
ANTES DE COMEZAR…
Os criterios de elaboración son sobre todo persoais e, aínda que procurei ordenar un pouco os xogos segundo os meus gustos, a orde non ten maior importancia. Outros criterios que seguín:
-Que hoxe en día se poidan xogar, aínda que sexa minimamente.
-Descartei xogos populares de mesa, aínda que pode haber excepcións.
-Algúns títulos están en cor vermella: significa que o xogo ten polo menos unha protagonista feminina controlable.
-O número de xogadores refírese a partidas simultáneas; non se teñen en conta as partidas por quendas.
Actualizado o 05/03/2024
¡Comezamos!
156. Dinosaur Planet (Cancelado)
Este xogo de aventuras e acción en terceira persoa era outro dos ambiciosos títulos que RARE tiña en desenvolvemento; cancelouse e redeseñouse para a nova GameCube co nome de Starfox Adventures. Finalmente apareceu un prototipo do orixinal de N64 que se pode xogar e, aínda que non se pode completar de principio a fin como un xogo normal, si ten bastante contido e fases completas que pagan a pena.
155. Quest 64 (1998)
Un xogo de rol para principiantes, con moi pouca personalización: por exemplo, non inclúe a típica compravenda de equipo. Con todo, malia iso, é un pequeno e encantador xogo ambientado nunha versión fantástica de Irlanda que pode pagar a pena xogar pola súa curta duración ou para quen queira empezar a coñecer o xénero RPG dunha forma sinxela e directa.
154. Rampage World Tour& Rampage 2: Universal Tour (1998) (
3 xogadores)
Igual que no primeiro xogo da saga Rampage, o obxectivo destas dúas novas entregas é destruír cidades manexando monstros mutantes mentres nos defendemos dos ataques das forzas militares. Se o xogador tarda demasiado en destruír as estruturas, os avións inimigos bombardean a zona e reducen a puntuación posible. En esencia son xogos moi sinxelos cuxa mecánica axiña se volve reiterativa, pero para partidas curtas e sen complicacións ofrecen unha boa diversión arcade de beat'em up. Ademais, a de Nintendo 64 foi a única consola que mantivo no World Tour o modo cooperativo para tres xogadores da máquina recreativa orixinal.
153. Hexen (1997) (4 xogadores)
O lanzamento orixinal deste xogo para ordenadores data de 1995 e foi un dos últimos FPS en empregar sprites 2D para representar inimigos, proxectís e outros elementos dos escenarios. Por iso non adoita ser moi valorado nos catálogos da quinta xeración de consolas, xa que a moda do 3D impuxera outros estándares. Pero o certo é que Hexen, máis alá da súa contorna técnica «anticuada», era un título de disparos cunha boa ambientación escura e uns bos deseños de mapas que explorar con chaves e pulsadores. Ademais, foi o primeiro título do xénero en N64 que ofreceu un modo multixogador local, antes ca o propio Goldeneye, e tamén un modo cooperativo para a trama principal.
152. Getter Love!! (1998) (4 xogadores)
Rareza extravagante que mestura o concepto de minixogos competitivos cun pequeno simulador de citas, pero desenfadado e cheo de humor. Os xogadores compiten para conseguir o amor de sete rapazas: cada día de xogo teñen tres oportunidades para interactuar con elas e co resto de habitantes, conseguir obxectos e competir en minixogos. O obxectivo final é lograr que unha das rapazas confese o seu amor antes ca ao resto de competidores; outro dato curioso para un xogo deste xénero é que ten ata 28 finais diferentes. O xogo creouno Hudson de forma simultánea ao primeiro Mario Party, co que comparte bastantes semellanzas, e lanzouse unhas semanas antes do famoso título do fontaneiro. Conta con tradución ao inglés.
151. Fighting Force 64 (1999) (2 xogadores)
Beat'em up con gráficos 3D que orixinalmente ía ser un Streets of Rage exclusivo de SEGA Saturn, pero, ao rexeitalo SEGA, a compañía decidiu levalo a PS1 e N64. Malia o salto poligonal, o desenvolvemento e as mecánicas son as básicas do xénero desde as súas orixes: podemos escoller entre varios personaxes e debemos ir derrotando todos os inimigos de cada zona para poder avanzar. Cumpridor sen máis.
150. LEGO Racers (1999) (2 xogadores)
Xogo de karts coa posibilidade de recoller fichas durante a carreira para obter poderes; a súa peculiaridade é que permite usar as famosas pezas de LEGO para crear o noso piloto e deseñar o vehículo. Ten trece circuítos diferentes, decentes e con atallos que descubrir, e sete campionatos nos que participar; en cada un hai un piloto único ao que vencer, que nos porá as cousas moi difíciles malia a estética amable do título. O control funciona ben, cun botón para derrapar e trazar ben as curvas.
149. Dezaemon 3D (1998) (1 xogador)
Un interesante título que permite xogar a varios shmups, pero o seu aspecto máis rechamante é que ofrece un editor para que os xogadores deseñen os seus propios xogos de disparos; require paciencia para aproveitalo a fondo, pero ten bastantes opcións que permiten unha gran personalización. A principal novidade desta versión de N64 é que cambia os gráficos 2D por 3D.
148. ClayFighter 63 1/3: The Sculptor’s Cut (2 xogadores)
Título de loita que se caracteriza por empregar a técnica do stop-motion para os gráficos e as animacións dos loitadores, que á súa vez estaban feitos con plastilina; isto, xunto con bastante humor absurdo, é o que máis caracterizou a saga. Xógase como unha mestura barata de varios xogos famosos daquel momento, entre os que destacan Killer Instinct e Mortal Kombat.
147. Aidyn Chronicles: The First Mage (2001) (1 xogador)
Un xogo de rol tardío que segue a misión dun mozo escudeiro para derrotar o mal mentres se cura dun veleno mortal. Aidyn Chronicles non é un bo xogo, pero ten algunhas ideas moi ambiciosas para a quinta xeración de consolas: por exemplo, o sistema de combate mestura o clásico sistema por quendas con movementos en tempo real que permiten influír no poder de ataque ou de defensa dos personaxes. O mapa do mundo é aberto e enorme, con pobos e outras estruturas, pero con pouca información e poucas pistas sobre por onde avanzar, o que fai que nos perdamos a miúdo nun xogo que xa é relativamente lento.
146. Ms. Pac-Man – Maze Madness (2000) (4 xogadores)
Curiosa mestura das mecánicas clásicas de Pac-Man con masmorras e resolución de quebracabezas desde unha perspectiva aérea. O xogo conta tamén con diversos minixogos para ata catro xogadores, pero non son moi recomendables.
145. Star Soldier: Vanishing Earth (1998) (1 xogador)
Os shoot'em ups non son un xénero que abunde en Nintendo 64, e a calidade dos que hai adoita ser baixa. Este Star Soldier é unha adaptación da recreativa do mesmo nome e, sen ser ningunha xoia, fai as cousas o bastante ben para entreter calquera amante dos disparos con naves. Como na maioría dos xogos deste tipo, temos que escoller entre varias naves para lanzarnos a fases de scroll automático disparando a hordas de naves inimigas ata chegar ao xefe da zona; polo camiño podemos recoller potenciadores que melloran o noso disparo principal.
144. Fushigi no Dungeon: Fuurai no Shiren 2 – Oni Shuurai! Shiren Jou! (2000) (1 xogador)
Terceira entrega da saga Mystery Dungeon, que comezou con Torneko’s Great Adventure (SNES). Trátase dun roguelike e, como tal, ao morrer pérdense os obxectos, o que non o fai recomendable para xogadores que se frustran facilmente.
143. Disney/Pixar Toy Story 2: Buzz Lightyear to the Rescue (1999) (1 xogador)
Adaptación da película como xogo de plataformas 3D no que percorremos os momentos máis emblemáticos dela ao longo de quince niveis. Segue a fórmula de éxito de Super Mario 64 e invítanos a conseguir varios obxectos coleccionables en cada nivel facendo cousas diferentes, por exemplo derrotar un xefe ou atopar varias moedas escondidas. Ao aumentar o número de coleccionables imos abrindo novos escenarios. O protagonista é Buzz, que conta con bastantes movementos fieis ás súas accións na película para encarar situacións moi variadas.
142. The New Tetris (1999) (4 xogadores)
Como todos os Tetris, ofrece o modo clásico de ir encaixando as diversas pezas que van caendo de forma aleatoria para formar liñas que desaparecen; a medida que facemos liñas, a velocidade das pezas aumenta. O máis interesante do título é que, a medida que conseguimos liñas, se vai construíndo unha das marabillas do mundo, e tamén unha mecánica que permite reservar unha peza e intercambiala en calquera momento se a que nos tocou non nos interesa. O modo batalla para catro xogadores é un dos seus puntos fortes: compítese por ver quen fai máis liñas e envíanse bloques de lixo aos rivais.
141. Cruis’n Exotica (2000) (4 xogadores)
Malia ser o máis descoñecido, creo que este é o mellor xogo da triloxía que recibiu Nintendo 64. Cunha condución aloucada e fácil, ofrece ao xogador diversión rápida e sen complicacións por circuítos con paisaxes dignas de admirar pola súa beleza, variedade e rareza, como Atlantis ou a Lúa. É un xogo un tanto absurdo, cunhas físicas nada realistas nos choques, pero os seus circuítos son os máis elaborados da saga, con variantes que lle dan a esta entrega unha vida que os anteriores non tiñan. Non é o mellor título de velocidade do catálogo, pero pode ser unha alternativa divertida.
140. Earthworm Jim 3D (1999) (1 xogador)
A terceira entrega desta saga deu o salto ás plataformas de acción en 3D e, para moitos dos seus seguidores, foi unha decepción, porque esperaban outro título clásico en 2D e, sobre todo, porque o compararon con Super Mario 64 ou Banjo, xogos sobresaíntes ante os que é imposible destacar; Earthworm Jim 3D aparece mesmo nalgúns tops dos peores xogos do sistema. Pero o certo é que, se se lle dá unha oportunidade e se lle perdoan algúns defectos, é un xogo de plataformas 3D decente e divertido grazas ao humor absurdo da saga; a cámara falla e as fases son lineais, si, pero non por iso malas, e a variedade de escenarios tamén é moi rica. Por desgraza, os enfrontamentos contra os xefes finais non están á altura.
139. Mortal Kombat Trilogy (1996) (2 xogador)
O último da saga en usar gráficos 2D, unha mestura dos tres primeiros títulos que combina personaxes, escenarios e movementos. Para moitos é a entrega definitiva dos Mortal Kombat clásicos, cun equilibrio entre todo o plantel de loitadores moito mellor que o da cuarta entrega en 3D. A versión de N64 apenas ten tempos de carga, pero ten peor música e peores efectos de son, e tamén perde varios loitadores e escenarios.
138. Charlie Blast’s Territory (1999) (4 xogadores)
Un xogo de quebracabezas de lóxica en pantallas estáticas baseado en diversos tipos de demolición con explosivos. Pasou desapercibido tanto pola baixa popularidade do xénero como polo seu ano de lanzamento, no que o gran público buscaba grandes proxectos de mundos abertos en 3D.
137. Ken Griffey Jr.’s Slugfest (1999) (2 xogadores)
Probablemente o mellor simulador de béisbol do sistema. É secuela de Major League Baseball, tamén de Nintendo 64; na xogabilidade son case idénticos, pero Slugfest ten unha importante mellora gráfica que axuda a xerar unha simulación máis realista. Ten un sistema de control que gustará ao xogador esixente, xa que obriga a adiviñar a traxectoria da bóla para batela correctamente; por sorte, tamén permite un modo máis clásico no que só hai que adiviñar cando premer o botón para batear. Ten voces de dous comentaristas profesionais; non son moi variadas e por momentos quedan calados, pero, para o que era habitual nesta máquina, é unha grata sorpresa.
136. Destruction Derby 64 (1999) (4 xogadores)
A versión deste xogo non está á altura das mecánicas e expectativas que alguén esperaría dun título de Destruction Derby, pero achega o seu propio modo de xogo baseado en circuítos pechados nos que varios pelotóns de coches circulan en sentido contrario; o obxectivo é realizar diversas accións para sumar puntos antes de que remate o tempo, e estas accións consisten sobre todo en embestir os rivais e esnaquizar os seus coches. O xogo ten uns circuítos moi grandes e xenialmente detallados, pero iso penaliza bastante a súa taxa de fotogramas, que nun xogo de velocidade adoita ser un factor crítico; porén, ao non basearse en carreiras de velocidade clásicas, senón en sumar puntos, pódeselle perdoar este defecto.
135. Mega Man 64 (2000) (1 xogador)
Conversión do Megaman Legends de PlayStation. O salto de Megaman ás 3D foi un pouco polémico: a idea, o deseño dos escenarios e a historia parécenme bos, pero as cámaras e o control son incómodos e nada satisfactorios. O seu desenvolvemento é unha mestura de xogo de acción en 3D con elementos de rol: debemos explorar ruínas onde eliminar inimigos e atopar obxectos, á vez que podemos pasear pola cidade falando cos seus habitantes. A versión de Nintendo 64 é algo peor, xa que en moitas zonas ten unha distancia de visión menor ca o lanzamento orixinal e sofre ralentizacións.
134. NHL 99 (1998) (4 xogadores)
Aínda que NHL 2001 foi o simulador de hóckey sobre xeo máis completo de EA nesta xeración, para a consola de Nintendo só sacaron esta entrega e, aínda que a oferta deportiva do catálogo non é moi ampla, este NHL’99 é un bo título que ofrecerá horas de diversión, con moitas opcións, aos amantes do deporte. Ten un control a medio camiño entre arcade e simulador que leva un tempo acostumarse pola disposición dos botóns no mando desta consola, pero nada serio.
133. WWF No Mercy (2000) (4 xogadores)
Un clásico para os afeccionados á loita libre de todo o mundo e aínda hoxe considerado o mellor xogo de loita libre da historia. Con montóns de opcións, como crear o noso propio loitador, un modo carreira con diferentes camiños e un multixogador con máis modos dos que se viran ata entón. Ademais, pódese pelexar noutras contornas próximas á arena principal, como o bar do recinto ou os vestiarios. Ten tamén un dos plantéis de loitadores reais máis amplos, aínda hoxe, nun xogo de loita libre, con máis de sesenta. Como aspecto negativo, sofre ralentizacións no modo para catro xogadores.
132. Tetrisphere (1997) (2 xogadores)
Un orixinal e estraño xogo de quebracabezas cuxa mecánica principal consiste en destruír fichas con diferentes formas xeométricas que rodean unha esfera ata alcanzar o centro. Para destruílas temos que colocar a ficha que nos dá o xogo xunto a outras dúas da mesma forma; para iso temos que ir movendo as pezas da esfera para xuntar polo menos dúas iguais e despois lanzar a figura que temos dispoñible.
131. Disney’s Tarzan (2000)
Baseado na mesma película, estamos ante un xogo de plataformas 2.5D de corte clásico que alterna por momentos pequenas fases en 3D. As súas mecánicas son as típicas: saltar sobre inimigos, lanzar obxectos, atopar coleccionables etc. Pero isto non quere dicir que sexa un mal produto; ao contrario, é un xogo correcto que gustará aos amantes deste xénero, que, ademais, non ten gran variedade neste catálogo.
130. Gauntlet Legends (1999) (4 xogadores)
Outra entrega da saga de exploración de masmorras, que nesta entrega deu o salto ás 3D e, aínda que Gauntlet II xa o permitía, foi agora cando se apostou forte polo multixogador a catro. Inclúe xefes de masmorra que requiren un pouco de estratexia se se xoga en equipo e unha historia que, sen ser unha marabilla, achega certa unión entre as diversas fases.
129. Mission Imposible (1998) (1 xogador)
Un título que recrea libremente a trama da película a través dunha sucesión de misións nas que hai que completar unha serie de obxectivos e que destacan por ofrecer unha gran variedade de situacións: haberá misións de infiltración nas que teremos que disfrazarnos de alguén para enganar o inimigo, noutras apostarase pola sabotaxe e, por suposto, non faltarán algunhas de acción directa. Conta con algúns diálogos con voz real, algo que non abunda neste catálogo e que lle dá bastantes puntos á inmersión, e o control podería ser un pouco mellor, especialmente nas misións de infiltración. É un xogo infravalorado porque a xente o compara con Goldeneye ou Metal Gear Solid, que foron fitos desta xeración, pero realmente é un título divertido e de calidade, aínda que non sexa perfecto.
128. Madden NFL 2002 (2001) (4 xogadores)
Esta saga deportiva de EA foi mellorando pouco a pouco con cada entrega; a partir da de 1999 todas son bastante boas, pero en cada entrega foron engadindo novidades e NFL 2002 é a máis completa. Ten todos os modos que esperarías dun simulador de fútbol americano: un modo franquía, un modo clásico que simula partidos cun estilo gráfico 2D retro etc.
127. Nightmare Creatures (1998) (1 xogador)
Título de acción que, pola súa mecánica e ambientación, tamén se pode considerar survival horror. O xogador debe avanzar ata atopar a saída do nivel; polo camiño predomina a escuridade, que dificulta ver os inimigos, que sempre son un reto porque teñen un gran poder de ataque e esquivan os nosos movementos con facilidade. Ademais, hai un medidor de adrenalina que se vai esgotando e só se enche ao pelexar; se se baleira, o personaxe empeza a perder vida. A súa ambientación e o seu estilo de combate son un primeiro paso do que despois vimos en xogos como Bloodborne.
126. Puyo Puyo Sun & Puyo Puyo-n (1997-1999) (2 xogadores)
Non existe sistema que non recibise algunha versión de Puyo-Puyo. É outro clásico dos quebracabezas no que temos que unir por cores catro puyos para facelos desaparecer e evitar así que se acumulen. Ambas as versións contan cun bonito arte gráfico e con modo historia ou competitivo.
125. NBA Showtime – NBA on NBC (1999) (4 xogadores)
Un arcade de baloncesto 2 contra 2 sucesor dos coñecidos NBA Jam e NBA Hangtime. É unha das entregas favoritas dos afeccionados: mantén o mesmo esquema de control e de xogabilidade que os anteriores, pero logra dar correctamente o salto aos gráficos 3D. A mellor adaptación doméstica é a de Dreamcast, pero a de N64 mantén o tipo.
124. 40 Winks (Cancelado) (2 xogadores)
Un xogo de plataformas 3D no que prima a exploración en busca de coleccionables para poder avanzar a novas fases. Publicouse para PlayStation en 1999, pero a versión para N64 cancelouse aínda que estaba rematada. Ambas teñen o mesmo contido, pero a desta máquina incorpora un modo cooperativo para dous xogadores.
123. Armorines: Project S.W.A.R.M. (1999) (4 xogadores)
Un FPS desenvolvido co motor gráfico de Turok 2, aínda que non consegue a mesma calidade. Non é un mal xogo e a idea de repeler unha invasión extraterrestre dunha raza arácnida é boa, pero non acaba de funcionar e dá a sensación de que lle iría mellor nunha consola da xeración seguinte. Os escenarios teñen unha distancia de debuxado curta e o que deberían ser hordas de inimigos acosándonos raramente pasan de tres en pantalla, cifra a partir da cal a acción se ralentiza demasiado; por outra banda, a IA inimiga é básica: estamos ante unha raza tecnoloxicamente avanzada, pero perséguennos e atácannos directamente sen buscar cobertura nin intentar flanquearnos. Con todo, é unha achega que está por riba da calidade media do catálogo e que entreterá os afeccionados ao xénero.
122. Custom Robo (1999) (2 xogadores)
Un título de combates con robots que podemos ir mellorando coas pezas que obtemos ao derrotar rivais. O desenvolvemento é sinxelo: movémonos polo mapa buscando un rival contra o que pelexar e entón cárgase unha arena de combate 3D na que ambos os robots loitan coas armas equipadas previamente. Ten ata trinta arenas diferentes que obrigan a pensar que configuración do noso robot usar fronte a cada rival.
121. Micro Machines 64 Turbo (1999) (8 xogadores)
A terceira entrega da saga iniciada en NES é bastante conservadora e mantén o concepto de carreiras aloucadas por escenarios situados en obxectos e lugares de uso humano, como escritorios ou a mesa da cociña, desde un punto de vista aéreo. A súa maior virtude é o multixogador, que permite oito xogadores compartindo catro mandos.
120. Chopper Attack (1997)
Ao comezar pode parecer un simulador de combate en helicóptero, pero en realidade trátase dun shoot’em up máis próximo aos clásicos do que inicialmente poderiamos pensar. Temos que manexar o helicóptero por escenarios 3D, pero cun esquema de control 2D. Ao derrotar inimigos conseguimos diñeiro co que mercar diversos tipos de munición.
119. Wetrix (1998) (2 xogadores)
Unha das ideas máis orixinais e raras dos xogos de habilidade e quebracabezas. A súa premisa é simple: construír muros con pezas tipo Tetris para evitar que a auga se derrame polos bordos do escenario. Aprender a xogar pode requirir grandes doses de paciencia e a súa dificultade, a medida que avanza a partida, pode frustrar.
118. Iggy’s Reckin’ Balls (1998) (4 xogadores)
Controlando un dos diversos personaxes con forma de pelota, debemos superar pequenas carreiras por circuítos con plataformas e obstáculos. Polo camiño atopamos potenciadores e podemos molestar os nosos rivais. Ten cen niveis ambientados en diversos mundos, como unha praia, unha cidade etc.
117. Forsaken 64 (1998) (4 xogadores)
Non foi o éxito comercial esperado, pero considéroo un dos shooters máis orixinais. Manexamos unha motocicleta voadora en primeira persoa que podemos mover libremente en 360º e debemos explorar mapas cunha ambientación inspirada en Doom para cumprir diversas misións. Tecnicamente destaca sen que a súa fluidez se resinta, e o seu modo multixogador é unha das súas mellores bazas. Hai que deixar claro que Forsaken 64 é unha versión diferente, con mapas e misións distintos dos do Forsaken de PS1 e PC.
116. Duke Nukem – Zero Hour (1999) (4 xogadores)
O famoso personaxe de humor rancio e machista que se dedica a frustrar os plans dos alieníxenas que queren conquistar a Terra protagonizou este xogo de disparos en terceira persoa. É un bo título para o seu xénero: ten un apartado gráfico moi bo, montóns de audios coas frases e chistes característicos de Duke Nukem e máis de trinta escenarios ben deseñados, con contornas grandes e segredos que descubrir, ambientados en diferentes épocas.
115. NFL Blitz – Special Edition (2001) (4 xogadores)
Este arcade é para o fútbol americano o que NBA Jam para o baloncesto: un arcade deportivo sinxelo e frenético, pero sen realismo nin regras. O seu control é moi sinxelo e aditivo, e cada partido só dura dez minutos, nos que practicamente non hai pausas na acción. Moi recomendable e divertido aínda que non sexas afeccionado ao deporte. A Special Edition é unha pequena actualización do NFL Blitz orixinal: na xogabilidade e nas opcións non hai cambios, pero actualiza os cadros dos equipos e o multixogador pasa de dous a catro xogadores.
114. Army Men – Air Combat (2000) (4 xogadores)
O resto dos xogos da franquía Army Men non me convenceron para estar neste top, pero este spin-off cambiaba a un shoot’em up bélico no que debemos completar diversas misións que van desde liquidar o bando inimigo ata facer de escolta.
113. Automobili Lamborghini (1997) (4 xogadores)
Un dos primeiros cartuchos bos de carreiras que recibiu a consola e, aínda que tecnicamente non é o mellor que veriamos, movíase con fluidez e sen néboa. Cumpría o seu cometido de ofrecer divertidas carreiras de condución arcade, pero o seu contido era algo curto.
112. Turok – Dinosaur Hunter (1997)
Un FPS que sorprendeu pola súa calidade gráfica e pola súa ambientación, con diversos inimigos entre os que destacan os dinosauros. As súas fases están compostas por mapas abertos que permiten ao xogador explorar e nos que se combina acción con plataformas. Porén, abusa dunha néboa moi próxima, carece de multixogador e ten un control que quedou axiña desfasado coa saída de Goldeneye.
111. Wipeout 64 (1998) (4 xogadores)
A famosa saga de carreiras futuristas tamén tivo a súa entrega en N64, cun xogo deseñado desde cero con circuítos novos. Ten bos gráficos e bo control, e mesmo a música cumpre, pero a súa competencia directa son dous pesos pesados como F-Zero X e Xtreme-G.
110. Penny Racers (1998) (4 xogadores)
Un xogo de carreiras arcade que, baixo a súa estética de debuxo animado, agocha un sistema de compras e melloras para un amplo número de vehículos. Ten tamén unha gran variedade de circuítos moi divertidos e orixinais; podería definirse como un híbrido entre a condución de Mario Kart e o sistema de melloras de Gran Turismo.
109. Worms Armageddon (2000)
Como en calquera xogo desta saga, debemos usar o noso exército de vermes, con diversas habilidades e armas, para eliminar o exército rival, todo cunha xogabilidade que se mantén fresca. Por desgraza, a estratexia por quendas en 2D é un tipo de xogo que pasa máis desapercibido nos catálogos pola súa menor popularidade.
108. Mace: The Dark Age (1997) (2 xogadores)
Unha das poucas achegas de loita que ten N64. Non é un xogo moi técnico, o que para min adoita ser unha virtude, pero para os máis asiduos pode ser negativo. Caracterízase por unha ambientación con escenarios variados e interactivos, nos que se poden usar elementos da contorna para alcanzar a vitoria. Tamén conta cuns personaxes escuros que lembran Mortal Kombat e co seu propio sistema de ataques finais cun alto grao de violencia.
107. Nuclear Strike 64 (1999)
Quinto capítulo da saga Strike, que nos pon aos mandos dun helicóptero por contornas tridimensionais nas que cumprir varios obxectivos principais e opcionais. En esencia é un shoot'em up 3D e foi a entrega da saga con máis vehículos dispoñibles, pero nesta versión, pola limitación do cartucho, houbo que recortar o contido dos escenarios e as escenas de vídeo das versións de PSX e PC.
106. Pilotwings 64 (1996)
Un dos xogos máis orixinais na súa proposta: conseguir ser un piloto de primeira. Para iso temos que superar diversas probas manexando ás delta, mochilas propulsoras, un canón etc. En definitiva, estamos ante un simulador de voo de control sinxelo que aposta pola habilidade e pola exploración de grandes escenarios en lugar da clásica acción.
105. Vigilante 8 – 2nd Offense (1999) (4 xogadores)
Este cartucho tráenos combates en vehículos con variedade de armas. Conta cun modo historia que permite cooperativo a dous e varios modos competitivos para ata catro xogadores. A franquía Vigilante 8 é, xunto a Twisted Metal, un dos maiores expoñentes deste peculiar xénero.
104. Last Legion UX (1999) (2 xogadores)
Este produto tráenos combates de mechas; foi exclusivo de Xapón e hai pouco traducírono ao inglés. Podemos escoller entre diversos robots, cada un coas súas propias características e cun control que resulta satisfactorio. Conta con varios modos de xogo, entre os que destacan a historia e o multixogador.
103. Buck Bumble (1998) (2 xogadores)
Nesta aventura de acción manexamos unha abella que debe rexeitar a invasión dos seus xardíns por parte de varias especies de insectos mutados por un vertido químico. O seu desenvolvemento mestura a exploración 3D, tan de moda naqueles anos, cun shooter en terceira persoa. Pasou bastante desapercibido no seu momento, quizais por saír no mesmo ano ca outros como Banjo&Kazooie, Turok 2, Ocarina of Time ou Rogue Squadron.
102. Mickey’s Speedway USA (2000) (4 xogadores)
Tras o éxito de Mario Kart non foron poucos os intentos de copiar a súa fórmula. Este está protagonizado por personaxes de Disney e, en aspectos técnicos, mesmo supera o clásico de Nintendo. Porén, a maioría dos circuítos son demasiado curtos e simples, e o que máis doe é que, sendo RARE a creadora, non teña un modo historia parecido ao que usou no seu Diddy Kong Racing.
101. Dr. Mario 64 (2001) (4 xogadores)
Nova entrega desta saga de quebracabezas na que debemos eliminar virus colocando enriba deles pílulas da súa mesma cor. A maior novidade desta entrega é que introduce o multixogador para catro persoas.
100. Roadsters (2000) (4 xogadores)
Unha das sorpresas que atopei no catálogo: un xogo de velocidade no que empezamos mercando o noso primeiro coche, co que gañar carreiras para conseguir diñeiro e mercar melloras ou novos vehículos. O xogo goza de bos gráficos e boa sensación de velocidade, e combina coches con licenza oficial con modelos inventados.
99. Duke Nukem 64 (1997) (4 xogadores)
Conversión de Duke Nukem 3D, un FPS coñecido pola fama do seu protagonista e polos seus chascarrillos cargados de humor rancio dos oitenta mentres aniquila unha invasión alieníxena cun amplo arsenal. En xeral, é unha boa adaptación gráfica e o control é decente; destaca o seu multixogador competitivo e tamén un modo cooperativo. No negativo, o xogo sacrifica a música orixinal e padece unha censura que roza o absurdo.
98. World Driver Championship (1999) (2 xogadores)
O máis próximo á condución realista que tivo Nintendo 64 e, ademais, un dos xogos que máis exprimen as súas capacidades técnicas, con coches moi detallados, reflexos nas carrozarías, efectos climatolóxicos etc. Conta con máis de trinta coches e dez circuítos con variantes, e é un dos xogos máis recomendables para quen busque carreiras realistas cunha condución esixente.
97. Magical Tetris Challenge (1998) (2 xogadores)
Tetris sempre será un clásico que merece un oco en calquera top que se prece. Nesta versión ofrécesenos a mesma xogabilidade e as mesmas mecánicas do orixinal, con lixeiros engadidos e unha historia infantil protagonizada por Mickey Mouse e os seus amigos.
96. Road Rash 64 (1999) (4 xogadores)
Un videoxogo dos máis sinxelos de aprender e dos máis divertidos do catálogo, sobre todo nos seus modos multixogador. Estamos ante unha obra que combina carreiras de motos con doses de acción, xa que podemos atacar os rivais de diversas formas. Graficamente non é do mellor que deu N64, pero cumpre o seu cometido.
95. International Track&Field 2000 (1999) (4 xogadores)
O único simulador de atletismo que recibiu a consola. Graficamente mellora moito a primeira entrega 3D da saga e, en xogabilidade, mantén as mesmas mecánicas clásicas: pulsacións repetidas e rápidas dun ou dous botóns e, en ocasións, premer só no momento preciso. Esta versión é a que máis probas deportivas inclúe.
94. Duck Dodgers Starring Daffy Duck (2000)
Un dos esquecidos do catálogo. Controlando o famoso pato de Warner Bros, debemos visitar e explorar cinco planetas con escenarios baseados na serie. No xogo predominan a exploración con plataformas 3D e os quebracabezas sinxelos, xunto a pequenas doses de acción, todo sen esquecer o sentido do humor característico da franquía.
93. San Francisco Rush 2049 (2000) (4 xogadores)
Aínda que ten fama do contrario, a 64 ten en realidade un completo abano de xogos de velocidade. Neste debemos correr por un San Francisco futurista a velocidades frenéticas. Conta, ademais, cun modo batalla con armas que é unha das poucas alternativas que podemos atopar a Vigilante 8.
92. Command & Conquer (1999)
Obra clave na evolución da estratexia en tempo real que, tras triunfar en PC, se levou ás consolas. Esta versión caracterízase por unha mellora gráfica nas contornas e, aínda que é certo que o mellor é xogalo cun rato, o esquema para o mando, cun pouco de práctica, chega a ser cómodo. En cambio, esta versión non ten multixogador e o modo campaña prescinde das cinemáticas, tan importantes nesta saga.
91. Wave Racer 64 (1996) (2 xogadores)
De novo outro arcade de velocidade, nesta ocasión baseado en fantásticas carreiras a lombos de motos de auga. Foi un dos primeiros títulos do lanzamento e demostraba o poderío da máquina cos gráficos 3D. Tiña unha curva de dificultade algo alta para comezar, pero que axudaba a alongar a súa duración, xa que o seu contido era axustado.
90. CyberTiger (2000)
É raro que me chame a atención un xogo de golf e, porén, neste top hai dous. Está protagonizado por Tiger Woods, con gráficos desenfadados, pero o que máis me gustou é a posibilidade de configurar o control para escoller entre un simulador realista ou algo máis arcade e directo. Ademais, ten montóns de extras configurables e as partidas con amigos son moi competitivas.
89. Star Wars: Shadows of the Empire (1996)
Un dos primeiros éxitos da consola, cunha historia situada entre os episodios IV e V da saga e cun desenvolvemento que combina varios xéneros, distintos en cada unha das dez fases. Así, xogamos fases FPS de control irregular que se intercalan con outras nas que, manexando naves, debemos gañar varias batallas aéreas, que é onde este cartucho saca máis músculo.
88. Beetle Adventure Racing! (1999) (4 xogadores)
A estas alturas xa comprobariades que un dos falsos mitos sobre Nintendo 64 é a falta de xogos de condución. Este foi un xogo para promocionar o modelo Beetle; ten unha xogabilidade e unha calidade como as de Need for Speed de PSX, e o seu maior punto forte son uns circuítos de tamaño enorme, cheos de desvíos e atallos secretos e con detalles de orixinalidade.
87. Bomberman 64 Arcade Edition (2001) (4 xogadores)
Exclusivo de Xapón, foi o último xogo do personaxe que saíu na consola e regresaba ao seu estilo 2D clásico. Conta con extras como diversos minixogos e a posibilidade de enfrontarnos cos amigos. Cómpre aclarar que a coletilla Arcade Edition non é o nome oficial, pero en occidente coñécese así para distinguilo do Bomberman 64 que recibimos.
86. S.C.A.R.S (1998) (2 xogadores)
Outro xogo que segue a estela de Mario Kart cunha estética máis agresiva, é dicir, un xogo de carreiras tolas con multitude de obxectos cos que atacar os rivais ou obter vantaxes sobre eles. Teñen especial importancia os diferentes coches, xa que cada un ten as súas propias características, que afectan á condución. Porén, a versión de PSX lucía mellor e era máis fluída.
85. Killer Instinct Gold (1996) (2 xogadores)
Killer Instinct Gold é unha conversión con extras da recreativa orixinal e tamén a continuación directa da primeira parte de Snes. É un xogo moi conservador, que mantén o estilo de combates con desprazamento lateral e un sistema de combos sinxelo para danar o adversario; non destacaba graficamente para o seu ano, pero cumpría como xogo de transición entre xeracións.
84. Bust-A-Move’ 99 (1999) (4 xogadores)
Un clásico dos quebracabezas das recreativas: en esencia é o mesmo xogo ca as entregas anteriores, no que temos que apuntar e disparar bólas contra outras da mesma cor para que estoupen antes de que nos alcancen. Hai varias entregas no catálogo; escollín esta porque inclúe multixogador a catro.
83. Indy Racing 2000 (2000) (2 xogadores)
Exclusivo de América e último xogo de carreiras que recibiu a consola, cun control híbrido entre arcade e simulador. Todo é auténtico e fiel ao deporte orixinal, cunha maior sensación de velocidade, e os xogadores menos habituais poden gozalo sen problemas.
82. Castlevania Legacy of Darkness (1999 ambos)
Outro clásico que saltou ás 3D con dúas entregas, pero este inclúe todo o contido do anterior, corrixe erros e mellora un pouco a cámara e o control. En conxunto é un bo cartucho, cunha boa ambientación e unha historia que mellora ao avanzar. Teño que destacar os seus personaxes secundarios, que nos farán dubidar de se debemos confiar neles. Os momentos de acción son mellorables e as plataformas están lonxe das grandes da xeración, pero en conxunto é moi recomendable. Para rematar, dúas anotacións: a música é soberbia e recoméndase non usar o expansion pak.
81. Knockout Kings 2000 (1999) (2 xogadores)
Non son experto en boxeo, pero ten algo que fai que me interesen os seus videoxogos. Este foi o único simulador do catálogo, aínda que o seu esquema de control queda a medio camiño dun simulador realista, xa que usa combinacións de botóns para esquivar ou realizar ataques normais, pero ten os ataques especiais predefinidos nun único botón. Sobre estes últimos, cómpre dicir que cada boxeador ten os que o caracterizaron na súa carreira e, por último, mencionar o plantel, con famosos como Sugar Ray, Rocky Marciano ou Alí.
80. Body Harvest (1998)
Tiven as miñas dúbidas sobre se incluílo. Por unha banda, é un xogo que envelleceu moi mal, tanto graficamente como na súa curva de dificultade ou no control; abusa da néboa e ten unha taxa de fotogramas inestable. Pola outra, é un dos xogos máis innovadores e pioneiros dos sandboxes. Debemos eliminar invasións alieníxenas en amplos mapas abertos ambientados en diferentes épocas, polos que podemos movernos libremente, interactuar con outros personaxes e usar múltiples vehículos.
79. Hydro Thunder (2000) (4 xogadores)
Sen ser exactamente o mesmo, esta obra sería a competencia de Wave Race 64. Un xogo de carreiras de lanchas cun bo apartado gráfico que se achega en calidade á versión de Dreamcast, pero o que máis me gustou foi o seu bo control e o deseño e a cantidade dos circuítos.
78. Shadowgate 64: Trials of the Four Towers (1999)
Unha fantástica aventura en primeira persoa que aposta forte pola exploración e pola resolución de enigmas e quebracabezas máis que polo combate. Ten unhas contornas e uns escenarios cuxo deseño me encantou, e a xogabilidade é das máis sinxelas, polo que aprender a xogar será fácil, pero completar o xogo si pode resultar complicado se non se recorre a unha guía.
77. 1080º Snowboarding (1998) (2 xogadores)
A resposta ao auxe do snowboard e ao éxito que colleitaba Cool Boarders en PSX foi este cartucho, que aposta por unha simulación realista na que os diferentes tipos de neve afectan ás físicas á hora de deslizarse ou xirar, e o control, aínda que preciso, esixirá o mellor do xogador. Outra sorpresa son os seus efectos climáticos e, como aspecto negativo, só podo dicir que os seus seis circuítos son poucos.
76. Fighters Destiny (1998) (2 xogadores)
Xogo de loita con combates 1 contra 1 que, en lugar de ter que buscar o KO para gañar, aposta por un sistema de puntuación que varía segundo a forma de derrotar o rival: o KO é o menos valorado, cun punto, mentres que facer luxacións puntúa triplo. É un bo xogo, pero aos seus personaxes fáltalles carisma; tivo unha continuación en N64 máis completa en contido, pero descarteina porque non era tan fluída.
75. Bomberman 64 & Bomberman The Second Attack! (1997-1999) (4 xogadores)
Outro heroe clásico que saltou ás 3D: en ambas as entregas Bomberman dispón dos seus movementos clásicos para eliminar inimigos en pequenos mapas, pero agora o xogo transfórmase nun xogo de plataformas e acción con movementos novos. Inclúe un modo multixogador para enfrontarnos aos nosos amigos. Non hai grandes cambios entre as dúas entregas, pero paréceme máis divertida a historia do segundo xogo.
74. Doom 64 (1997)
Terceira entrega da saga, exclusiva de N64. Supuxo un aire renovador cunha ambientación máis escura que por momentos inspira terror, pero sen abandonar os mapas labirínticos que hai que explorar para atopar chaves ou interruptores. A ausencia de multixogador e dunha banda sonora potente son os seus únicos aspectos negativos. Pasou desapercibido porque o nome non deixa claro que se trata dunha nova entrega e porque a saída de Goldeneye o relegou a un segundo plano.
73. Star Wars Episode I: Battle for Naboo (2000)
Ambientado na parte final da película, este cartucho proponnos superar unha quincena de misións en vehículos aéreos e terrestres que se poden resumir en eliminar todos os inimigos e protexer os nosos aliados. Segue, polo tanto, o camiño marcado polo fantástico Rogue Squadron, pero a min persoalmente non me sorprendeu tanto.
72. Monaco Grand Prix (1999) (2 xogadores)
Ubisoft marcouse un bo simulador de Fórmula 1 que, aínda que non conta con licenzas oficiais, é unha das mellores alternativas a F1 World Grand Prix. O xogo ten un gran apartado gráfico e unha gran variedade de modos de xogo, pero, para min, a súa mellor virtude é a posibilidade de escoller entre unha condución arcade e sinxela ou un control máis realista e complexo.
71. Turok 3: Shadow of Oblivion (2000) (4 xogadores)
A terceira entrega da saga adoita ser criticada e deixada de lado, pero o certo é que me parece un bo produto, moito mellor ca a primeira entrega, aínda que sen alcanzar o nivel da segunda parte. O xogo cambiaba as contornas abertas ambientadas en selvas por mapas máis pequenos e urbanos, o que supuña unha aposta máis directa pola acción, relegando a un segundo plano a exploración.
70. BattleTanx: Global Assault (1999) (4 xogadores)
Este cartucho tráenos un simulador de condución de tanques co que destruír todo o que saia ao paso en grandes mapas. É un xogo que, sen grandes alardes técnicos (recorre á néboa), consegue ofrecer unha diversión directa e fácil que alcanza o seu maior potencial no modo multixogador.
69. Star Wars Episode I: Racer (1999) (2 xogadores)
Curioso xogo que, inspirado na famosa carreira de vainas da película, nos propón competir neste divertido e perigoso deporte en 25 pistas e cunha sensación de velocidade moi conseguida que só supera o gran F-Zero X.
68. Donkey Kong 64 (1999) (4 xogadores)
O salto ás plataformas en 3D do famoso simio de Nintendo non foi tan bo como cabía esperar de RARE. O xogo, en conxunto e para a súa época, non está mal, cun coidado apartado técnico, pero cun desenvolvemento pesado e uns controis non de todo finos, especialmente se o comparamos co xenial Banjo&Kazooie que a compañía lanzou un ano antes.
67. Ready 2 Rumble Boxing: Round 2 (2000) (2 xogadores)
Antes falamos do mellor simulador; agora tócalle a quenda ao mellor xogo de boxeo arcade tanto da consola como da súa xeración. Estamos ante unha obra na que, igual que na primeira parte, predominan sempre a parodia e as situacións cómicas, especialmente polo elenco de boxeadores que podemos escoller, no que hai famosos como o matrimonio Clinton ou Michael Jackson.
66. Pokèmon Stadium 2 (2000) (4 xogadores)
Tiven dúbidas sobre se incluír esta saga. Por unha banda, merece estar pola súa innovadora forma de romper a cuarta parede, xa que se pode usar o transfer pak para traer os nosos pokémon dos xogos de Game Boy. Pola outra, a súa mecánica quedou desfasada e limítase basicamente a recrear en 3D os sinxelos combates por quendas dos xogos das portátiles. Optei pola primeira opción tamén porque o cartucho trae unha pequena selección de minixogos realmente divertidos.
65. Ridge Racer 64 (2000) (4 xogadores)
A exclusividade de PSX con esta saga rematou, aínda que tarde, coa chegada desta fantástica versión. RR64 é unha besta en moitos aspectos, empezando polo técnico, cuns gráficos incribles que non afectan á fluidez do xogo e sen recorrer á néboa. Pero, ademais, ten un control que roza a perfección e un contido máis que aceptable no que destaca a aposta forte polo multixogador.
64. Spider-man (2000)
Unha das mellores aventuras que recibiu esta xeración. Unha delicia tanto no visual como na súa xogabilidade, sobre todo se a valoramos en retrospectiva. Cómpre mencionar que, de novo, o formato físico do cartucho impuxo unha tesoirada tanto nas cinemáticas, que se substituíron por viñetas de cómic, como na eliminación do modo What if?, un importante extra que modificaba os acontecementos da historia principal e convidaba a xogar de novo nas outras versións.
63. Chameleon Twist (1997) (4 xogadores)
Xogo de plataformas infantil, de baixa dificultade e desenvolvemento lineal por contornas 3D. Cada mundo pódese acabar rápido pola súa curta lonxitude, pero inclúe coleccionables para aumentar a duración. En canto á xogabilidade, ten un control clásico dos primeiros xogos de plataformas 3D, coa principal novidade de que podemos controlar a lingua dos camaleóns como gadoupa ou pértega, entre outras habilidades. Sae mal parado ao compararse con grandes como Mario 64, pero ten diversión dabondo para estar aquí.
62. Harvest Moon 64 (1999)
Unha peza única dentro do catálogo, secuela da saga iniciada en Snes que nos presenta un simulador social ambientado nunha granxa. O xogo incorpora un ciclo día-noite e tamén as catro estacións do ano, que son un factor importante nas nosas actividades e nas decisións sobre que cultivar. Tamén inclúe un pobo en cuxas actividades podemos participar e mesmo casar.
61. Centre Court Tennis (1998) (4 xogadores)
O meu segundo arcade de tenis favorito do top: cunha estética desenfadada e uns gráficos correctos, este cartucho proponnos disputar torneos e amigables cuns controis fáciles de aprender. Inclúe minixogos ou modalidades informais, como pistas de xeo ou de lava, entre outras. Ata a saída de Mario Tennis, dous anos máis tarde, foi sen dúbida a mellor aposta para os amantes da raqueta.
60. Quake II (1999) (4 xogadores)
Outro FPS que se suma ao gran abano da consola: aínda que o nome coincide co do clásico de PC, trátase dunha versión con niveis novos que a converten nunha expansión moi recomendable para os amantes da saga. Chama a atención o seu gran apartado técnico, cunha boa fluidez, aínda que por momentos inestable, e un control que, sen igualar a comodidade dun rato, se adapta moi ben ao mando. A todo isto temos que engadir un soberbio multixogador local. Por desgraza, igual que en Doom 64, o uso do cartucho obrigou a eliminar a banda sonora e optar por son ambiental.
59. Top Gear Overdrive (1998) (4 xogadores)
Un dos mellores representantes das carreiras arcade do sistema. A sensación de velocidade conseguida é a súa maior virtude, xunto cun apartado gráfico no que coches e escenarios cumpren con fartura; conta, ademais, cun sistema de melloras que podemos ir mercando ao gañar carreiras. Pero onde máis zume se lle saca é nos diversos modos multixogador.
58. Starcraft 64 (2000) (2 xogadores)
Starcraft é un dos mellores RTS da historia, e a súa versión para N64 é moi digna: mantén o mesmo contido que a versión de PC e unha xogabilidade aceptable baseada nunha simplificación dos controis con atallos directos. En cambio, elimináronse escenas de vídeo e audios, e tamén o editor de niveis. En resumo, un dos mellores RTS para consola, pero lonxe da calidade que ofrece a versión de ordenador.
57. Shadow Man (1999)
Xogo de aventuras por contornas 3D cunha ambientación escura baseada no cómic homónimo. Conta unha historia complexa e profunda para o seu ano, e o deseño dos seus escenarios, cheos de túneles labirínticos, pode asustar os xogadores actuais acostumados a certa linealidade. É unha das mellores aventuras da súa xeración, e esta versión é tecnicamente mellor ca a de PSX e peor ca a de Dreamcast.
56. Rakuga Kids (1998) (2 xogadores)
Loita 2D moi orixinal e divertida, xa que todo o deseño de personaxes, escenarios e ataques parte da base de que son nenos debuxando. En canto á xogabilidade, lémbrame un pouco a Street Fighter, con varios tipos de patadas e puñadas, pero con combos para os ataques especiais. Pasou desapercibido, quizais porque a súa estética atraía menos que outros como War Gods, Killer Instinct ou Mace: The Dark Age.
55. Tony Hawk’s Pro Skater 2 (2001) (2 xogadores)
Popular simulador de skate que tivo moi boa acollida en N64, tanto que chegou a recibir as tres primeiras entregas. Non son experto no deporte e en principio ía descartalo, pero, tras xogalo un anaco, hei de dicir que é divertido e pracenteiro aprender a facer as diversas piruetas en escenarios con moito detalle e interacción coa contorna.
54. Operation WinBack (1999) (4 xogadores)
Un shooter en terceira persoa cun sistema de coberturas e sixilo para avanzar e derrotar os inimigos. Conta cun modo historia que, sen ser nada do outro mundo, cumpre e entretén, mentres que o seu multixogador destaca por traer unha variedade de modos, como deathmatch por puntos, batalla por equipos, carreiras etc. Cómpre advertir que existe un remake para PS2 que ten mellor fluidez e elimina a molesta néboa desta versión.
53. Pokémon Puzzle League (2000) (2 xogadores)
Este cartucho usa a historia do anime xaponés para traer un quebracabezas aditivo no que debemos evitar que se amoreen as fichas cadradas con diferentes símbolos e cores que van aparecendo. Para iso temos que movelas rapidamente para crear filas con fichas iguais e así eliminalas. Ademais, se logramos eliminar catro ou máis fichas xuntas, facemos combos que lanzan bloques ao contrario.
52. Extreme-G (1997) (4 xogadores)
Carreiras futuristas a toda velocidade en motos con disparos aos rivais. Extreme-G é unha curiosa mestura entre a velocidade de F-Zero e o xogo sucio de Mario Kart, pero funciona. N64 recibiu unha secuela que graficamente era mellor, pero escollín esta parte por ser novidosa e, sobre todo, porque ten un rendemento máis estable e fluído.
51. Indiana Jones and the Infernal Machine (2000)
Aproveitando o éxito da saga Tomb Raider noutras plataformas, apareceu este xogo que nos narraba unha nova aventura do famoso arqueólogo do cine. O personaxe ten habilidades parecidas ás de Lara Croft para explorar e superar obstáculos, co engadido de poder usar o látego para balancearse ou atacar. Completan esta obra escenas de acción nas que derrotar inimigos, atopar obxectos ou resolver quebracabezas para lograr avanzar.
50. NBA Courtside 2 featuring Kobe Bryant (1999) (4 xogadores)
Os simuladores de baloncesto non son o meu forte, pero este destaca por riba de todos os do catálogo. Ten unha calidade gráfica superior á da competencia sen afectar á fluidez dos partidos e un control que, unha vez que se aprende, permite facer o que queiramos. Inclúe tamén un modo arcade por se preferimos un control máis sinxelo.
49. F1 World Grand Prix II (1999) (2 xogadores)
A Fórmula 1 tampouco é o meu forte, así que para este xogo deixeime asesorar. Tanto este xogo como a súa primeira entrega son simuladores incribles, con altas cotas de realismo para o seu ano; esta entrega perfecciona graficamente a primeira e mellora as sensacións. No resto, pódese dicir que é continuísta.
48. Yoshi’s Story (1997)
Unha obra polémica que decepcionou os seguidores de Yoshi’s Island. Este xogo de plataformas 2D ten un apartado artístico soberbio, pero carece dunha xogabilidade e dun ritmo que enganchen. Depende moito de cada xogador decidir se é bo ou non, xa que a súa principal virtude é gozar visualmente da viaxe por escenarios encantadores máis que o reto.
47. Glover (1998)
Un xogo orixinal e divertido que, combinando contornas 3D con quebracabezas de habilidade, nos propoñía xogar coas físicas dos escenarios para lograr avanzar cunha pelota que debiamos manexar co noso protagonista, representado por unha luva. A pelota podía transformarse e adquirir propiedades coas que interactuar coa contorna ou subir a dificultade e gañar máis puntos.
46. International Superstar Soccer 2000 (2000) (4 xogadores)
A oferta futbolística do catálogo non é ampla, pero a máquina recibiu un par de FIFA e de ISS. Escollín este como representante porque me parece que ten unha xogabilidade máis realista e, hoxe en día, non creo que non contar con licenzas oficiais sexa un factor determinante, que en todo caso se pode arranxar co seu editor. Ademais, incorpora un divertido modo historia no que encarnamos a vida dun xogador profesional, controlando os seus adestramentos, saídas nocturnas ou relacións sociais.
45. Mystical Ninja Starring Goemon (1997)
Unha hilarante historia protagonizada por ninjas nun Xapón feudal, pero cheo de anacronismos, fantasía e situacións ridículas. O xogo é unha orixinal mestura de aventuras en 3D con plataformas, masmorras, quebracabezas, minixogos etc. É un dos xogos favoritos da saga, aínda que a min persoalmente gustoume máis o rumbo que retomou a súa secuela.
44. NBA Hangtime (1996) (4 xogadores)
Gústanme máis os arcades tolos de deportes que os simuladores. Hangtime é o mellor sucesor do clásico NBA Jam que vimos na xeración anterior: mantén unha xogabilidade directa e sinxela en partidos de 2 contra 2 sen normas e con acrobacias espectaculares. Non achegaba grandes novidades ao orixinal, pero, se algo funciona, ¿para que cambialo?
43. Rocket Robot on Wheels (1999)
Un dos xéneros fortes de N64 son os xogos de plataformas 3D, como este título no que, manexando un robot sobre un monociclo, debemos explorar un parque de atraccións futurista dividido en varias seccións. Ao superar fases imos adquirindo novas habilidades que nos facilitan a tarefa. Pasou desapercibido pola dura competencia que tiña a consola neste xénero.
42. Bangai-O (2000)
Coñecido polo seu lanzamento mundial en Dreamcast, pouca xente sabe que existe esta versión exclusiva de Xapón. Controlamos un mecha por fases en 2D nas que podemos disparar en calquera dirección para eliminar multitude de inimigos e realizar ataques especiais. Esta versión diferénciase en que usa un medidor de combos grazas ao cal podemos conseguir melloras para o noso robot.
41. Kirby 64: The Crystal Shards (2000) (4 xogadores)
Un dos xogos máis bonitos, no que debemos controlar a Kirby na súa nova viaxe por escenarios 3D, pero cun desenvolvemento 2D. Kirby conta coa habilidade que o fixo popular: inxerir inimigos para apropiarse do seu poder e ter así un amplo repertorio de ataques, pero nesta ocasión podemos absorber os poderes de dous inimigos para combinalos, e pasar, por exemplo, de simples arqueiros a disparar frechas de lume. O seu maior defecto é que pode resultar moi fácil.
40. Excitebike 64 (2000) (4 xogadores)
Adaptación ás tres dimensións do clásico de motocross aparecido en NES. Foi un xogo sorprendente polo seu gran nivel de detalle e realismo deste deporte. Usa algo de néboa, pero ten unha taxa de fotogramas sólida e un control moi bo que require un pouco de práctica, pero que nos permite dominar os derrapes e os saltos. Cómpre mencionar que as carreiras están sempre moi disputadas grazas a unha IA boa e agresiva; por último, cómpre citar un fantástico modo multixogador e un editor de circuítos algo limitado.
39. Chameleon Twist 2 (1998)
Continuísta con respecto ao xa comentado da primeira parte, pero melloraba notablemente o apartado gráfico, e os escenarios eran algo máis grandes e permitían certa exploración, aínda que sen abandonar a linealidade. Recibiu malas críticas porque, en comparación, non ofrecía ningunha das novidades impostas polo éxito doutros xogos de plataformas 3D, pero en retrospectiva é un xogo de plataformas divertido, colorido, breve e de dificultade aceptable.
38. Pokèmon Snap (1999)
Unha das virtudes de Nintendo é a súa capacidade para tomar un xénero e conseguir facer un xogo diferente. Pokémon Snap é un shooter sobre raís coa peculiaridade de estar baseado en safaris fotográficos nos que debemos estar atentos para facer as mellores fotos e conseguir a mellor puntuación. Como a maioría dos produtos deste tipo, a súa duración é breve, pero é unha experiencia agradable e divertida.
37. Blast Corps (1997)
Unha das obras máis orixinais, sinxelas e divertidas de todo o catálogo: destruír todos os obstáculos que se interpoñan na ruta prefixada dun camión con armas nucleares para evitar a catástrofe. Para iso dispoñemos de oito vehículos diferentes cos que arrasar edificios, casas ou o que se interpoña. Todo cun deseño arcade que aposta por partidas curtas, pero con bastante dificultade, buscando a sensación de reto, e cun sistema de puntos que convida a repetir.
36. Hybrid Heaven (1999) (2 xogadores)
Unha rareza da súa xeración: un xogo que combina momentos de acción en terceira persoa con sixilo e combates por quendas cun sistema de progresión RPG. Sobre este último, cómpre mencionar que o noso protagonista mellora unhas partes do seu corpo máis ca outras segundo o seu uso en combate. Outro punto forte é unha trama complexa, misteriosa e adulta que engancha.
35. 007: Goldeneye (1997) (4 xogadores)
Un dos FPS máis influentes da historia e clásico de toda unha xeración. Baseándose na película homónima, RARE desenvolveu un shooter 3D complexo para a época, cunha banda sonora incrible e no que destaca unha avanzada IA inimiga que reacciona ao dano ou á intensidade do ruído. O xogo conta cunha campaña longa e co modo que máis popularidade lle deu: multixogador local a catro con diversos modos.
34. Wonder Project J2: Koruro no Mori no Jozet (1996)
Unha das obras máis descoñecidas, que nunca saíu de Xapón e que hai pouco se traduciu ao inglés. Estamos ante unha aventura gráfica cunha gran trama que se desenvolve a maior parte do tempo en contornas moi detalladas e coloridas, con gráficos 2D, e cuxa protagonista empatiza co xogador. O control é algo tosco, pero paga a pena ter paciencia e gozala.
33. SpaceStation Sillicon Valley (1998)
Novo xogo de plataformas 3D que sumamos ao catálogo; nesta ocasión poténciase a presenza de quebracabezas e de coordinación. No apartado técnico hai que criticar varios fallos graves, como colgadas se se usa o expansion pak ou erros que permiten atravesar paredes. En calquera caso, a súa proposta era diferente da do resto de xogos do xénero, xa que nos pon na pel dun robot capaz de posuír multitude de animais para usar as súas habilidades.
32. Mystical Ninja 2 Starring Goemon (1998)
Konami decidiu que Goemon volvese ás súas orixes cun xogo de plataformas con gráficos en 3D, pero de desenvolvemento 2D lateral e cun sistema sinxelo de melloras para os personaxes, xunto cunha historia, como sempre, cargada de humor. A súa primeira parte é máis elaborada e complexa, pero a min gústame máis o estilo deste e creo que é máis accesible para un xogador actual.
31. Animal Crossing (2001)
Animal Crossing é unha saga que en occidente coñecemos pola súa saída en GameCube, pero en Xapón saíu antes para N64, e esta versión tamén se traduciu ao inglés. A súa mecánica consiste en realizar diversas tarefas coas que pagar unha casa nun pobo habitado por animais, amoblala, completar coleccionables etc. O xogo conta cun reloxo interno que xestiona un calendario, de xeito que no noso pobo pasan cousas segundo a hora e a época do ano.
30. 007: The World is Not Enought (2000) (4 xogadores)
Outro shooter baseado tamén na película que lle dá nome. Pode sorprender que o puxese máis arriba que o fantástico Goldeneye, pero o certo é que ambos son xogos moi completos, de gran factura técnica, e é difícil clasificalos. O primeiro foi máis innovador, ten mellor IA inimiga e unha boa banda sonora, mentres que o segundo, aínda que sorprende menos, ten mellores gráficos, maior variedade de situacións, un maior inventario de armas e aparellos, e o seu multixogador permite enfrontarse a bots.
29. Mario Golf (1999)
Un simulador arcade de golf protagonizado por Mario e outros personaxes da franquía. Podemos escoller entre disputar torneos, retos especiais ou un divertido modo de minigolf, sós ou contra varios amigos.
28. Jet Force Gemini (1999) (4 xogadores)
RARE foi unha mina de talento para N64 e este xogo é unha das xoias que o demostran. Temos que explorar varios planetas con mapas enormes mentres salvamos civís; polo camiño hai un exército inimigo que derrotar grazas a un rico arsenal. Ademais, ten algúns dos mellores escenarios no gráfico e un apartado sonoro incrible.
27. Mortal Kombat 4 (1998) (2 xogadores)
Probablemente o mellor xogo de loita clásica en 3D da consola, en gran parte porque a competencia foi limitada. En calquera caso, é unha das sagas de loita máis famosas e non precisa presentación; esta entrega mantén uns controis asequibles e o uso de armas, xunto aos imprescindibles «fatalities» gore. A súa maior novidade foi o abandono dos actores dixitalizados para recrear os personaxes, dando o salto definitivo aos gráficos 3D poligonais.
26. Top Gear Rally 2 (1999) (4 xogadores)
Non son afeccionado ao xénero, pero TGR2 enganchoume desde o primeiro momento polos seus gráficos, que envelleceron moi ben, por un control que me resultou cómodo desde o principio e por unha sensación de realismo que poucos xogos clásicos de rally me deron, cun sistema de indicadores que nos informa do estado do coche, que pode sufrir diversos danos segundo a nosa forma de conducir. Conta, ademais, con licenzas de coches reais e cun modo multixogador.
25. Snowboard Kids & Snowboard Kids 2 (1997-1999) (4 xogadores)
Dous xogos de snowboard arcade nos que temos que gañar carreiras aloucadas aos nosos contrincantes e nos que, igual que en Mario Kart, podemos usar obxectos para prexudicar os rivais. Completan esta presentación uns gráficos coloridos e simpáticos, un control fácil e o imprescindible multixogador.
24. Perfect Dark (2000) (4 xogadores)
Cunha historia de ciencia ficción futurista, podemos dicir que a obra toma como base as mecánicas introducidas en Goldeneye, pero puíndoas con novidades nas accións da nosa protagonista ou con escenarios abertos para explorar nos que se producen situacións variadas para non caer na mera rutina de tiroteos continuos para avanzar. O único problema que arrastra hoxe en día é o prezo da súa moi alta calidade gráfica, que se traduce nunha taxa de fotogramas inestable.
23. Paper Mario (2000)
Non hai gran variedade de RPG no catálogo e Paper Mario é unha das súas xoias, cunha peculiaridade que, para min, o fai único. É un xogo cuns combates por quendas e un sistema de evolución de personaxes moi fáciles de comprender, pero sen perder por iso de todo o compoñente estratéxico nos enfrontamentos. Uns gráficos fermosos que simulan un mundo de papel interpretado por personaxes do universo de Mario para contar unha historia bastante simple, pero cargada de escenas e diálogos divertidos.
22. Quake (1998) (2 xogadores)
Excelente conversión da versión de PC deste FPS, bastante fiel ao orixinal, pero eliminando algúns mapas, o cooperativo e con cambios, especialmente na música. En calquera caso, é un dos meus favoritos para esta máquina por dúas razóns: a súa xogabilidade é directa e sen complicacións e, por outra banda, é o máis fluído e estable de todos os do catálogo, o que fai que aínda hoxe se goce moito.
21. Rayman 2 (1999)
Tras o éxito do seu predecesor como xogo de plataformas 2D, esta secuela, seguindo a moda, transformouse nun xogo de plataformas 3D, aínda que cun desenvolvemento bastante lineal, con fases nas que debemos vencer inimigos, resolver quebracabezas e atopar lums. Probablemente o mellor deste xénero dos desenvolvidos por compañías terceiras.
20. Sin & Punishment (2000)
Un frenético shooter sobre raís en terceira persoa cunha historia bastante madura e interesante. A súa mellor baza é a combinación de accións: hai que apuntar e disparar a montóns de inimigos á vez que realizamos outras accións co personaxe para evitar ataques, como rodar ou saltar.
19. Mischief Makers (1997)
Un dos mellores xogos de plataformas con quebracabezas, que aposta por un deseño e un estilo gráfico 2D moi coloridos. Cunha historia simpática na que debemos superar máis de cincuenta niveis e cun bo control cuxas mecánicas principais consisten en agarrar, empurrar e soltar obxectos.
18. Diddy Kong Racing (1997) (4 xogadores)
Hai un debate aberto sobre se este ou Mario Kart 64 é o mellor arcade de carreiras e o certo é que non é fácil decidirse. DKR conta cun modo historia, exploración, variedade de situacións etc. En cambio, MK64, para min, ten un mellor sistema de obxectos e mellores deseños de circuítos. A decisión, ao final, é algo moi persoal, pero ambos son imprescindibles.
17. Mario Party 1-2-3 (1998-1999-2000) (4 xogadores)
Esta triloxía forma un conxunto fundamental para os amantes dos xogos de taboleiro e dos minixogos competitivos. Ningún deles resulta especialmente atractivo para xogalo só, pero o seu multixogador en reunións supera con fartura en diversión ao resto do catálogo.
16. StarFox 64 (1997) (4 xogadores)
Un shooter espacial 3D de scroll automático que aposta pola esencia arcade máis pura, cun sistema de vidas e partidas que non chegan á hora no mellor dos casos. Pode parecer un xogo curto, pero convida moito a repetir, xa que, explorando ben os escenarios, se poden descubrir varias rutas alternativas. Por último, o seu multixogador para catro xogadores é o mellor de combates aéreos desta xeración.
15. Mario Tennis (2000) (4 xogadores)
Novo xogo deportivo de Nintendo co universo de Mario, nesta ocasión, como indica o seu nome, baseado no tenis. Non hai moito que explicar: segue as normas principais do deporte e ten un control e unha xogabilidade exquisitos, cuxa mecánica principal aposta por colocarse canto antes para recibir a pelota e así facer golpes máis potentes. Conta con modo amigable, torneo, práctica ou minixogos nos que se rompe coas regras orixinais.
14. Turok 2: Seeds of Evil (1998) (4 xogadores)
Igual que o seu predecesor, é un shooter en primeira persoa no que asumimos o papel dun novo Turok co que salvar o planeta. O xogo supera con fartura a primeira parte, cunha contorna gráfica máis detallada, unha mellor intelixencia inimiga, que agora busca coberturas, e un amplo abano de armas que vai desde un arco ata pistolas, rifles, escopetas, o lanzagranadas e outras armas avanzadas. Outra das principais novidades é o modo multixogador.
13. F-Zero X (1998) (4 xogadores)
Un frenético xogo de carreiras futuristas que, como a primeira parte para Super Nintendo, aposta pola alta velocidade e pola nosa habilidade para tomar curvas ou adiantar. Graficamente é sinxelo e con pouco detalle, pero pon en movemento 29 rivais en cada carreira a 60 fotogramas constantes. Cómpre destacar o seu modo Death Race, no que temos que aniquilar 29 corredores o máis rápido posible.
12. Star Wars: Rogue Squadron (1998)
Un shooter de naves espaciais que nos amosa en pantalla mundos fantásticos que podemos sobrevoar con liberdade para cumprir diversas misións que narran os acontecementos dunha historia orixinal situada entre os episodios IV e V da saga. É un dos xogos co mellor apartado sonoro, que nos mete de cheo na emoción dos combates. Tamén cómpre mencionar un control perfecto que permite realizar facilmente calquera manobra e, non menos importante, a súa boa duración grazas á variedade de contornas e situacións das súas 16 misións.
11. Banjo-Tooie (2000) (4 xogadores)
Secuela directa do xogo de plataformas 3D Banjo-Kazooie, que destaca por levar á máxima potencia todo o amosado polo seu predecesor. Así, temos uns mundos moito máis amplos, o que se traduce nunha duración maior, un maior repertorio de poderes e habilidades, e uns diálogos cheos de dobres sentidos e humor tamén moito máis elaborados. Porén, ten dous fallos: a fluidez resíntese por momentos e o seu desenvolvemento é menos coherente, polo que non é raro quedar atascado sen saber que facer.
10. Tom Clancy’s Rainbow Six (1999) (4 xogadores)
Pode sorprender que escollese este como o meu mellor FPS, pero sorprendeume por ser o único que ofrece algo diferente, xa que, en lugar de buscar os tiroteos e a acción directa, aposta polo sixilo e a planificación táctica manexando un escuadrón de catro soldados co que debiamos rescatar reféns con ataques precisos, preferiblemente dun único disparo. Pódense controlar os catro personaxes xogando só, pero o mellor é xogalo con amigos para coordinarse.
9. Super Smash Bros (1999) (4 xogadores)
Primeiro xogo da saga de loita con personaxes das franquías de Nintendo, que non se conformou con copiar as mecánicas que xa funcionaban no xénero e apostou por un novo concepto de xogo no que os escenarios eran un dos factores máis importantes, con trampas, plataformas, caídas etc. E no que o obxectivo non é baleirar a vida dos rivais, senón facelos caer fóra do escenario, ao baleiro, o que é máis fácil canto máis dano lles inflixisemos antes, xa que os fai menos pesados á hora de empurralos.
8. Mario Kart 64 (1996) (4 xogadores)
MK64 é, para min, o mellor xogo de condución arcade sen regras de Nintendo 64. É un xogo da primeira fornada da máquina e, malia iso, luce bastante ben; o seu multixogador proporciona horas e horas de picas con amigos e, aínda que os seus 16 circuítos poden quedar algo curtos hoxe en día, hai que admitir que para o seu ano de lanzamento eran bastantes.
7. Conker’s Bad Fur Day (2001) (4 xogadores)
Plataformas 3D de acción e quebracabezas cunha historia para adultos chea de sexo, violencia, drogas etc. É o cartucho que máis exprime as capacidades da N64, cuns escenarios nítidos e texturas deslumbrantes cheas de detalles. Todos os personaxes contan con animacións faciais, entre as que destacan as do protagonista para expresar os seus estados de ánimo. Un apartado sonoro cunha gran dobraxe en inglés e múltiples referencias cinematográficas en clave de humor poñen o broche de ouro a un xogo único e imprescindible ao que só lle podo reprochar a dificultade absurda dalgunhas misións.
6. The Legend of Zelda: Ocarina of Time (1998)
Primeiro xogo da saga nun mundo aberto en 3D: é unha das mellores aventuras épicas da historia, cun mapa enorme, con lugares variados e cheo de masmorras que temos que explorar resolvendo quebracabezas para conseguir novos obxectos cos que derrotar varios inimigos finais en batallas emocionantes. Conta tamén cunha das mellores bandas sonoras de todos os tempos.
5. Resident Evil 2 (1999)
Segunda parte da saga que impulsou o xénero de terror nos videoxogos. Tecnicamente, ao usar fondos prerenderizados, non é dos que máis exprimen a consola, pero si as capacidades de almacenamento do cartucho. Destaca por unha historia para adultos con gore e violencia e grandes zonas de mapas que explorar cheas de trampas, inimigos e grandes quebracabezas; o máis orixinal é a opción de xogar a historia con dous personaxes na orde que queiramos, o que afectaba á trama e convidaba a xogar de novo.
4. Ogre Battle 64: Person of Lordly Caliber (1999)
O rol é o xénero máis débil de N64; porén, este é un dos mellores da xeración. Estamos ante un RPG táctico en tempo real no que temos que planificar e dar ordes ás nosas tropas sobre o escenario para cumprir os nosos obxectivos. Ten unha boa historia e a posibilidade de influír nela tomando decisións que determinan cal dos seis finais posibles veremos. O seu deseño gráfico é completamente 2D, algo que quizais o prexudicou no seu lanzamento, pero que lle permitiu envellecer mellor ca a maioría dos xogos 3D da súa xeración.
3. The Legend of Zelda: Majora’s Mask (2000)
O título máis escuro e raro da franquía, pero tamén un dos máis orixinais, xa que propón un bucle temporal de tres días, cos seus ciclos día-noite, como piar central das súas mecánicas. Temos sempre tres días dentro do xogo para viaxar ata unha masmorra e completala, pero o tempo afecta tamén a outros factores, especialmente ás rutinas dos NPC, que segundo a hora fan determinadas tarefas, algo clave para atopar e resolver multitude de misións secundarias; Shenmue xa o fixera anos antes de forma máis profunda, pero sorprende para as capacidades da N64.
2. Super Mario 64 (1996)
O primeiro xogo de plataformas 3D da mascota de Nintendo é un dos xogos máis revolucionarios da historia e sentou cátedra en deseño e xogabilidade nos daquela incipientes xogos en tres dimensións. Graficamente destaca para o seu ano e para ser un dos primeiros xogos de N64, pero o realmente incrible é que, dúas décadas despois, segue tendo unha xogabilidade cómoda para explorar a fondo as súas fases coloridas e variadas en busca das 120 estrelas escondidas.
1. Banjo Kazooie (1998)
Para min, o mellor xogo da consola: un xenial xogo de plataformas 3D no que a exploración de grandes e orixinais escenarios está deseñada de forma que sempre resulta divertida. Ten o mellor equilibrio entre rendemento e calidade gráfica da consola, un apartado sonoro de gran calidade e moito humor nos diálogos. É certo que bebe directamente do deseño, das mecánicas e do sistema de cámaras que introduce Super Mario 64, pero é dos poucos xogos que consegue melloralos e non ser un simple clon.