cun moi bo control; pode presumir dunha fluidez e unha velocidade inauditas para o sistema.
12. Attack of the Mutant Penguins (1995)
Un dos xogos 2D máis coloridos do catálogo e tamén un dos máis peculiares á hora de clasificalo nun xénero. Principalmente é un título de acción no que hai que derrotar hordas de inimigos, pero inclúe elementos de estratexia en tempo real ou de tower defense, xa que hai que evitar que os inimigos alcancen unha arma de destrución masiva que queren activar.
11. Towers II: Plight of the Stargazer (1996)
O único RPG da consola: é un explorador de masmorras en primeira persoa no que podemos escoller entre catro clases diferentes. Hai que explorar toda unha torre con inimigos, trampas, quebracabezas etc. Tamén inclúe diálogos con NPC que dan información e misións secundarias.
10. Cybermorph & Battlemorph (1993-1995)
Son dous shooters 3D en terceira persoa nos que manexamos unha nave por contornas abertas. Graficamente destacan entre os títulos poligonais do catálogo, pero estaban claramente en desvantaxe fronte á oferta de SEGA Saturn e PlayStation. Battlemorph é exclusivo de Jaguar CD.
9. Tempest 2000 (1994)
Para moitos é o mellor título do sistema; a min, a verdade, non me acaba de enganchar, e por iso o poño tan abaixo na lista, aínda que para min está demasiado arriba. É un remake do título homónimo de 1981, un xogo de disparos tubular, e ademais da mellora gráfica inclúe novos niveis de bonificación, potenciadores e inimigos.
8. Iron Soldier 2 (1997)
Un dos títulos máis tardíos e, por iso, tamén dos menos coñecidos na súa época. Iron Soldier 2 mellora por completo o seu predecesor: escenarios cunha maior calidade técnica, de novo completamente poligonais e onde todo se pode destruír; conta con armamento novo, maior variedade de inimigos e un nivel de dificultade mellor calibrado que a primeira parte.
7. NBA Jam: Tournament Edition (1995)
O mellor xogo deportivo do catálogo: un arcade aloucado que combina acción e baloncesto, cunha xogabilidade directa e sinxela, en partidos de dous contra dous nos que as normas tradicionais, como as faltas ou o campo atrás, case non existen, e con multitude de acrobacias espectaculares.
6. Wolfestein 3D (1994)
FPS de temática nazi que popularizou o xénero en 1992. A súa adaptación chegou tarde á consola, pero á vez é unha das mellores que se fixeron, xa que se remasterizou todo o apartado sonoro e gráfico para ofrecelo con moito máis detalle; ademais, non ten a censura que sufriu a outra versión para consolas do momento, a de Super Nintendo.
5. Raiden (1994)
Fantástica conversión desta recreativa do xénero matamarcianos con scroll automático. Como na maioría dos títulos do xénero, o xogador debe derrubar inimigos mentres esquiva os seus disparos, e para iso dispón dun ataque básico e de potenciadores como bombas ou mísiles.
4. Power Drive Rally (1995)
Secuela de Power Drive (SNES e MD), é o mellor xogo de carreiras con sabor arcade do catálogo, con bos gráficos, fluidez e controis, e aínda hoxe segue sendo exclusivo desta máquina.
3. Doom (1994)
Probablemente a mellor conversión deste FPS a unha consola da época. Doom é un dos títulos máis importantes da historia e non precisa presentación: un clásico no que nos temos que mover por salas disparando a inimigos e atopando chaves.
2. Rayman (1995)
Este colorido e bonito título de plataformas en dúas dimensións é un dos máis entretidos e detallados do seu ano. A historia é de fantasía, pero moi básica: Rayman loita e salta a través de varios mundos diferentes para derrotar inimigos e xefes.
1. Alien vs. Predator (1994)
Posiblemente o mellor xogo deste catálogo pola súa ambientación, o seu gran apartado técnico e a súa variedade de mecánicas. Trátase dun FPS baseado nas dúas famosas franquías cinematográficas que lle dan nome. Permite xogar como Alien, como Predator ou como un marine espacial, cada un cos seus obxectivos e habilidades, e destaca a campaña do marine por lograr unha atmosfera de medo única para aquela época.