Top 193 Dreamcast

ANTES DE COMEZAR…

Para elaborar este top empregouse unha Dreamcast PAL con GDemu nun televisor LCD, cable VGA e reescalador OSSC; excepcionalmente, para algúns xogos, usouse nun CRT con cable RGB. Por falta de medios non puiden probar determinados xogos cos periféricos máis recomendados (maracas, pistola de luz, cana de pescar etc.). Probáronse todos co mando e, para comentalos, acudiuse ás opinións de xente que si os xogou da mellor maneira posible.

Como sempre, probei todo o catálogo en castelán, en inglés ou onde o idioma non supoña unha barreira para xogar, incluídas as traducións feitas pola comunidade. Tamén tiven en conta os xogos cancelados da época pero rematados que hai pola rede e todos os xogos sen licenza publicados ata novembro de 2013; escollín esta data porque coincide coa do último xogo oficial publicado en PlayStation 2, a súa competidora directa.

Os criterios de elaboración son sobre todo persoais e, aínda que ordenei un pouco os xogos segundo os meus gustos, a orde non ten maior importancia, sobre todo nos postos baixos da clasificación. Outros criterios que tomei para elaborar esta clasificación son:

-Que hoxe en día se poidan xogar, aínda que sexa minimamente.
-Descartei xogos populares de taboleiro ou de cartas, aínda que pode haber excepcións.
-Hai multiplataformas compartidos con PS1 e N64 que non están aquí ou viceversa: o motivo é que a versión descartada non cumpría os requisitos para entrar no seu top.
-Descartei conversións e recompilacións de recreativas anteriores a 1994 ou de xogos para sistemas de dúas xeracións anteriores, pero non remakes nin remasterizacións.
-Debido á falta de interese amosada en entradas anteriores, xa non se indica o número de xogadores simultáneos nin os xogos nos que hai unha protagonista feminina, o que me permite avanzar moito máis rápido na elaboración do top.


193. Bleemcast! (2001)

Bleemcast! (2001)

Un dos episodios máis entretidos da historia do videoxogo; recoméndovos buscalo en Google se vos interesan estas anécdotas. Para os efectos deste top, trátase dun emulador de PlayStation que se vendía en entregas soltas para xogar algúns xogos de PS1, usando os discos orixinais, con gráficos mellorados. Cada entrega só era compatible cun título, polo que neste top imos considerar que, «oficiosamente», isto permitiu á Dreamcast contar no seu catálogo con Tekken 3, Gran Turismo 2 e Metal Gear Solid. Non son estritamente xogos do catálogo, pero o feito de permitir xogar a estes xogos de forma orixinal sen mercar outra máquina naqueles anos creo que merecía aparecer aquí.


192. Fighting Force 2 (1999)

Fighting Force 2 (1999)Acción 3D con lixeiros elementos de sixilo na que debemos ir explorando, atopando chaves e derrotando todos os inimigos de cada zona para poder avanzar.


191. Disney’s 102 Dalmatas (2000)

Disney’s 102 Dalmatas (2000)Un xogo de plataformas 3D protagonizado polos cans de Disney, de corte infantil e, polo tanto, de baixa dificultade. Hai que explorar cada escenario para atopar diversos coleccionables e, como nota de variedade, o xogo conta con varios minixogos.


190. F1 World Grand Prix II (2000)

F1 World Grand Prix II (2000)A Fórmula 1 non é o meu forte, así que para este xogo deixeime asesorar. Tanto este xogo como a súa primeira entrega (tamén dispoñible en Dreamcast) son simuladores incribles, con altas cotas de realismo.


189. Frame Gride (1999)

Frame Gride (1999)Combate de mechas de From Software que te mergulla en duelos robóticos un contra un cheos de acción. Este título distínguese por non ofrecer un elenco predefinido de robots: en lugar diso, empezas cunha máquina que se personaliza progresivamente cunha ampla gama de opcións. Os campos de batalla son diversos e os deseños dos mechas, minuciosos. A súa banda sonora, con matices medievais, complementa perfectamente a experiencia. Con modos que inclúen historia, duelos e xogo en liña, aínda que este hoxe non está accesible.


188. Millenium Racer: Y2K Fighters (Cancelado)

Millenium Racer: Y2K Fighters (Cancelado)Os afeccionados á Dreamcast lograron que se puidese xogar un xogo de carreiras futuristas cancelado, atopado nun kit de desenvolvemento. Millennium Racer: Y2K Fighters, que intenta emular o éxito de WipEout, quizais non sexa moi rechamante e tivo un impacto limitado no seu lanzamento para PC hai 18 anos, pero é impresionante como a comunidade de Dreamcast se uniu para rescatar e poñer en funcionamento esta versión.


187. Aqua GT (2000)

Aqua GT (2000)Polo que lin, inicialmente este xogo chamábase Hydro Sprint e promocionouse como un título de carreiras de motos de auga con efectos de auga dunha calidade semellante á de Wave Race 64. Finalmente non cumpriu as expectativas e quedou nun xogo de carreiras de motos de auga con sete circuítos ambientados en cidades como Londres, París e Viena, pero sen unhas físicas nas ondas que afecten á xogabilidade, como si ten Wave Race 64. A música é repetitiva, a intelixencia artificial mellorable e a xogabilidade bastante básica, pero cumpre á hora de ofrecer carreiras acuáticas arcade, aínda que hai mellores títulos que xogar antes.


186. Chicken Run (2000)

Chicken Run (2000)Baseado na película homónima, a xogabilidade de Chicken Run é innovadora e emocionante, con momentos de sixilo estilo Metal Gear Solid que non abundan neste catálogo; ao final acaba sendo unha sorpresa agradable, aínda que bastante desafiante, algo curioso tendo en conta que o público obxectivo era infantil.


185. Walt Disney World Quest: Magical Racing Tour (2000)

Walt Disney World Quest: Magical Racing Tour (2000)Outro bonito xogo de karts cuxos circuítos están baseados en atraccións de Disney World e, como era de esperar, os pilotos son personaxes de Disney. Como todos os xogos de karts arcade, hai que gañar carreiras aloucadas con obxectos cos que obter vantaxe ou prexudicar os demais pilotos, pero o máis rechamante deste título é o seu exquisito control, no que, derrapando, se obteñen pequenos turbos de velocidade; ademais, os circuítos destacan polo seu bo deseño, con atallos que descubrir. Graficamente esta versión é mellor ca o orixinal de PS1 e conta cun modo multixogador para catro a pantalla partida, pero a dificultade do modo para un xogador rebaixouse en exceso.


184. Seaman (1999)

Seaman (1999)Nin sequera sei se consideralo un videoxogo: Seaman é unha especie de simulador estrambótico dunha mascota con forma de peixe e cara humana, cunha IA moi avanzada e realista para o seu ano que permitía ao xogador interactuar con ela a través dun micrófono e mesmo manter conversas. Para xogalo é imprescindible ter o micrófono, pero tamén saber inglés.


183. Pro Pinball Trilogy (2001)

Pro Pinball Trilogy (2001)O mellor e único pinball do catálogo, pero non está aquí por non ter competencia, senón porque é unha recompilación de tres dos mellores simuladores de pinball aparecidos en PS1, que desbordan calidade tanto gráfica como no realismo das físicas. En cada táboa hai camiños ocultos e a posibilidade de facer combos.


182. Star Wars Episode I: Jedi Power Battles (2000)

Star Wars Episode I: Jedi Power Battles (2000)Beat'em up baseado na famosa saga de aventuras espaciais; conta cun sistema de progresión que recompensa o combate e a exploración con melloras para os personaxes. É un título cun sistema de combate fácil de comprender, pero cunha dificultade bastante alta que castiga o xogador que non o domine á perfección.


181. Rush Rush Rally Racing (2009)

Rush Rush Rally Racing (2009)Xogo de carreiras 2D con cámara aérea semellante a outros como Micro Machines ou Trash Rally. O xogo ten varios modos, pero o obxectivo no modo principal para un xogador é clasificarse en cada carreira rematando entre os tres primeiros para avanzar ao seguinte nivel. Conta tamén cun modo multixogador para catro xogadores a pantalla partida. Esta lista non abarca xogos posteriores a 2013, pero este título tivo un relanzamento con actualizacións en Dreamcast e outras plataformas en 2017, titulado Rush Rush Rally Racing Reloaded.


180. Last Hope Pink Bullets Edition (2009)

Last Hope Pink Bullets Edition (2009)Un dos moitos shmups de corte clásico aparecidos tras o anuncio de que SEGA abandonaba a Dreamcast. Houbo dúas versións deste xogo: a primeira chámase Last Hope a secas e foi criticada porque era moi complicado distinguir as balas inimigas dos escenarios, polo que é recomendable optar por esta revisión, «Pink Bullets», que cambiou a cor dos proxectís.


179. Stunt GP (2001)

Stunt GP (2001)Un xogo de carreiras arcade con coches de radiocontrol que ten varios modos de xogo, entre os que destaca o arcade, que permite desbloquear contido novo. Ao seren coches teledirixidos, unha das súas mecánicas principais consiste en atender á batería, que, segundo se vai esgotando, tamén ralentiza o coche, e é necesario parar para recargala ou facer acrobacias nos saltos. O principal problema do xogo é o seu rendemento un tanto inestable; noutros xéneros podería ser un fallo menor, pero nos títulos de carreiras afecta máis á xogabilidade.


178. Half-Life (Cancelado)

Half-Life (Cancelado)FPS coñecido en todo o mundo polo seu argumento e tamén por avanzar nun motor gráfico que recreaba as físicas dos obxectos de forma moito máis realista ca os da competencia daquela. Tivo unha versión en desenvolvemento para Dreamcast que nunca chegou a comercializarse, pero filtrouse o xogo completo. É fiel ao título orixinal de PC, con algúns cambios gráficos necesarios para funcionar en Dreamcast, pero cun rendemento bastante malo. En principio pensei que ese rendemento podía deberse a que era unha versión sen rematar e, polo tanto, sen optimizar, pero, lendo sobre o seu desenvolvemento, o xogo estaba listo para saír en xuño de 2001 e a distribuidora Sierra botouse atrás un mes antes, o que permite deducir que o xogo ía saír no mesmo estado no que hoxe o podemos xogar, e quizais fose un dos motivos polos que se cancelou.


177. SEGA Xtreme Sports (2000)

SEGA Xtreme Sports (2000)Título arcade que fusiona múltiples deportes extremos, pero este xogo distínguese doutros polo seu enfoque único: en lugar de separar as disciplinas en diferentes fases, combina varias nunha soa, o que permite aos xogadores competir en múltiples deportes extremos encadeados nunha única proba.


176. BANG! Gunship Elite (2000)

BANG! Gunship Elite (2000)Un simulador de combate espacial sinxelo pero cativador, lanzado para Windows e Dreamcast. Este xogo convida o xogador a pilotar unha nave de combate nun universo tridimensional, enfrontándose a adversarios que manexan naves de características parecidas. A verdadeira emoción xorde ao tomar o mando dun caza espacial de vangarda e embarcarse en misións que aumentan progresivamente a súa dificultade.


175. Rainbow Cotton (2000)

Rainbow Cotton (2000)Un bo shmup que levou a saga Cotton ao 3D poligonal, cunhas mecánicas semellantes ás do famoso Space Harrier. Curiosamente, no seu lanzamento foi bastante criticado, pero hoxe é o suficientemente bo como para que o relanzasen en consolas modernas.


174. KAO the Kangaroo (2000)

KAO the Kangaroo (2000)Este xogo de plataformas ten un deseño de personaxes encantador e unha xogabilidade sólida. Porén, non logra explotar ao máximo as capacidades da consola e dá a impresión de ser un xogo de baixo orzamento. Podería cualificarse como unha versión simplista de Crash Bandicoot. Aínda así, para quen teña unha Dreamcast e goce dos xogos de plataformas pouco convencionais e de calidade media, pode ser un xogo interesante. Aínda que non destaca especialmente, tampouco decepciona.


173. Toy Racer (2000)

Toy Racer (2000)Título de carreiras enfocado no competitivo en liña. É unha mágoa, porque o xogo funciona moi ben e é divertido, pero apenas ten modos de xogo e contido para gozalo en solitario. Por sorte, é un dos poucos xogos co xogo en liña reactivado pola comunidade.


172. Industrial Spy: Operation Espionage (1999)

Industrial Spy: Operation Espionage (1999)Un xogo non excesivamente bo, pero si bastante orixinal e peculiar. Interactúas co xogo a través dos espías que traballan para ti en misións con diversos obxectivos de roubo e espionaxe. Cada un dos sete axentes ten habilidades únicas que poden ser vantaxosas en distintas circunstancias. Por exemplo, o hacker serve para a infiltración dixital, pero carece de habilidades de combate. A forma de xogar é ver catro axentes escollidos á vez na pantalla dividida e ir dándolles ordes do que deben facer, pero nunca controlalos directamente. É estraño e pode aburrir algúns xogadores o feito de ser só un mero coordinador, pero tamén é diferente doutros títulos de estratexia e resolución de enigmas.


171. Gauntlet Legends (2000)

Gauntlet Legends (2000)Outra entrega da saga de exploración de masmorras, que nesta entrega deu o salto ás 3D e, aínda que Gauntlet II xa o permitía, foi agora cando se apostou forte polo multixogador a catro. Inclúe xefes de masmorra que requiren un pouco de estratexia se se xoga en equipo e unha historia que, sen ser unha marabilla, achega certa unión entre as diversas fases.


170. Nakoruru: Anohito Kara no Okurimono (2002)

Nakoruru: Anohito Kara no Okurimono (2002)Spin-off, traducido hai pouco ao inglés, da famosa serie de xogos de loita Samurai Shodown, nesta ocasión en forma de novela visual. A trama desprégase a través dos ollos de Mikato, un neno orfo de sete anos adoptado polos habitantes dun pobo, a quen o líder da aldea escolle para ser o axudante de Nakoruru, a doncela do santuario. A mecánica de xogo é intuitiva, especialmente para quen estea familiarizado coas novelas visuais: permite avanzar na narrativa cun simple clic e tomar decisións que poden alterar significativamente o curso da historia. Ademais, o xogo enriquécese con varios minixogos que ofrecen diversidade e entretemento máis alá da lectura.


169. Mat Hoffman’s Pro BMX (2001)

Mat Hoffman’s Pro BMX (2001)Título baseado no BMX que aproveitou o bo facer do motor gráfico de Tony Hawk’s e o seu éxito para ofrecer un título que, en esencia, nos propón os mesmos retos: facer piruetas polos escenarios, pero en bicicleta. O xogo permite mesmo desbloquear circuítos do primeiro Tony Hawk. É un bo título ao que só lle falta algo de orixinalidade no que propón.


168. Omikron: The Nomad Soul (2000)

Omikron: The Nomad Soul (2000)Aventura RPG que combina elementos dos Tomb Raider clásicos no seu combate e nos seus controis, aínda que non sempre de xeito favorable, especialmente no que respecta á xogabilidade. Ambientado nun mundo aberto e dinámico, o xogo convida os xogadores a interactuar con NPC e explorar unha cidade futurista chea de edificios. Aínda que lembra nalgúns aspectos a Shenmue, Omikron é un híbrido de xéneros e estilos. Os escenarios están poboados de bares nocturnos, androides e delincuencia, e ofrecen unha experiencia rica en detalles. A xogabilidade principal céntrase en explorar, observar e dialogar para recadar información e determinar os seguintes pasos, complementada con momentos esporádicos de tiroteos e combates corpo a corpo. Porén, o principal desafío do xogo é o seu pésimo sistema de control, que, sorprendentemente, non admite control analóxico, unha decisión cuestionable para un título lanzado no ano 2000, catro anos despois do innovador Mario 64.


167. World Series Baseball 2K2 (2001)

World Series Baseball 2K2 (2001)A oferta deste deporte no catálogo non é moi boa; este sería o mellor simulador de béisbol do catálogo. Houbo unha entrega anterior, pero esta secuela mellorou algo os gráficos e a xogabilidade; non se considera á mesma altura de perfección que outros deportes da saga 2K, pero tampouco é un mal simulador e na súa época tiña xogo en liña.


166. ESPN International Track&Field (2000) 

ESPN International Track&Field (2000)Un dos dous títulos de atletismo que recibiu a consola. A súa xogabilidade mantén as mesmas mecánicas clásicas do xénero: pulsacións repetidas e rápidas dun ou dous botóns e, en ocasións, premer só no momento preciso.


165. Zero Gunner 2 (2001)

Zero Gunner 2 (2001)Este título é un máis dos excelentes shmups que ofrece este catálogo. Adaptado das recreativas, este shooter de acción permite xirar libremente en calquera dirección para combater os inimigos que atacan desde todos os lados. Ten xefes imponentes e uns gráficos sobresaíntes e, aínda que ao principio poida resultar complicado, a liberdade de movemento en calquera dirección manéxase sen problemas cun pouco de práctica, o que o converte nunha mecánica extremadamente entretida.


164. Millenium Soldier: Expendable (1999)

Millenium Soldier: Expendable (1999)Un xogo de tiros en terceira persoa con perspectiva aérea no que hai que disparar a todos os inimigos que aparecen no escenario, onde predominan a acción e os bos efectos visuais. Non faltan a variedade de armas, as melloras que podemos atopar nos escenarios e os combates emocionantes.


163. Ms. Pac-Man: Maze Madness (2000)

Ms. Pac-Man: Maze Madness (2000)Curiosa mestura das mecánicas clásicas de Pac-Man con masmorras e resolución de quebracabezas desde unha perspectiva aérea. O xogo conta tamén con diversos minixogos para ata catro xogadores, pero non son moi recomendables.


162. Plasma Sword (1999)

Plasma Sword (1999)Outro xogo de loita en 3D de Capcom, secuela de Star Gladiator de PS1. É bastante competente, pero está a anos luz do mellor do xénero que apareceu nesta consola, incluídos outros títulos da mesma compañía. Graficamente é un aprobado raspado, pero compénsao cunha xogabilidade na que se poden usar movementos normais, especiais, superataques e lanzamentos para derrotar o opoñente. Tamén incorpora a novidade dun botón de esquiva, unha mecánica que se estaba a impor na nova xeración de títulos de loita e que permite esquivar o contrario para intentar contraatacar de inmediato.


161. Evil Twin: Cyprien’s Chronicles (2002)

Evil Twin: Cyprien’s Chronicles (2002)Neste xogo de plataformas 3D de escenarios abertos, o xogador asume o papel de Cyprien, un mozo orfo que, tras enfadarse cos seus amigos do orfanato, se retira ao seu cuarto, onde ocorre algo insólito que o transporta a un universo descoñecido e inquietante. O xogador debe percorrer o mundo do xogo, composto por varias illas nas que están atrapados os seus amigos. Ao rescatar cada amigo, desbloquéase unha nova illa que explorar. O protagonista pode camiñar, correr, saltar, usar obxectos e empregar unha fonda, entre outras habilidades.


160. Sports Jam (2001)

Sports Jam (2001)Este xogo é unha especie de paquete de deportes arcade en formato de minixogo que inclúe fútbol, baloncesto, ciclismo, béisbol e fútbol americano, entre outros. Graficamente ten algúns detalles interesantes, pero sen chegar a impresionar, e a súa xogabilidade, para ser un arcade de SEGA, é bastante limitada, pero cumpre para partidas rápidas con varios xogadores.


159. Wetrix+ (1999)

Wetrix+ (1999)Unha das ideas máis orixinais e raras dos xogos de habilidade e quebracabezas. A súa premisa é simple: construír muros con pezas tipo Tetris para evitar que a auga se derrame polos bordos do escenario. Aprender a xogar pode requirir grandes doses de paciencia e a súa dificultade, a medida que avanza a partida, pode frustrar.


158. Worms World Party (2001)

Worms World Party (2001)Esta saga ten dúas entregas en Dreamcast e ambas son bastante boas, pero escollín esta simplemente por ser a única en castelán; se sabedes inglés, a entrega Armageddon tamén é moi boa. Son xogos de estratexia por quendas en dúas dimensións moi accesibles nos que o obxectivo é manexar un escuadrón de vermes e eliminar outros escuadróns usando unha gran variedade de armas. Ademais, conta con xogo en liña activo.


157. Gundam Side Story 0079: Rise of Ashes (1999)

Gundam Side Story 0079: Rise of Ashes (1999)Baseado na popular licenza de Gundam, este xogo permite aos xogadores dirixir equipos de mechas, asignando ordes e estratexias para cumprir obxectivos variados e complexos en misións cargadas de acción.


156. Pop’n Music serie (1999-2000)

Pop’n Music serie (1999-2000)Esta saga de xogos de ritmo debeu de ser moi popular en Xapón, onde recibiu varias entregas en Dreamcast. A mecánica é semellante á doutros xogos de ritmo, como Guitar Hero: debemos premer os nove botóns da mesa segundo van aparecendo en pantalla e no momento preciso para conseguir as mellores puntuacións. É unha saga orixinal das recreativas, cuxo moble tiña os nove botóns colocados en dúas filas; en Dreamcast pódese xogar co mando, pero non é nada recomendable: é preferible mercar un periférico que imite a disposición de botóns do orixinal.


155. Armada (1999)

Armada (1999)Imaxina un xogo de acción con toques de rol para catro xogadores que combina a mecánica clásica de Asteroids cun sistema de puntos de experiencia e tendas, todo iso nunha galaxia vasta e explorable chea de planetas e misterios do espazo profundo. A aventura comeza no teu planeta natal, que non só serve como punto de partida, senón tamén como o lugar onde recolles misións e descobres os fíos da trama. O modo multixogador promete horas de diversión con amigos, pero a experiencia en solitario pode non ser igual de entretida e, por desgraza, non ten un modo multixogador en liña.


154. Conflict Zone (2001)

Conflict Zone (2001)Estratexia en tempo real, un xénero que non abunda en Dreamcast. Nel, os xogadores enfróntanse a guerras ficticias en diversos países de todo o mundo. A innovación clave é o uso da propaganda para gañar Puntos de Popularidade e desbloquear unidades e edificios. Ademais, os civís inocentes son fundamentais, xa que rescatalos aumenta a popularidade. En definitiva, ofrece unha experiencia estratéxica diferente.


153. Ready 2 Rumble Boxing: Round 2 (2000)

Ready 2 Rumble Boxing: Round 2 (2000)Estamos ante unha obra na que, igual que na súa primeira parte, tamén dispoñible en Dreamcast, predominan sempre a parodia e as situacións cómicas, especialmente polo elenco de boxeadores que podemos escoller, no que hai famosos como o matrimonio Clinton ou Michael Jackson. Escollín a segunda parte porque me pareceu mellor, pero ambas son semellantes.


152. Vanishing Point (2001)

Vanishing Point (2001)Aínda que pouco ou nada tiñan que facer os xogos de carreiras posteriores aos dous Gran Turismo, este título non é un mal xogo. Os primeiros coches manéxanse un pouco mal, pero, unha vez que se avanza e se desbloquean outros, a cousa mellora bastante e vólvese divertida. Ademais das probas contrarreloxo para un xogador, conta cun modo de acrobacias e o seu multixogador tamén ten varios modos, ademais das carreiras contrarreloxo, por exemplo un modo arcade de conseguir a maior cantidade de globos espallados pola pista.


151. Starlancer (2000)

Starlancer (2000)Dos creadores da aclamada serie Wing Commander, Starlancer é outro xogo de naves espaciais levado desde PC. Neste xogo, o xogador pilota unha nave cumprindo e dando ordes, participando en combates aéreos e protexendo embarcacións vulnerables dos ataques. A trama evoluciona a medida que avanzas e ofrece múltiples rutas segundo as accións e os resultados dos combates. Os controis son complexos en consola, ao ter que adaptalos ao mando, pero chegan a aprenderse cun pouco de práctica; tamén admite control por teclado. Por último, inclúe multixogador en liña para ata seis xogadores, que segue activo de forma non oficial.


150. Next Tetris, The: Online Edition (2000)

Next Tetris, The: Online Edition (2000)Tetris sempre será un clásico que merece un oco en calquera top que se prece. Nesta versión ofrécesenos a mesma xogabilidade e as mesmas mecánicas do orixinal, ir encaixando pezas para formar liñas, tanto no modo clásico como noutros modos novos. Ademais, conta cun modo de xogo en liña resucitado pola comunidade.


149. Seven Mansions: Ghastly Smile (2000)

Seven Mansions: Ghastly Smile (2000)Terror e supervivencia que copia os icónicos Resident Evil, protagonizado por Kei e Reina, que exploran a illa New Russell en busca do seu amigo desaparecido, o doutor Ernest. Durante a súa viaxe enfróntanse a criaturas monstruosas en distintas mansións e desentrañan unha sinistra conspiración que podería alterar o destino do mundo. Malia o seu salientable modo cooperativo para dous xogadores, cómpre mencionar que o seu sistema de control se cualificou de obsoleto.


148. Stupid Invaders (2001)

Stupid Invaders (2001)Entretida e divertida aventura gráfica point-and-click adaptada desde PC. Durante o xogo dedícaste a explorar, recoller e combinar elementos para resolver enigmas, que adoitan recompensarte con divertidas escenas animadas. A trama céntrase nun grupo de extraterrestres varados na Terra e perseguidos por un vilán excéntrico. Cuns gráficos encantadores e un deseño artístico cativador, o xogo promete moitas risas, con montóns de humor de todo tipo, desde o absurdo ata o escatolóxico. A diferenza doutras aventuras gráficas semellantes, esta ten mortes repentinas, pero compénsao coa opción de poder gardar a partida en calquera momento.


147. Power Jet Racing 2001 (2001)

Power Jet Racing 2001 (2001)En occidente lanzouse o xogo Surf Rocket Racers, que ten certas carencias que se corrixiron e melloraron nesta versión renomeada e exclusiva de Xapón; as melloras máis importantes son uns mellores efectos de partículas, mellor rendemento, mellores controis e máis velocidade. En canto ao xogo, estamos ante un dos mellores arcades de carreiras acuáticas da consola, neste caso a bordo de motos de auga.


146. Airforce Delta (1999)

Airforce Delta (1999)Resposta de Konami ao éxito dos Ace Combat de Namco para PS1, pero levada ao seguinte nivel gráfico que permite a Dreamcast. A xogabilidade, igual que nos títulos cos que rivaliza, consiste en pilotar avións e derrubar os inimigos, pero tamén ofrece misións que achegan variedade ao xogo, en lugar de só derrubar avións durante toda a partida.


145. Super Magnetic Neo (2000)

Super Magnetic Neo (2000)Desafiante xogo de plataformas 3D que lembra a Crash Bandicoot. Avánzase correndo e saltando por extensos niveis en 3D, pódese montar animais, hai algúns niveis 2D etc. O que realmente o fai especial é a súa mecánica baseada nas leis do magnetismo. Durante a partida podes alternar entre dúas cores distintas que representan as polaridades magnéticas: se coincides coa cor dun obxecto, este atraerate, pero se a túa cor é a oposta, repelerate; hai que usalas para saltar máis lonxe ou atraer elementos do escenario. Hai momentos nos que é crucial cambiar rapidamente de cor para non morrer. A súa mecánica é complicada de aprender, en especial nos momentos de máxima coordinación alternando polaridades, pero, se superas esta barreira, é un título divertido.


144. Fighting Vipers 2 (2001)

Fighting Vipers 2 (2001)Secuela de Fighting Vipers, que implementa un enfoque de combate semellante ao dos primeiros Virtua Fighter, pero dun xeito diferente: os loitadores usan armaduras que se van rompendo a medida que reciben dano.


143. Tom Clancy’s Rainbow Six & Tom Clancy’s Rainbow Six: Rogue Spear (2000)

Tom Clancy’s Rainbow Six & Tom Clancy’s Rainbow Six: Rogue Spear (2000)Dous FPS tácticos en primeira persoa nos que tes que planificar as misións e dirixir todo un escuadrón polas distintas misións, coa premisa realista de que un disparo pode significar a morte e buscando sempre evitar baixas civís. Son xogos que requiren tempo e paciencia para aprender todas as súas configuracións e opcións. O primeiro Rainbow Six non é compatible con teclado e rato, pero o segundo si.


142. Carrier (2000)

Carrier (2000)Survival horror exclusivo desta consola e claramente un clon dos Resident Evil clásicos, pero con escenarios en 3D poligonais en lugar de fondos prerenderizados; a trama desenvólvese a bordo dun portaavións, onde os xogadores asumen o papel dun membro dunha unidade de elite cuxo obxectivo é investigar o barco despois de perder todo contacto con el. Axiña descobren que un antigo organismo infectou a maioría das persoas a bordo. A xogabilidade é con controis de tanque, ángulos de cámara fixos e mecánicas de exploración e quebracabezas. Non achegou nada novo ao xénero creado por Alone in the Dark e perfeccionado por Capcom nos seus Resident Evil, pero é unha achega sólida.


141. 4 Wheel Thunder (2000)

4 Wheel Thunder (2000)Exclusivo de Dreamcast, é unha xoia dentro da serie de xogos de carreiras Thunder. Distínguese pola súa dinámica de aceleración mediante a recollida de cápsulas de impulso espalladas polos circuítos. A estratexia para triunfar inclúe memorizar rutas e descubrir atallos. Ao volante de camións, os xogadores atravesan unha variedade de escenarios, desde interiores detallados ata exteriores amplos. «4 Wheel Thunder» é un desafío para os afeccionados ás carreiras, cunha diversidade de pistas e modos de xogo que garanten horas de entretemento.


140. Nightmare Creatures II (2000)

Nightmare Creatures II (2000)Esta segunda entrega foi maltratada pola crítica: diferénciase da acción e da dificultade en escenarios abertos da primeira parte para converterse nun hack'n slash máis puro. Graficamente non aproveitaba o hardware por ser unha conversión desde PS1 apenas sen melloras, e o sistema de ataques e combos podería ser máis profundo, pero resultan moi satisfactorios os remates finais aos inimigos, nos que o gore cobra protagonismo. A historia está moito mellor narrada e resulta máis interesante ca no título anterior.


139. Cannon Spike (2000)

Cannon Spike (2000)Xogo de disparos arcade con cámara aérea para dous xogadores. Ofrece disparos omnidireccionais con bloqueo de obxectivo, un movemento especial para escapar de situacións perigosas, ataques corpo a corpo e un ataque potenciado. Principalmente consiste en esquivar balas e derrotar os xefes. É unha experiencia arcade pura e entretida.


138. SEGA GT (2000)

SEGA GT (2000)Este simulador de carreiras representou un notable esforzo por competir co famoso Gran Turismo de Sony. Definitivamente non o logrou, pero pode considerarse un bo traballo dentro do seu xénero. Ofrece unha ampla variedade de coches, un manexo satisfactorio e abundantes opcións e, ademais, conta cun apartado gráfico máis que bo.


137. Disney/Pixar Toy Story 2: Buzz Lightyear to the Rescue! (2000)

Disney/Pixar Toy Story 2: Buzz Lightyear to the Rescue! (2000)Adaptación da película como xogo de plataformas 3D no que percorremos os momentos máis emblemáticos dela ao longo de quince niveis. Segue a fórmula de éxito de Super Mario 64 e invítanos a conseguir varios obxectos coleccionables en cada nivel facendo cousas diferentes, por exemplo derrotar un xefe ou atopar varias moedas escondidas. Ao aumentar o número de coleccionables imos abrindo novos escenarios. O protagonista é Buzz, que conta con bastantes movementos fieis ás súas accións na película para encarar situacións moi variadas.


136. Lost Golem, The (2000)

Lost Golem, The (2000)Xogo de quebracabezas exclusivo de Xapón que, segundo lin, no seu momento vendeu menos de 500 copias, pero cos anos gañou un status de xogo de culto pola súa rareza e a súa xogabilidade única. O xogador controla un gólem e debe guiar un rei ata a saída de cada nivel; o rei camiña automaticamente cara adiante e xira cando choca cunha parede, polo que o xogador debe mover as paredes para guialo ata a saída. Fíxose unha tradución ao inglés que permite probalo aos xogadores occidentais.


135. Blue Stinger (1999)

Blue Stinger (1999)O primeiro título do xénero survival horror aparecido en Dreamcast, en plena moda do xénero. O seu concepto afastábase o suficiente dos famosos Resident Evil para diferenciarse, pero a súa execución foi irregular. A principal diferenza é que neste xogo se pode conseguir diñeiro e, con el, mercar subministracións infinitamente en máquinas expendedoras, o que modifica as sensacións que debía transmitir un survival horror e o achega máis a un xogo de acción tradicional. A versión xaponesa tiña problemas no seu sistema de cámaras semifixas que se arranxaron na versión occidental cunha cámara automática que segue o personaxe, pero isto sacrificou o pouco de tensión que daba o título orixinal coas cámaras cegas nalgúns puntos.


134.  Hydro Thunder (1999)

Hydro Thunder (1999)Conversión case idéntica da máquina recreativa. O seu reto principal consiste en correr con lanchas de tecnoloxía avanzada por contornas accidentadas con grandes caídas e saltos, desde os fríos mares do Ártico ata unha Nova York posapocalíptica.


133. Dragons Blood (2000)

Dragons Blood (2000)Aventura hack&slash de fantasía medieval con algúns matices de RPG nos que o xogador asigna puntos a varios atributos do seu personaxe e coa posibilidade de escoller en que orde levar a cabo algunhas misións. En xeral, é un xogo de aventuras sólido: luce bastante ben e conta con moitos efectos gráficos, iluminación dinámica e un deseño de escenarios sobresaínte nalgunhas zonas; a taxa de fotogramas adoita ser sólida, pero vese comprometida se se acumulan máis de 3 inimigos na pantalla.


132. Chaos Field (2004)

Chaos Field (2004)Outro shmup dentro da inmensa oferta deste xénero que ten o catálogo; de novo, o xogador controla unha nave espacial e enfróntase a hordas de inimigos nun ambiente futurista e caótico. O obxectivo do xogo é avanzar por diferentes niveis e derrotar os xefes finais para salvar o universo dunha ameaza alieníxena. Algúns críticos consideraron que era demasiado xenérico, pero eu véxoo como un título entretido para os afeccionados aos xogos de disparos.


131. Silent Scope (2000)

Silent Scope (2000)Esta recreativa, que sitúa o xogador no papel dun francotirador durante unha serie de incidentes terroristas, levouse á consola e, aínda que a versión de Dreamcast non logra capturar completamente a experiencia da recreativa orixinal, que empregaba un rifle de francotirador con pantalla LCD, segue sendo un xogo divertido no que hai que ser rápidos e precisos á hora de apuntar e disparar. É innegable que o control co mando non é o mesmo que o rifle da cabina da recreativa, pero, dentro das limitacións que a realidade impoñía ao facer esta adaptación, hai que considerar que se fixo un bo traballo.


130. Railroad Tycoon II: Gold Edition (2000)

Railroad Tycoon II: Gold Edition (2000)Simulador de estratexia sobre a historia da industria ferroviaria, con diversas campañas que abarcan distintas etapas do ferrocarril, desde os seus comezos ata os trens bala dos nosos tempos. A versión de Dreamcast caracterizouse fronte á doutros sistemas por ser completamente en 3D. As súas mecánicas permiten mercar terreos e locomotoras, construír vías e estacións etc. A interface é antiga e recoméndase ler as instrucións para aprender a xogar.


129. Demolition Racer: No exit (2000)

Demolition Racer: No exit (2000)Esta versión é unha mellora significativa do anterior xogo de PS1. No Exit é un xogo de carreiras centrado na destrución. Aquí, chegar en primeiro lugar só proporciona un multiplicador de puntos; son os puntos o que precisas para gañar cada carreira, e obtéñense principalmente ao destruír os coches dos rivais.


128. Sonic Shuflle (2000)

Sonic Shuflle (2000)O intento de SEGA de rivalizar cos Mario Party de Nintendo, neste caso cos personaxes da franquía de Sonic e cun híbrido entre xogo de taboleiro e de cartas, sen esquecer os imprescindibles minixogos. É un título que require paciencia para aprender a xogalo ben e, para gozalo plenamente, cómpre ter amigos.


127. Psyvariar 2: The Will to Fabricate (2004)

Psyvariar 2: The Will to Fabricate (2004)E seguimos cos matamarcianos do catálogo: neste, unha vez máis, os xogadores asumen o papel de pilotos de naves espaciais nunha loita contra hordas de inimigos. A súa principal novidade está na mecánica, que se centra nun sistema que permite aos xogadores aumentar a puntuación ao tocar as balas inimigas. Segundo esa puntuación, os xogadores poden acceder a rutas diferentes en cada nivel.


126.  Spiderman (2001)

Spiderman (2001)Aínda que chegou un pouco tarde á Dreamcast, segue sendo unha das mellores aventuras do seu tempo e do catálogo. Graficamente nótase que é unha adaptación da xeración anterior de consolas, pero a súa xogabilidade é sólida.


125. Aerowings 2 (2000)

Aerowings 2 (2000)Secuela de AeroWings, tamén dispoñible en Dreamcast, que non me convenceu para estar no top. A diferenza do seu predecesor, que se centraba nas acrobacias aéreas, Air Strike céntrase no combate aéreo e ofrece trinta misións de piloto de combate, unha quincena de desafíos tácticos e unha variedade de avións para voar. O modo de voo libre tamén permite explorar e practicar as habilidades de voo.


124. Vigilante 8: 2nd Offense (1999)

Vigilante 8: 2nd Offense (1999)Este disco tráenos combates en vehículos con variedade de armas. Conta cun modo historia que permite cooperativo a dous e varios modos competitivos para ata catro xogadores. A franquía Vigilante 8 é, xunto a Twisted Metal, un dos maiores expoñentes deste peculiar xénero.


123. Dance Dance Revolution Club Version (2000)

Dance Dance Revolution Club Version (2000)A famosa saga «pisafrechas» de ritmo adoita asociarse máis á seguinte xeración de consolas, pero o certo é que, tras o seu éxito nas recreativas, se lanzaron múltiples entregas en consolas, e a Dreamcast recibiu esta. O xogo consiste en ir premendo as frechas ao ritmo de cancións famosas; pódese xogar co mando ou cunha alfombra de baile.


122. Looney Tunes Space Racer (2000)

Looney Tunes Space Racer (2000)Divertido xogo de carreiras arcade que imita a Mario Kart, pero co humor dos Looney Tunes. Permite aos xogadores correr con personaxes icónicos dos debuxos animados a bordo de vehículos espaciais por circuítos con temáticas variadas. Hai potenciadores e obxectos, como tortas e foguetes ACME, que engaden diversión, caos e estratexia ás carreiras. Conta con modos para un xogador e multixogador local e é posiblemente a mellor opción deste subxénero para este sistema.


121. Iron Aces (2000)

Iron Aces (2000)Iron Aces pode non parecer tan bo nin tan completo como Aerowings 2 ou Air Force, pero opta por unha ambientación moito máis atractiva para o meu gusto, a Segunda Guerra Mundial, ao longo de dezasete misións pilotando varios dos modelos de aeronaves máis famosos deste conflito.


120. Mars Matrix (2000)

Mars Matrix (2000)Un dos moitos títulos de Capcom para esta consola: nesta ocasión tráenos un emocionante shmup estilo bullet hell que enche a pantalla con patróns de balas case infinitos e desafía o xogador a manobrar entre eles. Ofrece un disparo estándar e unha potente descarga de escopeta de curto alcance, ademais da habilidade de capturar e devolver o lume inimigo.


119. V-Rally 2: Expert Edition (2000)

V-Rally 2: Expert Edition (2000)A oferta de simuladores de rally nesta consola non foi moi ampla, pero o desta entrada estaba moi ben en gráficos e físicas, e tamén en contido e modos de xogo: máis de setenta carreiras, un editor de circuítos e un modo para catro xogadores.


118. Silver (2000)

Silver (2000)Este xogo de rol de acción embárcate nunha busca por todo o mundo de orbes máxicos esenciais para vencer as forzas do mal e salvar a túa muller raptada. Aínda que a trama non é especialmente orixinal, o diálogo entre os personaxes é salientable e a banda sonora é excepcional, e achega unha atmosfera e un ton envolventes ao xogo. A mecánica é sinxela pero efectiva; porén, enriqueceríase cun modo cooperativo, que por desgraza non ten.


117. Jojo’s Bizarre Adventure (1999) 

Jojo’s Bizarre Adventure (1999)Inspirado no manga e no anime, temos este completo xogo de loita 2D cos personaxes da serie e coa mellor factura técnica de Capcom. Ten un control sinxelo de aprender que pode axudar os menos asiduos ao xénero a achegarse a el e gozalo, e resulta tamén moi rechamante o ben que plasmaron o anime no seu modo historia. A súa mecánica máis innovadora céntrase no botón «stand», que invoca un avatar do xogador e altera a súa postura e o seu repertorio de movementos, aínda que manter o seu uso consome enerxía. É unha das mellores alternativas a Street Fighter.


116. Advanced Daisenryaku 2001 (2001)

Advanced Daisenryaku 2001 (2001)Título de estratexia bélica por quendas, á primeira vista semellante a Panzer General, pero que eleva moito máis o seu grao de detalle, a complexidade e a dificultade. O xogo céntrase na simulación da Segunda Guerra Mundial e ofrece unha experiencia de estratexia profunda e realista. O obxectivo é conquistar territorios inimigos usando tácticas militares e estratexias de combate. Os xogadores poden escoller entre diferentes faccións, cada unha con unidades especiais e características propias. Conta cunha tradución parcial ao inglés que xa permite xogalo de principio a fin.


115. Virtua Athlete 2000 (2000)

Virtua Athlete 2000 (2000)Arcade deportivo de probas olímpicas que foi unha conversión directa da recreativa: lucía esplendidamente e presumía de gráficos en alta resolución. Nas mecánicas non achegaba demasiado novo, como a maioría dos deste xénero na época, e baseaba as súas probas no clásico machacar botóns.


114. Panzer Front (1999)

Panzer Front (1999)Un xogo de simulación de tanques da Segunda Guerra Mundial que adopta un enfoque realista do combate de tanques. Os xogadores poden participar en varias misións baseadas en campañas históricas, e o xogo foi eloxiado pola súa detallada simulación da balística e da defensa dos tanques.


113. Twinkle Star Sprites (2000)

Twinkle Star Sprites (2000)Versión mellorada e ampliada do título de NeoGeo: é un híbrido bastante rechamante entre shmup e quebracabezas estilo Arkanoid. Basicamente, dispáraslles aos inimigos que se achegan e envíalos ao lado da pantalla dos teus opoñentes; cada vez que reciben un golpe, vólvense máis rápidos e perigosos.


112. Virtual On: Oratorio Tangram (1999)

Virtual On: Oratorio Tangram (1999)Acción e emoción da batalla xúntanse neste xogo de combate de mechas para dous xogadores. Cunha xogabilidade complexa e chea de intensidade, está deseñado para gozalo ao máximo co mando twin stick, aínda que tamén ofrece unha experiencia satisfactoria cun mando convencional. Conta cun multixogador local a dobres en pantalla partida; a versión xaponesa saíu cun modo en liña, pero hoxe non está accesible.


111. Tomb Raider Chronicles & Tomb Raider The Last Revelation (2000)

Tomb Raider Chronicles & Tomb Raider The Last Revelation (2000)Sinceramente, considéroos demasiado difíciles de xogar hoxe en día polo seu control e as súas cámaras, pero todo o demais roza a perfección en case todas as entregas clásicas, e destacan os que quizais sexan os mellores deseños de escenarios 3D de xogos de aventuras desta xeración. Estas dúas entregas supuxeron o esgotamento da fórmula clásica, pero seguían ofrecendo dúas aventuras de calidade semellante ás primeiras entregas, cun apartado gráfico mellorado con respecto ás versións de PS1.


110. Confidential Mission (2001)

Confidential Mission (2001)Este emocionante xogo de disparos con pistola de luz ofrece unha experiencia ao máis puro estilo James Bond. Cun equilibrio perfecto, uns gráficos impresionantes e elementos adicionais, como obxectivos que abren camiños alternativos, sitúase como un dos mellores da súa clase. Ademais, o modo principal vén acompañado dunha ampla variedade de contido extra, incluídos numerosos minixogos.


109. NFL 2K2 (2002)

NFL 2K2 (2002)A serie de xogos NFL2K, aclamada desde o seu comezo en Dreamcast, continuou ata hoxe con múltiples versións. Estes xogos representan o mellor da súa época en deportes e destacan pola súa xogabilidade, os seus gráficos e unha intelixencia artificial avanzada. Ofrecen unha ampla gama de opcións, incluída unha ampla personalización dos xogadores. Ademais, a versión para Dreamcast permite cambiar de táctica a través da VMU sen revelala ao opoñente.


108. ChuChu Rocket! (1999)

ChuChu Rocket! (1999)Chu Chu Rocket destaca como un dos xogos de quebracabezas máis refinados e elegantes do seu tempo. Nel, desafíase os xogadores a dirixir ratos cara á súa base usando só tres frechas no chan, a miúdo con restricións adicionais, mentres evitan que os gatos invadan o seu territorio e, se é posible, os redirixen cara ás bases dos adversarios. Os cambios ocasionais nas regras esixen unha rápida adaptación á nova situación. Ademais, o seu modo para catro xogadores fai que sexa ideal para partidas con amigos.


107. Outtrigger (2001)

Outtrigger (2001)Videoxogo de disparos deathmatch en terceira persoa que ofrece unha experiencia única que o diferencia da súa competencia directa, como Quake 3 e Unreal Tournament. Aínda que comparten semellanzas, céntrase menos no arsenal e máis nos potenciadores e na recollida de moedas. Cada morte dá un punto, e hai oportunidade de sumar outro ao recoller as moedas que aparecen tras cada baixa. Os niveis, co seu deseño compacto e en capas, fomentan o roubo de moedas, o que engade unha dinámica diferente da habitual do xénero. No seu lanzamento ofrecía xogo en liña para seis xogadores, e hoxe estase a traballar para volver activalo.


106. Last Blade 2, The (2000)

Last Blade 2, The (2000)Secuela continuísta do famoso xogo de loita con armas en 2D da famosa SNK para placas recreativas, que tivo unha conversión bastante fiel ao orixinal. Ten bos loitadores, gráficos, música e movementos.


105. Wacky Races (2000)

Wacky Races (2000)Un xogo de carreiras de karts digno de respecto, seguindo o estilo da famosa serie Mario Kart, pero coa licenza dos debuxos animados Wacky Races. Este xogo distínguese polas súas propias innovacións, entre as que destaca que ao comezo de cada carreira se poden asignar tres habilidades distintas, que van desde ataques dirixidos ata escudos e voo, entre outras. Recollendo moedas polo camiño, pódese pagar o uso destas habilidades. Esta mecánica engade unha capa estratéxica ao xogo e permite aproveitar atallos ou potenciadores segundo o nivel. Cunha gran cantidade de contido e un modo para un xogador moi completo, só lle faltou un modo de xogo en liña, pero polo menos conta con multixogador local para catro amigos.


104. SEGA Bass Fishing & SEGA Marine Fishing & SEGA Bass Fishing 2 (1999-2000-2001)

SEGA Bass Fishing & SEGA Marine Fishing & SEGA Bass Fishing 2 (1999-2000-2001)Aínda que o máis famoso é o primeiro, por ser unha famosa recreativa de pesca levada á Dreamcast, estes títulos forman un trío imprescindible para os amantes dos arcades de pesca, en especial para os que gozan xogando co periférico compatible con forma de cana de pescar (Fishing rod controller). Todos se xogan de forma parecida: escolles que cebo usar, axitas o mando para atraer os peixes, levántalo para atrapalos e usas o carrete para tirar deles. Cada xogo ofrece peixes e localizacións diferentes, así como modos diferentes que van cambiando segundo as entregas, como minixogos, torneos etc. Curiosamente, foi un xénero que tivo máis títulos neste catálogo, pero ningún alcanzou as cotas de diversión das creacións de SEGA.


103. Zombie Revenge (1999)

Zombie Revenge (1999)Adaptación doutra recreativa de SEGA: nesta ocasión trátase dun spin-off da saga The House of the Dead, pero nesta entrega cámbianse as pistolas de luz por un beat'em up 3D contra hordas zombis e outras aberracións. É un xogo divertido e un dos mellores do xénero en 3D nos anos 90, cando o xénero tardou moito en atoparse cómodo tras a súa época dourada en 2D.


102. Cool Cool Toon (2000)

Cool Cool Toon (2000)SNK desenvolveu este xogo de acción rítmica exclusivo de Xapón, que desafía os xogadores a manter e seguir o ritmo. Hai que mover o stick analóxico en direccións específicas e premer botóns ao compás da música. Destaca pola súa selección de melodías contaxiosas e pola súa atractiva estética visual. Ademais, é un dos poucos xogos compatibles co peculiar mando maraca de Samba de Amigo, o que engade unha capa extra de diversión, aínda que o xogo tamén se goza plenamente sen este accesorio.


101. Virtua Striker 2 (1999)

Virtua Striker 2 (1999)A famosa recreativa de fútbol arcade de SEGA tamén tivo a súa adaptación aos circuítos da Dreamcast: trátase dunha boa adaptación e da mellor proposta do catálogo se o que se busca é unha experiencia arcade deste deporte, fácil de aprender porque só usa tres botóns, pero difícil de dominar e moitas veces condicionada pola sorte de cara á portería. Como contras, xógase coa cruceta e a forma de xogar está bastante limitada.


100. Cosmic Smash (2001)

Cosmic Smash (2001)Conversión de recreativa exclusiva de Xapón que ofrece unha experiencia única ao combinar a esencia dun xogo de frontón e tenis coa mecánica do clásico Breakout ou Arkanoid. Os xogadores golpean unha pelota que vai e vén, intentando destruír bloques que se moven ou que están protexidos por outros. Cada nivel ten un tempo límite, o que engade desafío.


99. Giga Wing & Giga Wing 2 (1999-2000)

Giga Wing & Giga Wing 2 (1999-2000)Ambos os títulos comparten o mesmo ADN de shoot'em up intenso e de mecánicas desafiantes. Os dous mergullan o xogador en batallas aéreas frenéticas nas que a habilidade para esquivar chuvias de balas inimigas e o uso estratéxico do sistema de reflexo son clave para sobrevivir e ter éxito. Mentres que Giga Wing se mantén nun estilo gráfico 2D tradicional, a súa secuela dá o salto ao 3D, unha transición que non foi só estética, senón que tamén incorporou innovacións na xogabilidade, como cambios de cámara dinámicos e unha acción máis envolvente. Ademais, a segunda inclúe un modo multixogador a catro.


98. Capcom vs SNK Pro (2001)

Capcom vs SNK Pro (2001)Trátase dunha recreativa que melloraba a versión do Capcom vs SNK orixinal e que inclúe, entre outras cousas, dous novos personaxes. O resultado final é moi digno e está entre os xogos de loita 2D máis bonitos do catálogo. A súa xogabilidade baséase sobre todo na de Street Fighter Alpha de Capcom, pero incorporaba tamén accións da saga King of Fighters.


97. Speed Devils (1999)

Speed Devils (1999)Neste arcade de carreiras de alta velocidade conducimos coches exóticos por escenarios cheos de perigos e obstáculos inusuais, como dinosauros, rochas rodantes e ovnis. As pistas están ambientadas en lugares exóticos, como Nevada, Aspen, Canadá e Hollywood, cada un coas súas propias versións de desastres naturais e urbanos. A súa mecánica máis interesante é que o modo carreira permite aos xogadores subir postos nunha liga, e certos rivais desafían o xogador a lograr certas fazañas durante as carreiras apostando diñeiro; co diñeiro gañado nas apostas e nas carreiras pódense mercar coches e melloralos.


96. Maken X (1999) 

Maken X (1999)Este xogo mergúllanos en combates con espadas desde unha perspectiva en primeira persoa e permite bloquear e devolver os disparos dos inimigos se calculas ben o tempo de reacción. Ao longo do xogo podes controlar distintos personaxes, cada un coas súas propias fortalezas e debilidades, que te levan por diferentes camiños. Por desgraza, o equipo de localización arruinou o lanzamento occidental cunha mala tradución e moita censura, ademais de aumentar a dificultade eliminando botiquíns e engadindo penalizacións de saúde por usar algunhas habilidades. Aínda así, a versión occidental segue pagando a pena, á espera de que algún día a comunidade traduza a versión xaponesa para gozala na súa máxima perfección.


95. 18 Wheeler American Pro Trucker (2000)

18 Wheeler American Pro Trucker (2000)Fantástico arcade de condución de camións contrarreloxo que tamén se adaptou ben á Dreamcast. Evidentemente, non é o mesmo que xogalo na cabina da recreativa orixinal, pero o mando adáptase moi ben ao manexo. O obxectivo do xogo é entregar a carga no seu destino antes de que se esgote o tempo; ten un total de oito niveis e catro personaxes. Conta cun modo para dous xogadores.


94. Fatal Fury: Mark of the Wolves (2001)

Fatal Fury: Mark of the Wolves (2001)Loita 2D da man de SNK, unha xoia visual que se gañou o título de ser un dos mellores do xénero. Cun deseño impresionante e unha xogabilidade fluída, este título afástase da mecánica de cambio de plano dos xogos anteriores e céntrase nos movementos de fintas e na técnica de just defend, semellante ao parry de Street Fighter III: ao bloquear no momento preciso, o xogador pode recuperar unha pequena cantidade de saúde.


93. NHL 2K2 (2001)

NHL 2K2 (2001)O primeiro NHL2K en Dreamcast foi un tanto irregular; porén, isto cambiou coa edición de 2002, que representou unha mellora significativa. A intelixencia artificial perfeccionouse, os controis son máis precisos e o xogo é máis fluído e áxil. É un excelente xogo para os afeccionados ao hóckey sobre xeo.


92. Puyo Puyo Kun & Puyo Puyo Da! & Puyo Puyo Fever(1999-1999-2004)

Puyo Puyo Kun & Puyo Puyo Da! & Puyo Puyo Fever(1999-1999-2004)Non existe sistema que non recibise algunha versión de Puyo-Puyo. É outro clásico quebracabezas no que temos que unir por cores catro bólas para facelas desaparecer e evitar así que se acumulen na pantalla. Ambas as versións contan cun bonito arte gráfico e con modo historia ou competitivo. A versión Fever foi a máis avanzada das tres e, propiamente, a única de nova xeración deste catálogo; incluía o modo Fever, que permitía premer QTE en momentos precisos para prexudicar o rival.


91. Resident Evil 2 & Resident Evil 3 (1999-2000) 

Resident Evil 2 & Resident Evil 3 (1999-2000)Dúas secuelas do clásico de terror, desenvolvidas orixinalmente para PS1 e levadas despois a DC con lixeiras melloras. Ambas están ambientadas na cidade de Raccoon City: a segunda parte céntrase sobre todo nunha comisaría labiríntica, mentres que a terceira permitiu visitar montóns de localizacións e rúas da cidade. En ambas as entregas nótase unha evolución paulatina na que Capcom buscou xogos cada vez máis enfocados na acción e un pouco menos nos quebracabezas, na exploración e na xestión de recursos. A terceira parte destacou por incorporar decisións en poucos segundos que afectaban aos acontecementos e aos camiños que seguir, ademais do acoso continuo e inesperado do monstro Nemesis, que podía aparecer en calquera momento.


90. Fire ProWrestling D (2001)

Fire ProWrestling D (2001)Para moitos, a mellor saga de xogos de loita libre da historia e, certamente, todos os seus títulos sobresaen en practicamente todos os apartados. Non hai que levarse a engano porque non sexa en 3D poligonal: é un título imprescindible para os amantes do deporte. Conta con centos de loitadores para escoller, cada un cos seus propios movementos, o que supón un abano enorme de accións; inclúe unha gran variedade de combates diferentes e un modo incrible de «crea o teu propio loitador», ademais dun modo multixogador para catro loitadores.


89. Sturmwind (2013)

Sturmwind (2013)Un dos últimos xogos lanzados para esta plataforma no período que indiquei na presentación desta entrada. É outro matamarcianos de desprazamento horizontal que destaca pola súa mestura de sprites prerenderizados e fondos con elementos en 3D, aínda que tamén hai seccións con desprazamento vertical. Conta con dezaseis niveis e unha vintena de xefes finais, ademais de centos de inimigos diferentes.


88. Grand Theft Auto 2 (2000) 

Grand Theft Auto 2 (2000)A saga non foi tan popular ata o seu salto ao 3D, pero as súas entregas en 2D tamén gozaron de popularidade polo seu grao de liberdade para moverse pola cidade, roubar vehículos, asaltar cidadáns e, sobre todo, protagonizar grandes persecucións policiais ao cometer delitos. Como en todos os GTA, podemos realizar misións para grupos mafiosos, pero somos libres de decidir cando aceptar os seus encargos se preferimos simplemente movernos libremente pola cidade.


87. Napple Tale: Arsia in Daydream (2000)

Napple Tale: Arsia in Daydream (2000)Encantador xogo de plataformas con elementos de RPG para Dreamcast, lanzado só en Xapón. A protagonista esperta nun mundo máxico e estraño, onde se ve envolta na misión de devolver as estacións ao Pobo Napple coa axuda dunha especie de anxo da morte. Os escenarios son coloridos, cheos de desafíos e de personaxes peculiares. Ademais das fases de plataformas, ao longo do xogo os xogadores implícanse en diversas tarefas e misións secundarias que lles encargan os habitantes do pobo, desde construír e reparar edificios ata resolver conflitos entre eles.


86. Mr. Driller (2000)

Mr. Driller (2000)Brillante xogo de quebracabezas 2D no que temos que cavar cara abaixo a través de bloques para chegar á parte máis profunda de cada nivel, á vez que evitamos ser esmagados. Como curiosidade, esta saga empezou a desenvolverse como a terceira parte da saga clásica Dig Dug.


85. Spawn: In the Demon’s Hand (2000)

Spawn: In the Demon’s Hand (2000)Baseado nunha famosa franquía do cómic, este arcade de loita en arenas 3D conta con mecánicas de combate variadas, que permiten ataques corpo a corpo, disparos a distancia e o uso de habilidades especiais. Ademais, as arenas de combate son interactivas, polo que os xogadores poden usar elementos do escenario para obter vantaxes tácticas. Ten certa semellanza con Power Stone, pero aquí non hai que recoller xemas que dean poderes aos xogadores, senón que se aposta máis pola acción directa, cunha variedade de armas coas que sementar o caos entre os inimigos e os xogadores rivais.


84. Rent a Hero nº1 (2000)

Rent a Hero nº1 (2000)Remake 3D dun JRPG homónimo de Megadrive que non foi tan popular como outros títulos de Sega da época, pero que gañou status de culto cos anos pola súa singular premisa. A trama comeza cando o protagonista descobre un traxe de superheroe e aluga os seus servizos mediante un sistema de misións. O xogo combina elementos de rol e de aventuras, con combates por quendas e exploración dunha cidade.


83. Typing of the Dead, The (2000)

Typing of the Dead, The (2000)Unha modificación do The House of the Dead 2 orixinal que conserva o estilo de disparos en primeira persoa, pero, en lugar de empregar unha pistola de luz, o xogador debe escribir palabras ou frases para matar os inimigos. A palabra ou frase requirida amósase nun cadro que aparece co inimigo. Outras características que se conservan son os desafíos de rescate de civís, que alteran o camiño que segue a fase ata o seu destino final, e os segredos e elementos de bonificación agochados ao longo do xogo. É obrigatorio un teclado para xogalo; existe unha versión para PC para quen o queira probar sen mercar o teclado da consola.


82. Illbleed (2001)

Illbleed (2001)Orixinal título de terror e supervivencia que desafía calquera clasificación convencional. Cos elementos clásicos do xénero, como a resolución de enigmas, a xestión do inventario e o combate, este título vai máis alá para ofrecer unha experiencia rara e única. Ambientado nun sinistro parque temático dividido en varios niveis, cada un representa un tópico das películas de terror, desde asasinos vingativos ata bonecas posuídas e maniquís vivos. Cada nivel debe explorarse cun monitor de terror, un dispositivo que alerta dos perigos inminentes segundo os cinco sentidos (ademais dun sexto sentido) e permite evitalos ou neutralizalos. Malia os seus fallos, para moitos, entre os que me inclúo, Illbleed é unha xoia imperfecta que brilla pola súa orixinalidade.


81. Unreal Tournament (2001)

Unreal Tournament (2001)Un dos xogos de disparos en primeira persoa máis famosos da historia, orixinalmente para PC, coñecido pola súa xogabilidade multixogador deathmatch equilibrada. Presenta unha diversidade de armas únicas, cada unha coas súas propias estratexias e tácticas, e unha ampla gama de mapas ben deseñados. No seu lanzamento orixinal tiña modo en liña para oito xogadores; hoxe a comunidade aínda non logrou resucitalo, pero o xogo inclúe un modo de pantalla dividida para catro xogadores.


80. UEFA Dream Soccer (2000)

UEFA Dream Soccer (2000)Non houbo moitos xogos de fútbol na Dreamcast, e a mala fama de non ter un FIFA ou un PRO no catálogo fai que a maioría da xente rexeite automaticamente o resto de simuladores aparecidos. Pero este UEFA Dream Soccer é un bo simulador que aproba, en maior ou menor medida, en todos os aspectos que se lle poden pedir a un simulador deste deporte; só se lle pode criticar a total ausencia dun modo de xogo en liña na súa propia época e non alcanzar o grao de perfección e realismo que estaban a ter outras adaptacións deportivas do catálogo da man da serie 2K.


79. MDK 2 (2000)

MDK 2 (2000)Un xogo de disparos en terceira persoa, secuela do aclamado título anterior de Shiny para PC e PlayStation. A xogabilidade é variada: o personaxe principal enfróntase a niveis que combinan plataformas, quebracabezas, correr e disparar e usar diversidade de armas e explosivos para abrirse camiño. É un xogo esixente, de dificultade alta e xogabilidade intensa, que gustará aos máis entusiastas dos títulos de acción con disparos. Existe unha versión para PS2 na que se reequilibrou a dificultade para facela un pouco máis accesible, aínda que graficamente perde nitidez.


78. Super Puzzle Fighter II X for Matching Service (2001)

Super Puzzle Fighter II X for Matching Service (2001)Relanzamento dun dos mellores quebracabezas de bloques competitivos que existen, cos personaxes da famosa saga de loita. Aquí hai que combinar as xemas que caen con outras da mesma cor máis rápido que o rival para meterlle fichas que lle compliquen a partida. Os duelos competitivos entre dous xogadores poden ser realmente emocionantes e moi disputados. Este relanzamento incluíu a posibilidade de xogar en liña e hoxe é un dos xogos nos que se está a tratar de revivir esta función.


77. NFL Blitz 2001 (2000)

NFL Blitz 2001 (2000)Este arcade é para o fútbol americano o que NBA Jam para o baloncesto: un arcade deportivo sinxelo e frenético, pero sen realismo nin regras. O seu control é moi sinxelo e aditivo, e cada partido só dura dez minutos, nos que practicamente non hai pausas na acción. Moi recomendable e divertido aínda que non sexas afeccionado ao deporte.


76. Propeller Arena (Cancelado)

Propeller Arena (Cancelado)Combate aéreo desenvolvido por Sega AM2 que, aínda que tiña o lanzamento previsto, se cancelou estando rematado debido aos atentados do 11 de setembro de 2001. Estaba deseñado como un shooter arcade de batallas aéreas en diferentes arenas, como desertos, castelos e cidades. Describíase como unha mestura de Quake con ás, centrado na acción rápida e desenfreada, con moitos obxectos e potenciadores. Hoxe liberouse unha versión do xogo que se pode conseguir en internet e gozar sen contratempos.


75. 4×4 Evo (2000)

4×4 Evo (2000)Carreiras todoterreo que destacan por ofrecer unha ampla variedade de pistas e a capacidade de personalizar os vehículos. Cuns gráficos que foron impresionantes no seu momento e a innovadora función de xogo en liña, que aínda hoxe está reactivada, proporciona unha experiencia desafiante e satisfactoria, malia as súas físicas e controis complexos.


74. Alien Front Online (2001)

Alien Front Online (2001)Un xogo de combate entre vehículos bastante intenso que enfronta humanos contra alieníxenas nunha loita polo control da Terra. Con modos para un xogador e multixogador en liña aínda vivo grazas aos afeccionados ao sistema, este título destaca pola súa acción frenética e pola posibilidade de comunicación por voz en tempo real, unha función case marciana entre os xogadores de consola, e mesmo de ordenador, no seu ano.


73. Bangai-O (1999)

Bangai-O (1999)Versión mellorada do xogo orixinal de Nintendo 64: aquí temos fondos de escenarios de maior calidade gráfica e resolución, ademais de menos ralentizacións. En canto ao xogo, controlamos un mecha por fases en 2D nas que podemos disparar en calquera dirección para eliminar multitude de inimigos e realizar ataques especiais. Esta versión diferénciase en que usa un medidor de combos grazas ao cal podemos conseguir melloras para o noso robot.


72. Star Wars Episode I: Racer (2000)

Star Wars Episode I: Racer (2000)Curioso xogo que, inspirado na famosa carreira de vainas da película, nos propón competir neste divertido e perigoso deporte en 25 pistas e cunha sensación de velocidade moi conseguida que só supera o gran F-Zero X.


71. NBA Showtime: NBA on NBC (1999)

NBA Showtime: NBA on NBC (1999)Un arcade de baloncesto 2 contra 2 sucesor dos coñecidos NBA Jam e NBA Hangtime. É unha das entregas favoritas dos afeccionados: mantén o mesmo esquema de control e de xogabilidade que os anteriores, pero logra dar correctamente o salto aos gráficos 3D. A mellor adaptación doméstica é a de Dreamcast.


70. Dino Crisis (2000) 

Dino Crisis (2000)Capcom aproveitou o tirón dos xogos de terror para usar a fórmula de Resident Evil nesta nova aventura na que hai que explorar unha base de investigación con dinosauros soltos que nos tomarán como presa. Igual que en Resident Evil, temos que administrar correctamente a munición e as curas e atopar chaves ou resolver quebracabezas para poder avanzar. No apartado técnico destaca a súa contorna completamente 3D en lugar de fondos prerenderizados, que permite cámaras fixas en movemento e logra un mellor efecto cinematográfico.


69. Ultimate Fighting Championship (2000)

Ultimate Fighting Championship (2000)Un bo xogo de loita da UFC, que no seu momento foi o máis realista feito ata entón, o máis contundente e violento, e moito mellor ca outros títulos de loita practicamente iguais. Cada loitador ten dúas barras de enerxía, a total e a inmediata: a primeira diminúe lentamente cos golpes e non se recupera, mentres que a segunda é máis inestable e recupérase gradualmente. O obxectivo é esgotar a barra de enerxía do rival ou inmobilizalo e gañar. Aínda que poida parecer un título demasiado complexo, o certo é que ten un control moi amigable e é probablemente o mellor título de loita 3D de corte realista do catálogo.


68. Dynamite Cop (1999)

Dynamite Cop (1999)Esta secuela do xogo Dynamite Deka de 1996, lanzado fóra de Xapón como Die Hard Arcade, levouse á Dreamcast sen a licenza das películas de Die Hard. Este título supera amplamente o seu predecesor e de novo presenta un beat'em up en 3D para ata dous xogadores. Nesta entrega, os xogadores combaten en niveis situados nun cruceiro e nunha illa, co obxectivo de rescatar a filla do presidente dunha banda de piratas contemporáneos.


67. Red Dog: Superior Firepower (2000)

Red Dog: Superior Firepower (2000)Xogo de acción no que tomas o control dun tanque armado con metralladoras e foguetes; estes últimos funcionan ao estilo dos shooters sobre raís: mantés premido o botón, apuntas aos inimigos, soltas e observas como se desata unha chuvia de mísiles guiados. O que realmente distingue este xogo é o seu escudo reflector: se o activas no momento xusto, podes devolverlles os disparos aos inimigos.


66. L.O.L. Lack of Love (2000)

L.O.L. Lack of Love (2000)Outro xogo pouco común dos que apareceron en Dreamcast. Este título métenos na pel dun ser vivo que debe loitar pola súa supervivencia e evolución; para iso debe interactuar e loitar con outras criaturas mediante catro accións básicas: falar, atacar, durmir e ouriñar. O seu principal enfoque está na observación detallada para saber que facer, xa que apenas se dan pistas; o xogo pon a proba a paciencia e a habilidade do xogador para deducir as necesidades dos seres vivos que atopa.


65. Sword of the Berserk: Guts’ Rage (1999)

Sword of the Berserk: Guts’ Rage (1999)Baseado no manga de Kentaro Miura, este xogo hack&slash ponnos no papel de Guts e permítenos loitar ao longo de varios niveis brandindo a súa espada xigantesca, ademais de empregar outro tipo de armas para lanzar e un modo de ira temporal. Aínda que o xogo é breve, destaca pola súa narrativa e polas súas cinemáticas, que escribiu o propio creador do manga.


64. Crazy Taxi & Crazy Taxi 2 (2000-2001)

Crazy Taxi & Crazy Taxi 2 (2000-2001)Crazy Taxi é un concepto pouco habitual pero excelentemente executado por Sega, continuadores da fórmula arcade iniciada polo xogo Radical Bikers de 1998. Nestas dúas entregas invítase aos xogadores a facer de taxista nunha metrópole bulideira, pero sempre a toda velocidade e contrarreloxo. A mecánica é simple: localiza un pasaxeiro, recólleo e lévao a toda velocidade ao seu destino para alongar o cronómetro e gañar máis puntos.


63. Alone in the Dark The New Nightmare (2001)

Alone in the Dark The New Nightmare (2001)Esta entrega da pioneira saga de terror foi tamén un reinicio e, á vez, un remake gráfico do orixinal de PS1. De novo debiamos escoller entre controlar o detective Edward Carnby ou a antropóloga Aline Cedrac para investigar unha mansión con fenómenos paranormais. Aínda que ambos visitan os mesmos escenarios, cada un ten o seu propio percorrido, con situacións diferentes. Este título ofrece uns dos mellores fondos prerenderizados en calidade e detalle e, ademais, usa técnicas de iluminación bastante avanzadas para esta consola, que permiten iluminar os escenarios cunha lanterna, mecánica obrigatoria para descubrir obxectos, resolver enigmas e mesmo derrotar inimigos.


62. Ooga Booga (2001)

Ooga Booga (2001)Un título infravalorado para catro xogadores que se sitúa como un dos mellores xogos de festa do sistema. Desenvólvese en pequenos escenarios 3D e invita a recoller froitas que poden servir como proxectís ou para tomar o control de tótems distribuídos polos niveis, que funcionan como torres de vixilancia. Dispós dun ataque corpo a corpo e da posibilidade de montar animais, como xabarís ou aves, para atacar os teus adversarios. Ademais do modo principal, hai outros modos, como golpear unha pedra cara á portería rival. Evidentemente, o modo para un só xogador non é o seu punto forte, senón o multixogador, algo que pode complicar gozalo hoxe sen amigos, pero, por sorte, o seu modo en liña está dispoñible grazas á comunidade de afeccionados.


61. Time Stalkers (1999)

Time Stalkers (1999)Un xogo que colleitou tantas opinións positivas como negativas entre os usuarios. O certo é que a Time Stalkers adoitan chamarlle título RPG e, aínda que é certo que comparte moitas mecánicas con este xénero, o prato principal do xogo non é ser un título de rol clásico como outros dos noventa, senón que era máis ben un roguelike con combate táctico. Un xénero que podía coller desprevidos a moitos pola súa dificultade e pola aleatoriedade das masmorras, onde o factor sorte pode influír, e no que cada vez que o personaxe entraba nunha masmorra o seu nivel empezaba en un. Aceptado o anterior, é un bo xogo no seu, único representante do catálogo e non dos máis complicados e difíciles que pode escoller un usuario inexperto para entrar no xénero.


60. Super Street Fighter II X for Matching Service (2000)

Super Street Fighter II X for Matching Service (2000)O famoso título de loita 2D que revolucionou a historia do xénero tamén chegou á Dreamcast. Isto non sería mérito dabondo para incluílo nunha consola varias xeracións posterior, pero si a inclusión, por primeira vez, do xogo competitivo en liña; hoxe a comunidade está a traballar na súa resurrección.


59. Quake III (2000)

Quake III (2000)Excelente conversión do xogo orixinal de PC. Luce fantástico e funciona ben, salvo momentos puntuais de moita carga de acción en pantalla; ademais, ten outras características, como compatibilidade con rato e teclado, modo multixogador local a pantalla dividida para ata catro xogadores e multixogador en liña que aínda hoxe segue funcionando grazas ao esforzo da comunidade. É un shooter en primeira persoa intenso e violento, enfocado ao multixogador competitivo, con arenas ben deseñadas e armas creativas, pero sen apenas atractivo para xogar en solitario, xa que non ten ningunha campaña.


58. Record of Lodoss War (2000)

Record of Lodoss War (2000)Interesante xogo de rol, inspirado no estilo hack'n slash da saga Diablo e ambientado nun anime popular. Os xogadores adéntranse en masmorras, enfróntanse a lexións de monstros e suman aliados controlados por intelixencia artificial. O aspecto máis estratéxico do xogo está na busca e combinación de runas que, ao integrarse co equipamento, proporcionan diversos efectos e melloras.


57. San Francisco Rush 2049 (2000)

San Francisco Rush 2049 (2000)Xogo de carreiras futuristas ambientado nun San Francisco do futuro, a velocidades frenéticas, con atallos e grandes saltos. Conta, ademais, cun modo batalla multixogador local a pantalla partida, que é unha das poucas alternativas que podemos atopar a Vigilante 8.


56. Virtua Cop 2 (2000)

Virtua Cop 2 (2000)Un dos mellores títulos para a pistola de luz do catálogo. É un shooter sobre raís de acción arcade pura no que encarnamos uns policías que deben disparar aos malos e evitar danar os civís.


55. Vampire Chronicle for Matching Service (2000)

Vampire Chronicle for Matching Service (2000)Dentro do nicho dos xogos de loita en 2D, existe neste catálogo unha xoia que só se lanzou en Xapón: unha especie de versión recompilatoria e mellorada da serie Vampire Savior, tamén coñecida como Darkstalkers, semellante ao que antes fixera Mortal Kombat Trilogy. Este título permite aos xogadores escoller entre un elenco diverso de personaxes, cada un con habilidades únicas e estilos de combate característicos. Cunha mecánica de combos e movementos especiais que flúen con naturalidade, proporciona unha experiencia atractiva, con varios modos de xogo, como o tradicional modo arcade, un modo de adestramento para afinar as habilidades e un modo versus para competir contra amigos. Ademais, ofrecía a posibilidade de combater en liña, unha función que se está a tratar de reactivar.


54. Toy Commander (1999)

Toy Commander (1999)Título de misións moi orixinal que permite manexar unha ampla gama de vehículos de xoguete, como tanques, todoterreos, avións, helicópteros etc. Estes vehículos contrólanse polo escenario dunha casa, realizando misións como botar azucre nun bol ou enfrontarse a diversos inimigos. Ademais, ofrece varios modos para catro xogadores en local.


53. Re-Volt (1999)

Re-Volt (1999)Excelente adaptación do xogo de carreiras de coches teledirixidos orixinal de PC. Xógase ao estilo das carreiras de karts: recolles armas para sabotar os contrincantes mentres compites en extensos escenarios. Ofrece diversión con moitas actividades e cousas por descubrir, incluídos un completo editor de pistas e un modo acrobático para coleccionar estrelas, e conta cun modo multixogador sen conexión para catro xogadores.


52. Fur Fighters (2000)

Fur Fighters (2000)Xogo de plataformas e acción que invita aos xogadores a mergullarse en vastas contornas coa misión de salvar bebés raptados. Cada personaxe ten habilidades únicas, o que obriga a alternar entre eles para superar os desafíos de cada nivel. Ademais, os bebés só os poden salvar personaxes da súa mesma especie, o que engade unha capa estratéxica ao xogo. Este título destaca polo seu enxeño e pola súa capacidade para ofrecer unha experiencia entretida e variada, con moito que descubrir e gozar.


51. Gunbird 2 (2000)

Gunbird 2 (2000)Matamarcianos 2D e secuela do Gunbird orixinal. Lanzouse primeiro nas recreativas xaponesas en 1998 e máis tarde levouse á Dreamcast en 2000, cun lanzamento global. Esta conversión é fiel e leva as mesmas sensacións da recreativa á consola. O xogador pode usar varios personaxes, cada un coas súas propias habilidades, na busca dos ingredientes para elaborar unha poción máxica; polo xeral, a historia neste xénero pasa a un plano residual, pero neste caso está o suficientemente coidada como para querer prestarlle atención.


50. Daytona USA 2001 (2000)

Daytona USA 2001 (2000)Unha especie de remake con novidades da icónica recreativa de SEGA, que ofrece unha experiencia visualmente actualizada dos circuítos do título orixinal e da Championship Edition. Ademais, introdúcense tres novas pistas, novos modos e opcións. Igual que o clásico ao que homenaxea, caracterízase por ser un xogo de carreiras que pon o foco na velocidade e nos derrapes de potencia espectaculares, logrados mediante cambios rápidos de marcha. A experiencia realzase notablemente ao xogar cun volante, o que mergulla os xogadores nunha simulación de carreiras vibrante e emocionante. Ademais, o seu modo en liña está revivido actualmente para competir ata catro xogadores.


49. Shadow Man (1999)

Shadow Man (1999)Xogo de aventuras por contornas 3D cunha ambientación escura baseada no cómic homónimo. Conta unha historia complexa e profunda para o seu ano, e o deseño dos seus escenarios, cheos de túneles labirínticos, pode asustar os xogadores actuais acostumados a certa linealidade. É unha das mellores aventuras da súa xeración, e esta versión é tecnicamente a mellor das aparecidas no seu lanzamento; só a superou unha remasterización de 2021 que mellorou os gráficos e modernizou os controis.


48. Virtua Fighter 3tb (1998)

Virtua Fighter 3tb (1998)Este foi un dos títulos de lanzamento do sistema e o primeiro xogo de loita 3D do catálogo. Continúa coa tradición da serie como xogo técnico que premia a habilidade e a precisión. Entre as novidades están os terreos inclinados e irregulares, que engaden unha capa extra de estratexia, e os modos de batalla por equipos. Malia ser un xogo sólido, non está libre dalgunhas impurezas debidas á présa por lanzalo xunto coa consola e quedou eclipsado por títulos posteriores, como SoulCalibur.


47. Elemental Gimmick Gear (1999)

Elemental Gimmick Gear (1999)Aventura de acción 2D claramente inspirada nos títulos clásicos de The Legend of Zelda, coa novidade de combates contra xefes nun impresionante 3D. Neste xogo, o xogador encarna un enigmático personaxe que esperta amnésico dunha animación suspendida e emprega un peculiar traxe mecánico. Igual que nas aventuras de Zelda, embárcaste nunha viaxe de exploración na que consegues melloras de saúde, equipamento e habilidades para poder avanzar. Destaca pola súa excelente realización, cunha estética cativadora, unha banda sonora envolvente e un deseño artístico de primeira.


46. Capcom vs SNK 2 (2001)

Capcom vs SNK 2 (2001)Outro xogo de loita 2D cheo de funcións, no que os icónicos personaxes de Capcom se enfrontan aos da lendaria SNK. Unha característica salientable do xogo é o seu sistema de grooves, que permite escoller entre unha ampla gama de opcións que outorgan distintas habilidades e penalizacións: por exemplo, permitir bloquear ataques no aire pero non facer paradas, combos personalizados ou un tipo diferente de ataque especial.


45. Legacy of Kain: Soul Reaver (2000)

Legacy of Kain: Soul Reaver (2000)Aventura e acción 3D que é claramente un dos mellores títulos da época. Soul Reaver é unha obra enorme e ambiciosa que espremía todo o potencial de PlayStation. O seu universo está ben detallado e deseñado, e a historia lévanos a un mundo decadente cuxa única esperanza é o vampiro Raziel. A xogabilidade conta cunha boa cantidade de ataques e movementos, así como con quebracabezas elaborados. A versión de Dreamcast nótase herdeira da de PS1, pero mellora a calidade gráfica, a resolución e a fluidez.


44.  Border Down (2003)

Border Down (2003)É un dos mellores shmups de desprazamento horizontal lanzados oficialmente para esta consola. Cada nivel ten tres variantes lixeiramente distintas e, cada vez que o xogador morre, baixa a unha versión inferior do nivel. Se o xogador morre no último nivel, o xogo remata. En canto á xogabilidade, pódese optar por un disparo rápido ou por un disparo guiado máis lento, e é recomendable alternar entre ambos. Ademais, ofrécense os potenciadores estándar e emocionantes batallas contra xefes.


43.Bomberman Online (2001)

Bomberman Online (2001)Bomberman é un xogo sen complicacións. Como en case todas as entregas principais da franquía, o obxectivo é colocar bombas estratexicamente para eliminar os adversarios, evitando á vez caer na túa propia trampa; é un concepto eterno que encaixa perfectamente nos modos multixogador. Esta versión dedicouse por completo á experiencia multixogador e prescindiu dun modo campaña. Os seus creadores innovaron engadindo unha variedade de modos novos á xogabilidade tradicional. O xogo non está dispoñible en liña, pero a comunidade está a traballar na súa resurrección; mentres tanto, o seu multixogador local segue permitindo gozalo con amigos.


42. Guilty Gear X (2000)

Guilty Gear X (2000)A estas alturas da lista xa quedará claro que os xéneros nos que máis e mellor oferta hai neste sistema son os shmups e os xogos de loita. Este é outro xogo de loita en 2D levado desde as recreativas, con gráficos e un deseño artístico sobresaíntes. Conta cunha gran variedade de combos fáciles de aprender e de xogar, sen ser por iso fácil nin monótono.


41. Bust-A-Move 4 (2000)

Bust-A-Move 4 (2000)Esta cuarta parte é unha das mellores entregas da serie e un dos mellores quebracabezas do catálogo desta consola. Contén máis de seiscentos niveis e novas mecánicas, pero non faltan os imprescindibles modo historia, modo arcade e modo competitivo contra outro xogador; tamén hai outros modos, retos, un editor de niveis etc.


40. F355 Challenge (2000)

F355 Challenge (2000)Este F355 Challenge é un excelente xogo de carreiras amparado na franquía Ferrari, que busca o realismo de conducir o modelo F-355 da marca sen perder a esencia e o ambiente característicos dos xogos arcade de SEGA. Destaca polos seus impresionantes gráficos e pola minuciosa atención ao detalle nos circuítos, nos coches e no seu manexo.


39. NBA 2K2 (2001)

NBA 2K2 (2001)O mellor simulador de baloncesto do seu ano e un salto gráfico enorme con respecto a outros éxitos da época. Como case toda a saga de xogos deportivos 2K, rozaba a perfección en todos os seus apartados, e ofrece xogo en liña para ata oito xogadores, que hoxe está dispoñible.


38. Shikigami no Shiro II (2004)

Shikigami no Shiro II (2004)Un dos últimos títulos oficiais lanzados para o sistema: un salientable xogo de disparos de desprazamento vertical, imprescindible para os afeccionados ao xénero. A mecánica principal baséase en achegarse intencionadamente ás balas para esquivalas, o que aumenta significativamente a potencia de lume e permite obter máis puntos. Con gráficos impresionantes, unha estética atractiva e moitas ganas de repetir, é un xogo que desafía os xogadores a superar as súas puntuacións máis altas.


37. Dead or Alive 2 Limited Edition (2000)

Dead or Alive 2 Limited Edition (2000)Tecmo presenta un xogo de loita en 3D de ritmo acelerado, centrado nun sistema de contraataques como mecánica principal. O xogo destaca pola súa rapidez, a súa fluidez e as súas excelentes animacións, cun enfoque en combos e movementos que se executan á perfección e lucen espectaculares. En Dreamcast saíron dúas versións, e esta Limited Edition é a máis completa, con máis personaxes, escenarios e extras.


36. Power Stone (1999)

Power Stone (1999)O debate sobre que entrega da saga é superior parece eterno, e probablemente se deba á subxectividade dos gustos persoais. Aínda que ambos os títulos comparten semellanzas na súa proposta, tamén presentan diferenzas notables que os distinguen. Power Stone é un salientable xogo de combate en arenas tridimensionais, aínda que limitado a dous xogadores simultáneos. Os competidores enfróntanse en duelos, facendo uso de armas e vehículos, na busca das cobizadas Power Stones. Ao obter tres, o personaxe experimenta unha transformación temporal e convértese nunha versión máis poderosa con habilidades melloradas. Porén, este título ofrece menos contido e o seu modo multixogador admite dous xogadores menos que a súa secuela.


35. Jet Set Radio (2000)

Jet Set Radio (2000)Este xogo de plataformas destaca polo seu estilo único: o xogador crea e lidera un grupo de artistas de graffiti. A competencia desátase contra bandas rivais nunha batalla por decorar a cidade cos seus deseños. Cada nivel comeza cun mapa que sinala puntos específicos aos que o xogador debe dirixirse para deixar a súa marca artística, todo mentres esquiva a policía e se asegura de ter abondas latas de aerosol. O xogo é entretido e ofrece unha experiencia singular que contribuíu á popularidade do cel shading grazas ao seu sobresaínte deseño artístico e á súa presentación visual. Porén, o sistema de control ten aspectos mellorables, especialmente nas físicas e na ausencia dun segundo stick para un manexo óptimo da cámara.


34. SEGA Rally 2 (1999)

SEGA Rally 2 (1999)Secuela do famoso xogo de carreiras arcade de SEGA que incorpora moitas máis pistas, opcións e modos. Sega Rally 2 é fundamentalmente un xogo arcade, polo que non se debe esperar unha experiencia realista: igual que o primeiro, este xogo consiste en derrapar nas curvas a gran velocidade e competir contrarreloxo. No seu lanzamento tivo un modo en liña para catro xogadores, pero por desgraza perdeuse e, á data desta entrada, non hai noticias de que se poida activar.


33. Evolution: The World Sacred Device & Evolution 2: Far Off Promise (1999)

Evolution: The World Sacred Device & Evolution 2: Far Off Promise (1999)Dous xogos de rol bastante encantadores e bos que adoitan pasar desapercibidos cando se fala dos mellores deste catálogo. Son dúas entregas que destacan por un apartado gráfico bonito e por unha xogabilidade que, aínda que incorpora novidades, non chegan para consideralas revolucionarias, pero cumpre; aínda que, igual que outros JRPG clásicos, cómpre paciencia para aturar a repetición dos seus combates e mecánicas.


32. Street Fighter Alpha 3 (1999)

Street Fighter Alpha 3 (1999)Se non existise Street Fighter III, este sería o mellor Street Fighter do catálogo, con montóns de personaxes clásicos, moitas opcións e contido. É unha versión impresionante pola súa gran fidelidade á recreativa orixinal no apartado gráfico e nas animacións dos loitadores.


31. Space Channel 5 & Space Channel 5: Part 2 (1999-2002)

Space Channel 5 & Space Channel 5: Part 2 (1999-2002)Peculiares títulos de ritmo musical nos que hai que seguir as indicacións en pantalla co ritmo axeitado. O xogo pon o xogador no papel dunha reporteira espacial que intenta salvar a estación espacial dos alieníxenas participando nun concurso de baile. Evidentemente, caracterízase polo seu ton desenfadado e humorístico.


30. Tokyo Xtreme Racer 1&2 (1999-2000)

Tokyo Xtreme Racer 1&2 (1999-2000)Nestes emocionantes xogos de carreiras, os xogadores teñen liberdade para explorar unha extensa cidade mentres buscan competidores aos que desafiar. A mecánica central xira arredor dunha lista de bandas de corredores locais: o obxectivo é localizar os seus membros, superalos en carreiras e riscalos da lista. Ao facelo, desbloquéanse novas áreas da cidade. Ademais, o xogo ofrece amplas opcións de personalización dos vehículos, con tendas e moeda virtual, o que engade unha capa adicional de profundidade. Incluín ambos os xogos porque son moi bos, pero a segunda parte supón unha gran mellora con respecto á primeira.


29. Under Defeat (2006)

Under Defeat (2006)Un shooter de desprazamento vertical sofisticado no que podes dirixir os disparos cara aos dous lados e afinar a puntería mantendo premido o botón de disparo. O xogo non só destaca polo seu sistema de puntería, senón tamén por ofrecer un asistente que se activa ao encher unha barra lateral co botón de disparo; este asistente cambia entre varios tipos e pódese modificar ao recoller o potenciador correspondente. Con gráficos impresionantes e un detalle minucioso, incluídas animacións que cobran vida, como as árbores que reaccionan ás explosións, este xogo é unha xoia para os amantes do xénero.


28. Tony Hawks Pro Skater 2 (2000)

Tony Hawks Pro Skater 2 (2000)Popular simulador de skate que tivo moi boa acollida en todas as plataformas. É un xogo que nos pon aos mandos dun monopatín en diversas contornas facendo piruetas e manobras para encadear combos e conseguir a mellor puntuación. O seu éxito está en ser moi accesible, cunha curva de aprendizaxe calibrada para aprender pouco a pouco. A segunda parte foi a que deu o maior salto cualitativo e a mellor para a maioría dos afeccionados.


27. King of Fighters, The (98, 99, 2000, 2001, 2002 99,2000,2001,2002,2003)

King of Fighters, The (98, 99, 2000, 2001, 2002 99,2000,2001,2002,2003)Esta famosa saga de loita 2D ten a honra de manterse fiel á Dreamcast en todos os seus lanzamentos da época. Hai certa polémica sobre que versións son mellores e é unha batalla na que non podo opinar, pois non son experto no xénero, pero, como xogador pouco habitual, podo dicir que todas me pareceron entretidas. Rebuscando por internet, a maioría parece decantarse especialmente pola 98 e pola 2002.


26. Samba de amigo ver.2000 (2000)

Samba de amigo ver.2000 (2000)Un xogo rítmico brillante e divertido, con boa música e uns efectos visuais que rezuman encanto por todos os lados. O xogo vendíase cuns mandos especiais con forma de maracas que hai que axitar en puntos específicos ao ritmo da música para gañar e facer puntos. Este periférico é esencial para unha experiencia plena e divertida, xa que a configuración para xogar co mando da Dreamcast é demasiado desordenada e leva a fallos de coordinación.


25. Ecco the Dolphin: Defender of the Future (2000)

Ecco the Dolphin: Defender of the Future (2000)Tras unha longa ausencia, Ecco the Dolphin regresou ao mundo dos videoxogos, esta vez nunha impresionante versión 3D que se considera un reinicio da saga. Neste xogo de acción e aventura, o xogador, na pel dun golfiño con poderes, mergúllase nas profundidades oceánicas para explorar, resolver enigmas e auxiliar seres mariños, mentres viaxa a través do tempo e de realidades alternativas para enfrontarse aos alieníxenas Foe. Cun apartado gráfico sobresaínte e unha atmosfera envolvente, o xogo pode resultar complexo ao principio, pero o seu desafío inicial axiña se converte nunha adicción que te impulsa a descubrir que misterios agardan na seguinte zona.


24. D2 (1999)

D2 (1999)Este título de terror e supervivencia, que no seu día recibiu críticas dispares, revalorizouse co tempo ata converterse nun xogo memorable polo seu contido inesperado e fóra dos estándares da época, mesmo para o xénero de medo. Encarnas a Laura, sobrevivente dun accidente aéreo nun ermo nevado, que, xunto a outros sobreviventes, descobre unha invasión de monstros capaces de tomar forma humana. Decidida a desentrañar o misterio e sobrevivir, a protagonista embárcase nunha aventura cunha xogabilidade variada que inclúe exploración en primeira e terceira persoa, combates aleatorios de disparos parecidos aos dun título de pistola de luz e unha serie de quebracabezas sinxelos. Malia os seus fallos e a súa curta duración, é unha experiencia única que todo amante dos xogos de terror ou estrambóticos debería probar.


23. Le Mans 24 Hours (2000)

Le Mans 24 Hours (2000)Simulador de carreiras que destaca pola súa precisión e atención ao detalle, e que ofrece mesmo a posibilidade de competir na emblemática carreira de 24 horas en tempo real (con gardados). Este título distínguese por ter algúns dos gráficos máis impresionantes deste sistema, con imaxes nítidas e efectos gráficos como reflexos. Aínda que máis tarde se fixo unha versión para PS2, esta sufriu certos recortes de calidade gráfica, o que converte esta versión na mellor opción.


22. Tech Romancer (2000)

Tech Romancer (2000)Este inusual título de Capcom é un xogo de loita en 3D que pasou desapercibido malia a súa calidade. Permite controlar unha variedade de mechas, cada un cun arsenal e uns movementos únicos. Máis alá dos combates básicos, o xogo ofrece a posibilidade de recoller obxectos do chan para usalos de forma defensiva ou ofensiva, e conta cun ataque final devastador capaz de acabar cun inimigo debilitado. É unha xoia que merece atención, especialmente para os afeccionados aos xogos de loita e aos mechas imponentes.


21. Soldier of Fortune (2001)

Soldier of Fortune (2001)A falta dun lanzamento oficial e rematado de Half-Life, pódese dicir que este Soldier of Fortune é o mellor FPS para un xogador de todo o catálogo. É coñecido polo seu sistema de dano localizado, que supón un salto evolutivo con respecto ao visto en Goldeneye (Nintendo 64) e Medal of Honor (PS1); ademais, pon un forte énfase na acción, cun bo acabado visual e unha xogabilidade sólida, aínda que algo limitada polo mando, aínda que admite rato e teclado. Cómpre mencionar que pode ser o xogo cos tempos de carga máis longos do sistema, que chegan a superar os dous minutos.


20. Power Stone 2 (2000)

Power Stone 2 (2000)Sobresaínte e infravalorado xogo de loita en arenas 3D para catro xogadores, que deben competir loitando e usando armas ou vehículos mentres buscan as cobizadas Power Stones. Ao recoller tres delas, o personaxe transfórmase temporalmente nunha versión máis forte e con movementos poderosos.


19. REZ (2001)

REZ (2001)A Dreamcast regalounos outro título cun deseño artístico excepcional que destila amor e minuciosidade por parte dos seus creadores. Sen entrar a fondo no concepto de «sinestesia», é xusto destacar que este xogo de disparos sobre raís salienta pola súa brillantez artística, fusionando son e imaxe de maneira impecable para forxar unha experiencia vibrante, creativa e singular. É unha obra que calquera afeccionado aos videoxogos debería probar polo menos unha vez na vida.


18. Marvel vs Capcom 1&2 (1999-2000)

Marvel vs Capcom 1&2 (1999-2000)Marvel Vs Capcom son emocionantes xogos de loita en 2D que reúnen os personaxes icónicos de ambas as franquías en combates dinámicos. Seguindo a estrutura clásica dos xogos de loita de Capcom, como Street Fighter, este título destaca polo seu estilo desenfadado e polas súas esaxeradas secuencias de acción. Os xogadores enfróntanse en equipos de tres, coa posibilidade de cambiar de personaxe durante o combate e pedir axuda para realizar movementos especiais. As batallas en Marvel Vs Capcom son caóticas, con ataques de equipo espectaculares, combos longos e manobras aéreas.


17. House of the Dead 2 (1999)

House of the Dead 2 (1999)Quen probamos a recreativa orixinal no seu lanzamento nos salóns sabemos o que supuña poder tela na casa sen ter que meter moedas para xogar. Estamos ante un clásico e famoso título de pistolas de luz en todo o mundo. A historia homenaxea o cine de serie B de zombis e sitúanos nunha cidade invadida por zombis na que dous axentes deben poñerlle fin. O modo de xogo segue o patrón clásico das pistolas de luz: os zombis achéganse mentres intentas eliminalos con tiros na cabeza. Os civís aparecen en momentos complicados e debes protexelos dos monstros sen ferilos. Ademais, inclúe xefes de gran tamaño con mecánicas entretidas e diversas para vencelos.


16. Ikaruga (2002)

Ikaruga (2002)Shmup vertical de Treasure que destaca pola súa mecánica de cambio de cor: a nave pode alternar entre dúas cores cun botón, o que permite absorber as balas da mesma cor e evitar as da cor contraria. Esta característica dá lugar a unha xogabilidade estratéxica e desafiante, especialmente nas partes máis complexas do xogo. Ademais desta innovadora mecánica, Ikaruga ofrece a acción intensa típica do xénero, con manobras evasivas, escenas dinámicas e enfrontamentos con xefes memorables, todo iso realzado por un deseño artístico excepcional que achega unha atmosfera épica.


15. Headhunter (2001)

Headhunter (2001)O lanzamento europeo deste xogo de acción e aventura sixilosa, que moitos vían como a resposta ao aclamado Metal Gear Solid da primeira PlayStation, chegou algo tarde á Dreamcast, cando xa tiña que competir coa segunda parte do título de Kojima, e quedou en inferioridade. Malia iso, o título sorprende pola súa calidade, o seu bo apartado gráfico, un mundo aberto con escenarios urbanos con tráfico etc. O xogo presenta un desafío que mestura quebracabezas, tiroteos, condución e infiltración sixilosa, aínda que neste último apartado non cumpre.


14. Project Justice: Rival Schools 2 (2000)

Project Justice: Rival Schools 2 (2000)Secuela vibrante e chea de cor do xogo de loita en 3D Rival Schools para recreativas e a primeira PlayStation: ofrece unha experiencia semellante á da súa serie de loita un contra un, pero coa novidade de poder desprazarse lateralmente nos combates, o que engade un elemento de profundidade e estratexia. Os xogadores tamén poden chamar como reforzo os seus dous compañeiros de equipo en reserva durante a partida. É un xogo accesible para os novatos e cheo de acción esaxerada, pero tamén un reto para os máis veteranos do xénero.


13. Rayman 2: The Great Escape (2000)

Rayman 2: The Great Escape (2000)Tras o éxito do seu predecesor como xogo de plataformas 2D, esta secuela, seguindo a moda, transformouse nun xogo de plataformas 3D, aínda que cun desenvolvemento bastante lineal, con fases nas que debemos vencer inimigos, resolver quebracabezas e atopar lums. Probablemente o mellor deste xénero dos desenvolvidos por compañías terceiras. Ademais, a versión de Dreamcast considérase a mellor de todas as aparecidas no seu lanzamento.


12. Virtua Tennis & Virtua Tennis 2 (2000-2001)

Virtua Tennis & Virtua Tennis 2 (2000-2001)Divertidos e accesibles xogos de tenis arcade. É practicamente a serie de xogos de tenis máis querida que existe, xa que se move perfectamente entre o realismo e a diversión: fácil de aprender pero difícil de dominar e de completar todos os seus retos, á vez que ofrece moitas opcións e modos de xogo.


11. Grandia II (2000)

Grandia II (2000)Secuela do clásico JRPG de Saturn, PC e PlayStation. Grandia II leva o xogo a unha contorna 3D completa e presenta un novo elenco de personaxes. Conta cun sistema de combate único, herdado da primeira entrega, que permite que os personaxes se movan por si mesmos en tempo real en combates que se desenvolven por quendas, o que engade unha capa de estratexia aos combates clásicos do seu xénero. No negativo, cómpre mencionar que é demasiado lineal e directo, pero compénsao cun sistema de combate máis divertido.


10. Sonic Adventure (1998)

Sonic Adventure (1998)Sonic Adventure pode ser un dos xogos máis desfasados da lista, pero este título de lanzamento da Dreamcast foi sumamente importante no seu día e aínda ofrece unha experiencia entretida e chea de creatividade. Cun mundo aberto para explorar, niveis de plataformas dinámicos e veloces e diversidade de personaxes, o seu impacto foi monumental, cun nivel de velocidade e entusiasmo sen precedentes na industria.


9. Metropolis Street Racer (2000)

Metropolis Street Racer (2000)Xogo de carreiras precursor da serie Project Gotham Racing, que leva os xogadores a percorrer pistas inspiradas en cidades como Londres, Toquio e San Francisco. O que o distingue é o seu sistema de xogo, que premia non só a vitoria, senón gañar con estilo: arriscando, derrapando nas curvas e evitando colisións. Sobresae graficamente e engade innovacións como un reloxo que axusta a hora do día no xogo segundo a hora real, o que enriquece a experiencia.


8. Street Fighter III: 3rd Strike (2000)

Street Fighter III: 3rd Strike (2000)A esperada secuela de Street Fighter II fíxose esperar, pero a súa chegada foi triunfal, marcada polo estilo e a elegancia. Entre as novidades destacou un innovador sistema de paradas que, premendo cara adiante no momento xusto dun ataque, permite evitar o dano, a diferenza do bloqueo tradicional, co que aínda se recibía certo impacto. O apartado artístico brillou con luz propia, con escenarios impresionantes e unha banda sonora impecable. A Dreamcast acolleu as tres versións principais do xogo: «Double Impact», que reunía as dúas primeiras, e «Third Strike», lanzado de forma independente. Aínda que «Third Strike» se converteu na entrega máis aclamada, baseouse nunha versión da recreativa menos popular e rexeitada pola comunidade competitiva nos grandes torneos, pero, como xogador ocasional, paréceme a mellor.


7. Phantasy Star Online (2000)

Phantasy Star Online (2000)Ambicioso proxecto para crear un xogo de rol en liña para consolas, que foi pioneiro e unha clara influencia para outros xogos en liña posteriores, como Monster Hunter. A mecánica do xogo céntrase en formar equipos de personaxes que exploran diversas masmorras, gañando experiencia e conseguindo novos obxectos. O combate é dinámico e en tempo real, e permite aos xogadores correr polos niveis mentres loitan, disparan e lanzan feitizos. Cada ataque varía en intensidade e o momento exacto é crucial para executar combos. O xogo ofrece amplas posibilidades de personalización mediante unha ferramenta de edición de personaxes e unha variedade de clases e razas, cada unha coas súas propias fortalezas. Os servidores oficiais pecharon hai tempo, pero aínda é posible xogar en liña en servidores privados.


6. Soul Calibur (1999)

Soul Calibur (1999)Namco, nun esforzo por superar as expectativas, levou a cabo unha adaptación extraordinaria da súa aclamada serie de loita Soul Blade para as recreativas. Este xogo mergúllate en combates un contra un con armas brancas nunha contorna tridimensional. Como é habitual neste xénero, é crucial dominar os combos únicos de cada loitador e desenvolver estratexias efectivas. Pero Namco non se limitou a mellorar os gráficos en comparación coa recreativa orixinal: enriqueceu o xogo cunha cantidade impresionante de contido adicional. Os xogadores poden explorar unha variedade de modos de xogo, desbloquear unha serie de personaxes e gozar de múltiples actividades, o que converte este título nunha experiencia rica e variada.


5. Shenmue II (2001)

Shenmue II (2001)Despois do revolucionario Shenmue, Sega volveu con este título, aínda máis extenso e ambicioso. Shenmue II abandona a tranquila cidade natal do primeiro xogo e mergúllate nunha metrópole bulideira e vasta, chea de crime e intrigas. A xogabilidade principal segue sendo semellante á orixinal, con énfase na recollida de información, minixogos, pelexas en 3D e eventos de tempo rápido. Porén, Shenmue II está máis enfocado e logra guiarte con maior eficacia cara á dirección que debes seguir, o que se pode considerar tanto positivo como negativo segundo o xogador. Igual que o seu predecesor, o xogo destaca por mergullar o xogador no seu mundo e nos personaxes que o habitan, pero perde gran parte do mundo realista da primeira parte, onde cada personaxe tiña as súas propias rutinas e vida persoal que podiamos investigar pola nosa conta: esta secuela recorre a peóns xerados «sen vida» que desaparecen cando nos afastamos.


4. Sonic Adventure 2 (2001)

Sonic Adventure 2 (2001)Secuela que supera con fartura o seu antecesor e ofrece unha experiencia máis refinada e con mellores gráficos. Igual que no xogo anterior, contrólanse varios personaxes e as campañas estrutúranse en tres tipos distintos de misións: as frenéticas fases de plataformas, con Sonic ou Shadow; as misións de exploración, con Knuckles ou Rouge; e os niveis de disparos e plataformas, con Tails ou Eggman. Aínda que a maioría das fases son entretidas, algunhas non alcanzan o mesmo nivel de excelencia ca outras, pero, en xeral, o título brilla no seu conxunto e convida moito a repetir, xa que premia a habilidade do xogador con recompensas por obter as mellores puntuacións en cada nivel. Ademais, conta con opcións multixogador e cun encantador modo de mascota virtual no que se coida e se fai evolucionar as criaturas chao.


3. Skies of Arcadia (2000)

Skies of Arcadia (2000)A Dreamcast, malia a súa breve existencia, foi o berce dalgúns xogos de rol excepcionais, entre os que destaca este título steampunk, que sobresaíu no seu tempo pola súa orixinalidade e calidade, no papel dun grupo de piratas aéreos que navegan en dirixibles entre illas suspendidas no ceo. O sistema de combate é sólido e ofrece tanto enfrontamentos persoais como épicos duelos navais. Non obstante, o que realmente define o xogo son os seus elementos de exploración, o deseño minucioso das masmorras e os enigmas. A presentación e a narrativa manteñen o alto nivel habitual, con personaxes entrañables e unha banda sonora excepcional.


2. Resident Evil Code Veronica X (2001)

Resident Evil Code Veronica X (2001)A chegada dun Resident Evil para a «nova xeración» marcou un fito significativo e xerou unha gran expectación e publicidade arredor do lanzamento. O xogo non decepcionou e Code Veronica foi o máis extenso e ambicioso dos títulos da saga ata ese momento. Destacou polo seu profundo enfoque narrativo e pola cantidade de contido dispoñible para o xogador, polas cinemáticas, dunha calidade impresionante para o seu tempo, e pola transición da serie a contornas completamente poligonais, en contraste cos fondos prerenderizados das entregas previas, que levou as cotas de terror nos videoxogos a un novo nivel.


1. Shenmue (1999)

Shenmue (1999)Un título revolucionario para o seu tempo que marcou un antes e un despois no xénero dos mundos abertos e vivos; aínda hoxe non se superou nalgúns aspectos, como o realismo e a personalidade de absolutamente todos os seus NPC. Este xogo narra a odisea de Ryo Hazuki na busca do asasino do seu pai e ofrece unha experiencia semellante á dun xogo de mundo aberto que permite ao xogador explorar libremente a cidade natal do protagonista. Para avanzar, hai que explorar e obter información e pistas; tamén hai algúns combates corpo a corpo en 3D, montóns de minixogos, e popularizou o sistema QTE para dotar de xogabilidade as cinemáticas. Shenmue destaca pola súa natureza cinematográfica e pola súa capacidade para mergullar o xogador no seu universo, onde se pode falar con todo o mundo e observar que fai cada personaxe do pobo en tempo real segundo a hora do día; moitos personaxes mesmo cambian as súas rutinas a medida que pasan os días no calendario e pásanlles cousas persoais (unha parella que rompe, por exemplo); tamén se pode traballar para gañar diñeiro e mercar obxectos, xogar ás máquinas dun salón recreativo etc. Aínda que a segunda parte apostou por un mundo máis grande e bulideiro, perdeu este grao de realismo e detalle cos NPC, que considero moito máis importante e absorbente.